HomeMovementos sociais‘Feira da Carne ao Caldeiro’, a idea dun pobo para escorrentar o...

‘Feira da Carne ao Caldeiro’, a idea dun pobo para escorrentar o medo ás ‘vacas tolas’

Esta festa gastronómica, organizada pola Asociación de Veciños O Bubaiño de Castro, no Concello de Carballedo, chega o día 7 de abril á súa XIX edición. Falamos con Asunción, a súa presidenta, da festa, do traballo da entidade e dos atractivos do concello.

Publicado o

- Advertisement -

A Asociacion de Veciños O Bubaíño leva organizando a Feira da Carne ao Caldeiro desde os seus comezos no ano 2000.  A idea desta exaltación gastronómica xurdiu nun momento no que o sector cárnico estaba a pasar por un momento difícil. A poboación de Castro e todo o concello viven principalmente do sector agro-gandeiro e sector servizos. Castro, en concreto, ten dúas feiras ao mes os días 17 e 29, e nelas despáchase carne ao caldeiro e con moito éxito dada a calidade da materia prima e a súa elaboración ao xeito tradicional con leña de carballo.

No ano 2000, por mor do problema que houbera coas vacas tolas, produciuse  unha diminución na venda e dende a asociación tiveron unha gran idea. Tiñan claro que o problema non xurdira nin por culpa dos produtores de carne nin dos carniceiros do lugar e decidiron exaltar a carne ao caldeiro para escorrentar o medo ás ‘vacas tolas’ e demostrar a confianza que tiñan na súa xente e o seu produto. Asunción, “Hita para os amigos/as” contounos cousas moi interesantes ademais da peculiar orixe desta celebración.

Como foron os inicios?

Os inicios foron difíciles pois non contamos nos 7 primeiros anos con ningún tipo de axuda de ningunha administración.

A festa cumpre dezanove anos, sempre a organizastes vós?

Contamos só cos veciños do pobo de Castro que sempre colaboraron voluntariamente para levar esta festa a cabo. Como non tiñamos recursos económicos, os primeiros sete anos facíamos que coincidise co San Lázaro (festa parroquial) e as 4 casas -Mari Carme, María José, Eutimio e Benito- cocían a carne ese día para despachala como unha feira máis.

A partir do 2007 contamos cunha subvención da Xunta de Galicia e demos o paso para convertela no que é hoxe. Unha Feira debaixo dunha carpa con exposición e venda de produtos locais, artesanía, exposición e degustación de porco celta, fabas de Lourenzá, queixo. O Concello de Carballedo tamén axuda algo desde o pasado ano.

Estas pequenas achegas económicas supoño que axudan pero a esencia desta festa está no traballo do pobo, verdade?

A feira medrou en parte por eses apoios pero mantén a súa esencia popular grazas ao asociacionismo. Segue a colaborar todo o pobo para sacala adiante, dende as casas que cocen os días de Feira cocen para a Asociación debaixo da carpa como os veciños que serven e atenden ao público que se achega. Aquí non se contrata a ninguén, non hai subcontratas (risas). Fano todo os veciños/as e a carne segue a cocerse de xeito tradicional, con leña de carballo.

Carne cocendo no caldeiro preparada para comer. Foto: Asoc. Veciños Bubaiño de Castro

Que representa para o Concello de Carballedo esta data? Vén moita xente de fóra da Comarca de Chantada?

Para o Concello de Carballedo é unha data importante posto que puxo o nome do concello no mapa. Grazas á festa deuse a coñecer a poboación de Castro e o Concello de Carballedo de cara ao turismo. A esta festa acode xente de todo Galicia, ademais da comarca e da zona de Ourense. Cada ano sorpréndenos a xente que se achega de fóra da Comunidade, como é Barcelona, Ponferrada, etc. Reservan a fin de semana para asistir.

Canta carne se pode consumir o día da festa e en que cifra de comensais tendes o récord?

Nesta festa consúmese unha tonelada de carde ao Caldeiro e uns 400/500 quilos de richada, depende do ano. Contamos con ofrecer unhas 3.000 racións, incluídas as encargas que se levan para as casas da contorna.

Para poder xantar o día 7 hai necesariamente que reservar ou pódese chegar e ter acceso a degustar algunha ración de carne ao caldeiro?

Mellor é reservar porque a asociación arrisca quilos, pero non pode arriscar o dobre das encargas, posto que a feira autofinánciase. De tódolos xeitos, sempre hai carne richada que non é necesario encargar.

Carpa e comensais nunha edición anterior. Foto: Org.

Un pregoeiro distinguido para esta ocasión, cóntanos.

Anxo González Guerra, veciño de Trasar de Carballo en Carballedo. É filólogo e foi profesor de galego levando varios premios nacionais á innovación educativa.

O máis importante, desde o noso punto de vista, é que meteu o mundo rural dentro das aulas. Sempre estivo preto do rural, facendo actividades como o estudo  dos topónimos dos lugares de Carballedo, recolleu e mantén o patrimonio inmaterial de Carballedo como ditos, refráns e contos, así como o vocabulario propio do sector agro-gandeiro.

Carballedo é un deses concellos do interior de Galicia que case non se sabe que existe. É pola pouca actividade que tedes ou porque os medios non miran moito para vós?

Carballedo é pouco coñecido, pero consideramos que estamos a facer un esforzo importante entre concello e asociación para cambiar isto. E actividade temos bastante, na Asociación de Veciños O Bubaiño non paramos (risas).

Esta asociación leva feito, ademais da organización desta feira da carne, rutas de sendeirismo, está a traballar para promover o turismo no concello. Desde o punto de vista cultural fixéronse actividades como o Xirifolk -festa folk-, actividades con Pablo Carpintero e contamos cunha escola de música infantil -Homenaxe a Nicanor Rielo Carballo- Tamén traballamos no mantemento do pobo de Castro, na súa limpeza, na poda de árbores, defendemos os servizos básicos, como foi a creación e mantemento  do centro de Saúde, pechado recentemente ,etc.

En relación aos medios pensamos que, en xeral, non atenden moito o labor de asociacións como a nosa. Aproveitamos aquí para darvos as grazas por atendernos e contar connosco.

Para os que se barallen a opción de achegarse a Carballedo por primeira vez este domingo, como os convencerías? E aqueles que ademais de comer queiran coñecer a contorna, que lles recomendarías para ver?

Aqueles que nos visiten por primeira vez diríalles que veñan a probar a carne cociñada de xeito tradicional como xa non se fai en ningún outro lado. Gozarán do encanto que ten este pobo, que namora a todos/as os que se acercan, e desfrutarán tamén  do agarimo co que os veciños de Castro os acollerán, que dan ese día, como moitos outros, todo o que levan dentro.

Ademais da gastronomía poden aproveitar unha contorna natural única. Castro é unha porta de entrada á Ribeira Sacra, ten sendeiros incribles, miradoiros naturais, arquitectura románica -Monasterio Santo Estevo de Chouzán por exemplo- tanto civil como relixiosa, enormes e fermosas Carballeiras que lle dan nome ao concello e, como non, o Carballo de Cartelos, o máis antigo de Europa con máis de 1500 anos.

programación da xix feira da carne ao caldeiro

12:00 h. Apertura de postos de artesanía e produtos locais.

12:45 h. Pregón a cargo de Xosé Anxo González Guerra.

13:00 h. Degustación de produtos das cooperativas de porco celta, faba de Lourenzá e Requeixo.

13:30 h. Xantar no recinto feiral.

16:00 h. Actuación musical.

A xornada festiva estará amenizada polo Grupo de Gaiteiros OS CHANTADINOS.

ÚLTIMAS

3ª edición de ‘Brincadeira’, o festival que recupera o ‘brindo’ na Pobra do Brollón

Brindadeira xurdiu no ano 2023 como parte dunha iniciativa do goberno municipal para recuperar...

75.000€ para mellorar a Praza Luis García Arias en Chantada

Esta praza reformárase hai 15 anos co bipartito para crear un espazo complementario aos...

Quiroga presenta as actuacións das festas de verán que se celebrarán do 7 ao 11 de agosto

As festas do xoves abriranse cun concerto do grupo local, Mario Colomán & The...

O PP de Ribas de Sil denuncia que non se convocan os plenos cada dous meses

Os concelleiros do PP de Ribas de Sil denuncian que o alcalde está a...