HomeEn profundidadeA choiva non puido co tirón da Festa da Carne ao Caldeiro

A choiva non puido co tirón da Festa da Carne ao Caldeiro

Unha crónica da volta, despois de tres anos de parón, desta senlleira festa gastronómica que tivo lugar o 23 de abril e que pon a Carballedo no mapa. Especial atención ao pregón que ofreceu o catedrático da USC Rubén Lois.

Publicado o

- Advertisement -

O domingo pasado por auga en Castro de Carballedo non foi impedimento para que os 1500 quilos de carne, que coceron e serviron as e os voluntarios deste encontro gastronómico que organiza a Asociación de Veciños/as O Bubaíño, quedaran escasos. Rubén Lois González, o pregoeiro, exaltou as nosas tradicións rurais e gastronómicas, prestándolle especial atención á carne ao caldeiro.

Lume con leña de carballo / XdL
Carne cocendo / XdL
Charanga Unión Phenosa / XdL

Dende a mañá houbo animación musical a cargo do grupo de gaitas Fiadeiras e da Charanga Unión Phenosa, agrupacións que tocaron no recinto feiral e tamén dentro da carpa antes e despois do xantar. Tamén houbo diferentes postos de produtos locais, artesanía e roupa; un atractivo engadido para facer compras e encher un pouco o tempo. A partir das 17:00 h. os grupos anteriores déronlle relevo a Cé Orquestra Pantasma, que animou o interior da carpa co seu repertorio de música e cantos populares.

A presidenta da Asociación de Veciños O Bubaíño, Asunción Gómez, “Hita”, comentaba que xa era mala sorte volver despois de tres anos e ter un día de choiva como veu, pero ao mesmo tempo estaba satisfeita e contenta porque a participación non se resentiu, a carpa estaba chea e deuse conta dos 1500 quilos de carne que se coceron nos caldeiros. A xente gozou da carne ao caldeiro e da carne richada como sempre e, polo visto ese día, se houbese máis tamén se houbera comido.

Hita atendendo á prensa / XdL
Momento do pregón a cargo de Rubén Lois. Foto cedida Asoc. Veciñal O Bubaíño.

O PREGOEIRO E O PREGÓN

O pregoeiro deste ano foi Rubén Camilo Lois González (Palas de Rei, 1961), xeógrafo, político, urbanista e profesor universitario. Licenciouse en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela no 1984 e doutorouse en xeografía pola mesma Universidade no 1992.  É catedrático de ‘Análise Xeográfica Rexional’ da USC onde exerce a docencia dende 1990.

Entre os anos 2005 e 2009 foi director xeral de Turismo co bipartito, dende o 2018 é vicepresidente da Unión Geográfica Internacional e neste 2023 nomeárono académico corresponsal universal pola Academia Nacional de Geografía da República Argentina.

No que se refire ao pregón, Rubén dedicoulle un interesante discurso popular á Feira da carne ao caldeiro. Comezou referíndose á nosa sociedade como maioritariamente rural e labrega, lembrou a importancia que para nós teñen as festas e as feiras, e rematou dándolle protagonismo ao manxar cárnico que se exaltaba en Castro de Carballedo.

“A sociedade era labrega e as persoas só contados días ao mes saían da parroquia. Cando o facían todo era unha festa”. Con esta referencia, Rubén Lois puxo aos presentes en situación, evidenciando que antigamente nestes eventos o galego podía saír da casa, das fronteiras xeográficas e sociais das aldeas, para ver mundo e outras xentes. En palabras del: “as feiras constituían a gran fiestra para ollar o exterior: podían distinguirse os señoritos das vilas, os americanos retornados que fixeran algo de fortuna, comíanse produtos do mar como o polbo, o pan e as rosquillas adoitaban diversas formas, as mesas longas de comedores e os caldeiros constituían a culminación dun día especial”.

Ademais do compoñente festivo, xuntanzas como a de Castro de Carballedo serven para facer negocio pois, segundo lembrou o pregoeiro, “as feiras serviron desde a Idade Media para comerciar… nunha economía da subsistencia eran a vía para conseguir un pouco de diñeiro e para aprovisionarse do que escaseaba na aldea”.

E nese comercio que se crea nestes encontros, a vaca e a súa carne sempre foron moi importantes. “As vacas eran a facenda. O número de vacas explicaba a riqueza dunha casa”, comentou Rubén Lois anticipando que grazas a elas temos a carne que fai posibles encontros gastronómicos coma o de Castro de Carballedo. Neste punto, Rubén Lois preguntouse “Que carne botar ao caldeiro?”, e a continuación contestouse dicindo que “unha carne de tenreira ou vaca nova que teña un pouco de graza, para ao cocer manteña a substancia”. E se hai dúbidas de escoller entre falda ou agulla, concluíu que o mellor sería sempre botar das dúas.

Como remate referiuse a Castro como lugar emblemático de celebración de feiras desde hai séculos e visualizouno como “capital do movemento slow –lento e paseniño–“ e afirmou que “as súas magníficas carnes ao caldeiro elaboradas nas súas feiras e festas poden ser o emblema da recuperación turística desta área tan atractiva da Ribeira do Miño”.

ÚLTIMAS

Este 20 de abril celébrase a imposición das Medallas do Concello de Monforte aos policías locais Eusebio Cuesta, a título póstumo, e Francisco Cao

A imposición de Medallas pon fin ao procedemento de Símbolos e Distincións recollido na...

Vicepresidencia recupera os restos da antiga torre do Pazo de Tor en Monforte

O proxecto pretende poñer en valor este elemento construtivo, contiguo ao muro de peche...

Máis de 350 proxectos atendidos no polo de emprendemento de Monforte

Mariño explicou que este centro ten atendido máis de 350 proxectos e promovido a...

O PP de Monforte leva a pleno solucionar as “deficiencias” do Polígono do Reboredo

Na moción que defenderán os concelleiros do Grupo Municipal Popular pídese ao goberno local...