HomeEn profundidadeMostra do Aceite de Quiroga: 23 anos dando a coñecer o aceite...

Mostra do Aceite de Quiroga: 23 anos dando a coñecer o aceite virxe extra autóctono

O domingo 14 de maio celébrase en Bendilló unha demostración da moenda tradicional e 5 colleiteiros darán a coñecer e comercializarán os seus aceites. Falamos con dous deles.

Publicado o

- Advertisement -

A Mostra do Aceite de Quiroga, declarada de Interese Turístico de Galicia, chega este ano á súa XXIII edición. A contorna da Capela das Farrapas, na localidade de Bendilló, acollerá o recinto feiral no que estarán os postos dos 5 colleiteiros presentes —Ouro de Quiroga, Jesús Bao Mondelo, Jesús Arias Rodríguez, Aceiroga e Pedro Soto Losada— e outros de artesanía e produtos locais.

Exterior Muíño das Farrapas en Bendilló / XdL
Interior Muíño das Farrapas, en Bendilló. Foto: XMF

Nesta localización atópase tamén un dos protagonistas desta mostra, o muíño de Bendilló. É, quizais, o mellor conservado de cantos se poden atopar aínda hoxe no Concello de Quiroga, está a poucos quilómetros da capitalidade e nel terá lugar unha demostración da elaboración de aceite ao xeito tradicional. Trátase dunha recreación do proceso daqueles tempos co esmagado das olivas coa roda de pedra impulsada pola forza dun burro, posterior prensado nos capazos e filtrado final con auga quente.

O muíño en cuestión consta de pía para moer, mazo para prensar e decantadora; o edificio é unha construción de pedra e lousa con cuberta a unha auga, totalmente restaurado no 1993 polo Concello de Quiroga. Resulta difícil precisar a antigüidade que ten pero tense constancia de que este tipo de enxeños estea relacionado coa presenza dos romanos a partires do século II.

No que respecta ao programa, a apertura da Mostra será ás 11:30 h. coa posta en funcionamento do Muíño de Aceite de Bendilló e comezo da demostración da elaboración tradicional do aceite; unha representación etnográfica digna de ver para valorar os traballos de antes.

A esa hora tamén se abrirán os diferentes postos e paralelamente poderase ver na propia Capela das Farrapas unha proxección audiovisual do proceso de elaboración, dende a recollida das olivas ata que se moen e se obtén o aceite.

A partir das 12:00 h. o grupo tradicional “O Recanto” amenizará o recinto e ás 13:00 h. actuarán os Grupos de Danzas “San Martiño” e “Arume da Queiruga”.

O Recanto nunha edición anterior. Foto: XMF

FALAMOS CON DOUS DOS COLLEITEIROS

Manuel Mondelo é un colleiteiro que leva moitos anos traballando as oliveiras quiroguesas dende o seu Bendollo natal. “Oficialmente levo comercializando aceite dende o ano 2005 pero lembro facelo de toda a vida na casa. Antes, a recollida das olivas era unha festa…”, comenta Mondelo.

Sabemos que este núcleo rural de Quiroga chegou a ter en funcionamento dous muíños, feito que fala do potencial aceiteiro que debeu ter. E dende hai anos, grazas en parte ao labor de Mondelo que conta actualmente con 2000 oliveiras, Bendollo está a recuperar ese esplendor.

Preguntamos como se deu este ano a produción e dinos que a el baixoulle sobre un 50 ou 60%, “este ano foi moi atípico, había oliveiras a tope e outras ao lado que non tiñan nada”, dinos. Segundo nos conta, condicións climatolóxicas de humidade como a proximidade das oliveiras respecto do río, o excesivo aire ou as brétemas, prexudican a floración. En cambio, un sitio aberto onde entra o sol favorécea. E tamén axuda a mellorar as producións unha boa poda, o abono, tratamentos de sulfato de cobre e o regado nalgúns casos. “Con que chova 500 ou 600 litros por mil ao ano, as oliveiras xa se autoabastecen. Pero tamén depende da terra, se aguanta máis ou menos a auga”, explica este colleiteiro de Bendollo.

Manuel Mondelo cun posto no ‘Mercado de artesanía Alimentaria’. Foto: Aceiroga.

No que se refire á calidade, esta é boa. E segundo analítica recente, a acidez que lle deu é dun 0,21, o que sitúa o aceite nun virxe extra de alto nivel. O ouro verde deste ano, a partir de olivas recollidas a finais do 2022, comeza a comercializarse a partir de marzo e abril, co cal para esta mostra de aceite de Quiroga chega no momento xusto. Mondelo levará a Bendilló este domingo 14 de maio preto de 200 litros para a venda. Aceiroga, a marca baixo a que comercializa o produto, chega a toda Galicia e ten moita saída en Vigo, A Coruña ou Santiago, pero tamén en cidades como Madrid, Barcelona ou Bilbao. Como anécdotas refire que nestas vendas por internet, polos apelidos das persoas que o mercan, moitos son clientes galegos; e que tamén ten casos de compras para agasallos de Nadal e de xente que se achega a Bendollo para mercar para o consumo de todo o ano.

Aceiroga, marca que comercializa Manuel Mondelo / XdL

Falamos tamén co colleiteiro local Pedro Soto, outro quirogués que contará con posto na Mostra do Aceite de Quiroga. Cóntanos que levará uns 100 litros dunha produción que este ano se viu moi minguada por factores climatolóxicos, sobretodo as “brétemas que impediron callar a flor”.

“A calidade é moi boa pero a mágoa é que se conseguiu pouco, no meu caso tiven un 25% respecto da produción do ano anterior”.

Pedro Soto vive no Ivedo, núcleo do concello de Quiroga onde ten o seu maior oliveiral, conta no seu haber con anos de recuperación de oliveiras e dispón dunha almazara pequena propia para o seu servizo.

Oliveiral no Ivedo. Foto: Pedro Soto.
Envase para esta Mostra do Aceite do colleiteiro Pedro Soto. Foto cedida por el.

ÚLTIMAS

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...

A Vicepresidencia da Deputación ofrece 50.000€ anuais para o Matadoiro de Sarria

Na xuntanza, na que participaron o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, a alcaldesa de...

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...