HomeEn profundidadePaula Verao: Hai que ser máis ambiciosos nos concellos de aquí para...

Paula Verao: Hai que ser máis ambiciosos nos concellos de aquí para ter futuro aquí

"No caso da auga é urxente facer un plan de aforro e de eficiencia para que non volva a faltar, que cando falte no verán haxa usos prioritarios, que se garanta en tódolos lugares. E co boom turístico que hai en Sober aínda non se fixo unha reunión ampla do sector para analizar que eivas hai, que problemas detecta a xente que traballa a nivel de base do turismo, que potencialidades hai e facer un plan de desenvolvemento turístico", asegura a candidata de Agroma Sober, Paula Verao.

Publicado o

- Advertisement -

Agroma Sober nace no 2015, desde aquela, a formación política sempre contou con dous concelleiros na corporación. Desde o 2019 estas iniciativas veciñais que veñen a completar o panorama político, únense a través de Por un Interior Galego Vivo. A candidata de Agroma Sober, Paula Verao, leva desde o 2012 vencellada á política, cando participou na candidatura de Alternativa Galega de Esquerda. A ilusión é gobernar en Sober despois do 28 de maio “somos un equipo excelente para gobernar”, asegura a candidata de Agroma Sober e anuncia que o peche de campaña se fará este venres coa estrea dunha canción de campaña.

Porque se mete Paula Verao en política?

Por unha necesidade de querer facer as cousas diferentes, por formas distintas de ver a sociedade. En Sober, por exemplo, sempre gobernou o PP e é esa vontade de facer cousas diferentes.

Nos comezos de Agroma Sober, foi fácil facer esa candidatura?

Si, moitas/os viñamos do BNG e sumouse máis xente e foi moi fácil, si. No 2015 co 15M había ese espírito de facer algo distinto. No 2019 fixemos a candidatura só de mulleres, en 24 horas xuntamos á xente, eramos suficientes para a lista, pero tiñamos esa idea de fomentar a participación das mulleres e conseguímolo.

De que estades máis orgullosas do feito ata agora?

De que facemos moitas cousas á marxe de que non esteamos gobernando. Levamos adiante ideas que ás veces as asume o goberno e tamén facemos propostas sociais. Agora comezamos cun banco de intercambio municipal nun local no que de momento se intercambia ropa usada, queremos fomentar unha economía circular, dar unha segunda vida ás cousas e niso estamos traballando xa, en crear espazos de intercambio para a xente. Diso estamos orgullosas, desa idea de impulsar cousas, facer rutas, quedadas para limpezas, colaboramos na castración de colonias de gatos que estaban descontroladas. Traballamos nas nosas iniciativas desde a oposición.

E para executalas cando non contades co respaldo do concello, como facedes?

No tema dos gatos colaboramos con Miau Lemos, ou se aparece a posibilidade de colaborar con outras asociacións e son as veciñas e veciños da candidatura as/os que traballan para ir facendo estas cousas.

Como é a relación cos partidos que estades nun Interios Galego Vivo? Que ofrecen de diferente estes partidos con respecto aos partidos de sempre?

A relación é moi boa desde que constituímos a rede destas candidaturas, neste ano fixemos un programa común, colaboramos e intercambiamos información ante problemas similares.

Ofrecemos de diferente, flexibilidade, no senso de que cada un aporta o que pode, dá a súa visión. Non hai directrices aínda que hai un programa común ético, ideolóxico. Compartimos que se viva ben no interio galego, é algo máis vivo e máis dinámico.

Que percibides que ve a xente en vós, nestes partidos de Interior Galego Vivo?

Algúns ven a un partido que non ten iso que falabamos, ataduras con partidos xerais. Ven que pensamos en primeiro lugar na necesidade de vivir aquí, de crear alternativas desde aquí e ven a cercanía. Somos veciñas/os coñecidas/os, persoas moi participativas que forman parte de asociacións.

Que obxectivos tedes nestas eleccións?

Hai de todo, hai concellos aos que se pode chegar á alcaldía como en Chantada ou Vilardevós en Ourense, outros nos que hai expectativas boas como no Courel e outros nos que a expectativa é seguir mantendo esa voz diferente na corporación. En Sober se a veciñanza quere sería xenial poder estar no goberno.

Se chegarades á alcaldía que cambiaría en Sober?

Nos primeiros meses elixiriamos democráticamente aos pedáneos de cada parroquia, daríaselle vidilla con aumento de participación nas parroquias onde está habendo creatividade de festas e outras iniciativas, integralos no concello.

No caso da auga é urxente facer un plan de aforro e de eficiencia para que non volva a faltar, que cando falte no verán haxa usos prioritarios, que se garanta en tódolos lugares. E co boom turístico que hai en Sober aínda non se fixo unha reunión ampla do sector para analizar que eivas hai, que problemas detecta a xente que traballa a nivel de base do turismo, que potencialidades hai e facer un plan de desenvolvemento turístico, convocar unhas xornadas de formación.

Agroma Sober candidatura 2023 / Agroma Sober

Tamén sería do primeiro que fariamos a ampliación da gardaría, que xa está anunciada, que tivera cociña propia no centro que é algo que falta e é fundamental para a concilicación, os tres primeiros da lista temos nenas/os desa idade. Aumentariamos os programas infantís de conciliación para que teñan tamén un contido educativo e non só actividades por facer. Contratar a unha educadora social para reforzar os servizos sociais. Este servizo funciona ben, pero reforzalo cunha educadora social que fixera programas socioeducativos coa infancia.

Para Paula Verao que foi o peor do equipo de goberno visto desde a oposición?

O non atender moitas veces as peticións e as quiexas en tempo, e deixar pasar tanto tempo que as cuestión fanse máis grandes, esas cousas que comezan sendo pequenas, unha pista, unha luz,… Hai que tomarse máis en serio a contaminación da auga. O sistema de depuradoras ten que estar máis controlado, houbo anos que non se fixo mantemento e iso tería que ser algo prioritario. Esas serían as principais críticas, deixar morrer os temas e que hai que estar insistindo e a situación da auga.

Como está sendo a campaña de Agroma Sober?

Non iamos facer tanta cousa, pero fómonos animando. Grazas á incorporación de xente nova e estamos indo a todas as parroquias ás que levamos as 22 medidas que temos. Colgamos en internet as nosas propostas e as nosas visitas, que á xente lle gusta verse. Para rematar imos presentar unha canción de campaña, temos músicos na candidatura e xa a temos, faremos unha festa de fin de campaña o venres a partir das 20.00 no bar de Rosende. Haberá pinchos e música.

É unha campaña clásica porque imos aos sitios, pero estámoslle dando ese toque de difusión na rede, a xente maior está conectada á rede e míranos e coméntanos.

Non che da a sensación de que cada vez máis, a xente pasa da política?

Hai menos mobilización que no 2020, por exemplo. Hai comentarios de eu non son político, pero a continuación é non son, pero penso que hai que facer isto. Coa persoas que falamos creo que nos comentan máis cousas nesta campaña porque non nos ven como un partido clásico, eu é a sensación que teño.

Estas candidaturas alternativas poden ser o futuro dunha tendencia cada vez menos bipartidista?

PP e PSOE teñen bastante capacidade de resiliencia, as/os votantes teñen moito sentido de identidade. Nos últimos tempos aparecen opcións rexionais ou de lugares e cada vez aparecen máis, hai volatilidade. Durante a campaña atopamos xente que en Sober votaríanos a nós, pero noutro concello vota a outro e nas xerais a un partido diferente. Esa permeabilidade vai aumentando e creo que por sorte nunca volveremos ao bipartidismo. Eu creo que os gobernos de coalición son mellores que as maiorías absolutas, permiten máis debate e pluralidade.

Nós temos a opción de ser unha voz diferente nesta crise que hai. En Sober non hai esa confrontación política doutros lados e creo que nós aportamos moito niso, porque non só facemos crítica senón propostas.

Un desexo para o resultado electoral, que che gustaría que pasara en Sober?

Gustaríame que nós sacaramos a maioría porque as 6 persoas que imos de primeiras serían un equipo excelente para gobernar, gustariame sacar 6 concellarías, a maioría absoluta e gobernar, incluso integrariamos a xente das outras candidaturas.

Que lle di Agroma Sober á veciñanza de cara o 28 de maio?

A mensaxe é que se pode facer máis desde os concellos de aquí para que haxa emprego, que é a principal preocupación que hai en Sober, vivir na zona. Hai que coordinarse desde todo o interior como facemos desde Interior Galego Vivo para que non perdamos servizos, que melloremos os que temos para que a xente poida vivir aquí e que cremos emprego estable sen precariedade. Necesitamos un pacto grande polo futuro do sector agrario que ten moitas potencialidades e non se están explotando. Os concellos poden facer máis e tamén a Deputación. Hai que ser máis ambiciosos nos concellos de aquí para ter futuro aquí.

Agroma Sober en campaña

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...