A nova identidade corporativa de Daveiga busca transmitir, en palabras de Xosé Lois Lamazares, Coordinador Xeral da empresa: “o dinamismo propio dunha empresa acorde á súa historia, á súa visión, aos seus valores e á súa equipa. Trátase dun cambio que, sen romper coa esencia da empresa, impulsa a marca e enriquécea, construíndo unha identidade máis sólida e con máis personalidade, frescura, creatividade, diversión e maior conexión coa actualidade”.
A evolución do logo constitúe un paso máis no proceso de transformación no que Daveiga vén traballando nos últimos tempos e co obxectivo, din, “de proxectar unha imaxe máis moderna, flexible e dixital”. O anterior logotipo levaba vixente desde 2006, e a idea de crear unha nova imaxe busca expresar visualmente a transformación e evolución da empresa. Agora, ese logo é simplificado e modernizado para adaptalo aos novos tempos, co fin de xerar unha expresión de marca máis actual e limpa que conecte cos distintos públicos aos que a compañía se dirixe.
A nova identidade recolle deste xeito a aposta da empresa galega polo minimalismo e as contornas dixitais sen perder a esencia da marca. “Mantense o mariñeiro como imaxe icónica, pero esta vez con detalles simplificados que expresan modernidade, acompañada por unha nova imaxe corporativa que segue as cores diferenciadas da marca e cunhas novas tipografías totalmente pensadas e optimizadas para as contornas dixitais”, comenta Xosé Lois.
NOVAS BOLSAS
En canto ao deseño de packaging a empresa encargada da creatividade optou por un fondo branco para transmitir transparencia e sinxeleza que permita á vez destacar nun lineal saturado de marcas. Un exercicio de limpeza de mensaxes que sintetiza a información para unificar a gama e permitir ao consumidor entender de xeito doado o produto que está a comprar e os seus posibles (e infinitos) usos.
Incorpórase ao deseño unha descrición do produto que o identifica e diferencia no mercado doutro tipo de galletas: “O pan sen miga”. Deste xeito transmítese o concepto do produto e a súa orixe: unha solución dos mariñeiros para conservar o pan, de forma natural, nas longas travesías.
O pan sen miga
EN VARIAS LINGUAS PERO PRIMANDO O GALEGO
No novo deseño das súas bolsas incorpóranse contidos en 6 idiomas, destacando como primeira lingua o galego para amosar o compromiso e vínculo da marca co territorio. As outras linguas presentes son o eúscaro, catalán, español, portugués e inglés, idiomas que se teñen en conta como recoñecemento da empresa a outras linguas empregadas por moitos dos seus consumidores.
destacando como primeira lingua o galego para amosar o compromiso e vínculo da marca co territorio
NOVOS SABORES
Ademais do cambio de imaxe, Daveiga lanzou dous novos sabores na súa gama de Mariñeiras naturais: de sabor integral e sen sal. Ambas variedades están enfocadas e pensadas para cubrir demandas e necesidades de consumidores actuais.
Daveiga lanzou dous novos sabores na súa gama de Mariñeiras naturais: de sabor integral e sen sal
O proceso de cambio de imaxe de DAVEIGA foi implementado e desenvolvido por Lacía, empresa especializada en branding e deseño de packaging. “O seu profundo coñecemento da marca e a súa experiencia foi clave para reflectir a nova Daveiga na súa imaxe e identidade corporativa”, di Xosé Lois Lamazares, Coordinador Xeral da empresa.