HomeEn profundidade‘LamasDulce’: as galletas personalizadas e feitas con moito mimo de Mayra Lamas

‘LamasDulce’: as galletas personalizadas e feitas con moito mimo de Mayra Lamas

Achegámonos ao obradoiro que ten na Rúa Corredoira de Monforte para coñecer como naceu e como avanza este negocio familiar que levou o 2º premio do IX Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra a finais do 2023.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Quen lle diría anos atrás a Mayra Lamas que, sendo licenciada en Historia e traballadora dunha perfumaría en Monforte, acabaría comercializando galletas decoradas personalizadas? Seguro que ninguén.

Agora ben, se prestamos atención aos últimos anos, dende que Mayra empezou a facer galletas decoradas para que as súas fillas levaran ao Colexio nos aniversarios; e dende que empezaron a chegarlle encargos de pais dese mesmo colexio e de amigos/as… seguro que xa moitas e moitos do seu entorno pensaban que “se podía dedicar a iso” polo ben que se lle daba. Neste punto, a idea de cambio de vida, e de dedicación profesional, xa se podía intuír ou ver máis próxima.

Un dos encargos de galletas personalizadas para un cliente de Monforte. Foto: LamasDulce.

O caso é que, segundo conta Lamas, o instinto de superación por mellorar unhas primeiras galletas para as súas fillas que non cumpriron as expectativas, e a promesa de que “un día estarían orgullosas das galletas que lles faría a súa nai”, fixeron posible o nacemento de LamasDulce, marca e nome comercial do obradoiro de galletas que xa está en marcha en Monforte. Falamos coa protagonista deste soño feito realidade.

Como e cando foi o teu primeiro contacto coa repostería?

A verdade é que me gusta moito facer postres e doces, non che sabería dicir idade pero dende moi pequena gustábame mesturar ingredientes e elaborar distintos produtos. Iso si, ao principio non todos comestibles

Cando empezaches a facer galletas artesanais e personalizadas?

Cando as miñas fillas ían á gardería, quería que lles levaran aos seus compañeiros un detalle comestible, doce e que reflexaran realmente a súa personalidade ou os seus gustos. É por iso polo que despois de mergullarme na internet, atopei unhas galletas de manteiga riquísimas que se decoraban con glasa real, o que permitía que aquela galleta estivera decorada co debuxo que se quixera, e ademais, estaría realmente rica…

Ao final a galleta non se parecía en nada ao deseño que tiñamos pensado, polo que as nenas tiveron que levar outra cousa para os seus compañeiros. Ese día prometinlles que un día estarían orgullosas das galletas que lles faría a súa nai, e desa promesa nace LamasDulce varios anos despois.

Como é, resumidamente, o proceso de elaboración?

Pois facemos distintos tipos de produtos, dende cookies con chocolate, galletas de manteiga a galletas totalmente personalizadas, polo que cada produto é diferente. Pero o noso produto estrela, as decoradas, baséanse na elaboración dunha galleta de manteiga.

Unha vez sacadas do forno e desengraxadas as galletas, elaboramos unhas glasas de cores (unha mestura de azucre, colorante, auga e albúmina de ovo). Esa glasa deposítase a man realizando o debuxo que lle queremos dar á galleta. Temos que xogar moito cos tempos de secado para que esas formas poidan facer relevos e poder dar a espectacularidade de ver o debuxo en tres dimensións. Entre os pasos de glaseado de cada galleta ten que pasar bastante tempo, por iso dicimos que tardamos varios días en poder rematala.

“Ese día prometinlles que un día estarían orgullosas das galletas que lles faría a súa nai, e desa promesa nace LamasDulce varios anos despois”

O feito de personalizalas implica imaxinación, creatividade e habilidade gráfica; e sempre co reto de acertar co cliente. Como levas este tema?

Aquí debo de dicir que teño algo de axuda, pois a miña parella informática (Jose) bótame unha man no tema dos deseños.

Por sorte temos moitísimos modelos xa feitos, polo que en moitos casos os nosos clientes pídennos algo semellante ao realizado. No caso de que veñan cunha idea fixa pois adaptámonos ao que nos piden aínda que sempre tentamos aconsellalos sobre todo na combinación de cores para que se poidan apreciar ben os volumes. Ademais, facemos os nosos propios cortantes de galletas, polo que somos capaces de realizar calquera forma que o cliente solicite, en ocasións envíannos fotos ou debuxos de como queren que queden, e nós, na medida do posible, adaptamos ao produto.

Mayra e Jose no obradoiro de Monforte. Foto: XMF

Unha afección que foi a máis, por encargos de amigos/as e polo éxito das túas publicacións en redes sociais, verdade?

Si, ao final eu sempre o comparo cunha boliña de neve que comeza a rodar, ao principio facíaas no meu tempo de lecer simplemente polo pracer de mellorar. Por suposto acabábanas papando as miñas fillas e o meu marido polo que houbo un momento no que as tiña que agasallar.

De seguido comezou a medrar a boliña e comezaron a pedirmas amigos e compañeiros das miñas fillas, polo que comezamos a ver que habería demanda deste tipo de produtos ao non existir algo semellante por toda a contorna.

Dende LamasDulce tentamos publicar a maioría dos produtos elaborados, esa visibilidade permítenos que posteriormente os clientes xa veñan cunha idea de galletas para os seus eventos.

E o seguinte paso, emprender. Como foi?

Eu estaba traballando nunha perfumaría pero sentín que tiña a necesidade de mudar de rumbo. É por iso polo que decidimos arriscar e romper completamente a miña traxectoria profesional. Vimos que aquilo que eu facía por diversión podería converterse nunha empresa, ademais por sorte na casa tiñamos un sustento económico o que nos permitía lanzarnos a emprender.

“Apetecíanos traballar de xeito artesanal, principalmente con produtos da zona e cunha produción limitada”

LamasDulce non xurdiu da noite para a mañá, a idea veu madurando durante anos, non queriamos facer nada que existira en Monforte ou na contorna polo que descartamos o tema de repostería. Apetecíanos traballar de xeito artesanal, principalmente con produtos da zona e cunha produción limitada, algo que nos permitira trasladar moito mimo sobre cada produto que saíra das nosas mans.

Por un lado, antes, durante, e despois do confinamento realicei moitas horas de formación online, aprendendo técnicas, texturas.. todo iso fixo que os nosos deseños pasaran de ser aceptables a, consideramos, espectaculares.

Por outro lado temos formación de administración de empresas o que nos facilitou realizar unha análise máis polo miúdo da idea, e definir mellor a nosa liña de negocio… Posteriormente realizamos o Coworking Ribeira Sacra do que sacamos algunha idea a maiores e seguimos madurando o proxecto empresarial.

O 2º premio do concurso de ideas empresariais Semente Ribeira Sacra 2023, un impulso máis, e a confirmación de que vas no bo camiño?

Claramente, como ti dis ese segundo premio supuxo un impulso económico e un enorme impacto para facernos ver na nosa contorna, pero se con algo nos temos que quedar é coa expectación que xerou o noso proxecto.

Lembro perfectamente que, unha vez lle detallamos a nosa idea de empresa, moitos empresarios nos felicitaban polo carácter innovador do proxecto, así como pola viabilidade do mesmo. Moitos confesábannos que ao principio non entendían que empresa queriamos montar, pero que quedaran abraiados unha vez lles explicamos os nosos plans e o noso funcionamento.

Ese segundo premio no Semente Ribeira Sacra supuxo un enorme punto de apoio. Que grandes empresarios e políticos digan que apostan pola túa empresa afianzounos no que nos sempre viamos, que o proxecto ten moito percorrido.

Gala Premios IX Concurso Semente Ribeira Sacra / Semente de Monforte

Cando abriches o obradoiro da Rúa Corredoira e como van estes primeiros meses de actividade? 

Dende principios deste mes de marzo xa estamos operativos ao 100% no noso obradoiro novo e deste xeito temos unha maior capacidade de traballo que anteriormente sería completamente imposible asumir. Pouco a pouco imos  melloralo tanto con máis equipamento no interior coma con máis proxección cara o exterior aínda que, como todo o percorrido da nosa empresa, imos paseniño.

Por sorte temos moitos pedidos pois pouco a pouco a xente vaise acostumando ao noso traballo e xa non só para acontecementos como vodas, bautizos, comuñóns, cumpreanos… senón que estamos detectando que cada vez máis empresas queren facer un agasallo distinto, artesán e personalizado.

Ademais, coa nova liña de produtos realizamos deseños para empresas mediante unha técnica de deseño e impresión directa sobre o produto. Este tipo de traballo permítenos realizar algúns deseños de xeito máis áxil podendo plasmar logotipos e imaxes que anteriormente resultaba moi complicado e moi custoso.

Mayra no seu obradoiro, na Rúa Corredoira de Monforte, amosando galletas para a Feira Medieval de Monforte. Foto: XMF.

O mercado local, de proximidade, entendemos que vai rodado porque xa es moi coñecida. De cara a vender fóra desta ‘zona de confort’ como está sendo a túa estratexia?

Sabemos que nos nosos inicios debemos de medrar na Ribeira Sacra cun servizo de proximidade e está claro que arestora a maioría dos pedidos son de xente da contorna, pero pouco a pouco imos saíndo e xa é rara a semana que non temos que realizar algún envío.

Sempre se di que onde te van valorar máis e fóra do teu entorno, pero no noso caso está sendo ao revés. Non é que non se nos valore fóra, senón que a nosa xente está apostando moito polos nosos produtos polo que estamos moi, moi agradecidos.

Aínda que moitos pedidos son de proximidade, todos eles chegan por as mesmas canles que os pedidos online. Isto é así porque LamasDulce é un obradoiro artesanal, non unha tenda de galletas. Todos os traballos son personalizados en base ás peticións dos clientes, todos agás os que levamos a feiras ou para datas especiais como Nadal, pascua… Dende a nosa páxina web, teléfono e dende os nosos perfís de facebook e instagram somos accesibles para todo o mundo polo que nos chegan pedidos dende puntos nos que descoñecíamos que poderíamos chegar.

“LamasDulce é un obradoiro artesanal, non unha tenda de galletas”

Recentemente temos acordado traballos con empresas que ata nos sorprendeu que nos chamaran dende a outra punta do país. Pouco a pouco imos saíndo, e a verdade é que resulta emocionante que dende un recuncho da rúa Corredoira cheguemos a puntos tan lonxanos.

A nosa visibilidade está nas redes e internet, pero onde nos gusta estar é en contacto coa xente, por iso sempre que podemos participamos en feiras, tanto en Monforte como na contorna. De feito, na última que participamos foi na do Mercado de Nadal que organizou o Concello, e a semana que vén estaremos cun posto na Feira Medieval.

Galletas personalizadas para a Feira Medieval. Foto: XMF.

O ‘packaging’ será importante para que esas ‘obras de arte reposteiras’ cheguen íntegras e frescas ao seu destino. Cóntanos.

Por suposto, queremos que os nosos clientes queden abraiados cos nosos produtos xa dende que os reciben, e é por iso polo que coidamos ata o último detalle na entrega das nosas galletas.

O ‘packaging’ será a primeira impresión que leven das galletas polo que as nosas entregas son personalizadas para cada cliente, utilizando unha técnica láser que nos permite gravar as caixas co nome e/ou data do evento. Posteriormente dentro da caixa o cliente atopará as galletas empaquetadas individualmente para así facilitar a maior conservación delas no tempo.

Hai veces que ademais lle poñemos un lazo, unha caixa individual, unha embalaxe especial (por exemplo para as de Pascua….), sempre dependendo do evento e das necesidades que nos transmitan os clientes.

Estás sóa ante o perigo nesta aventura emprendedora? 

Ao fronte do obradoiro, polo de agora estou eu soa, ogallá no futuro poidamos ser máis as que traballemos en LamasDulce. Iso si, en todo momento teño á miña parella de man, é enxeñeiro informático e nas súas horas libres do traballo encárgase de tódolos asuntos tecnolóxicos. Eu chámolle o socio tecnolóxico (ri), polo que os cortantes personalizados, deseño de imaxes, elaboración da web, facturas… son cousa del.

“teño á miña parella de man, é enxeñeiro informático e nas súas horas libres do traballo encárgase de tódolos asuntos tecnolóxicos”

Para rematar, algún encargo do que esteas especialmente orgullosa pola dificultade que supuxo e algunha anécdota que se poida contar?

Tódolos pedidos teñen o seu punto para sentirse orgullosa, pois no fondo imos ser partícipes dalgún tipo de celebración, o que implica moitísima responsabilidade para que todo quede perfecto.

Dende bonecos “imposibles” coma Bowser (un inimigo de Mario Bros) ata outros nos que nos deron liberdade total. Neste último caso, por exemplo, tan só nos dixeron que era para levar a unha feira da Consellería de Educación e no que acabamos elaborando unha galleta completamente inédita, na que a súa silueta era o mapa de Galicia sobre o que aparecían distintas palabras en galego.

Galleta personalizada para a Consellería de Educación. Foto: LamasDulce.

ÚLTIMAS

A Vicepresidencia da Deputación ofrece 50.000€ anuais para o Matadoiro de Sarria

Na xuntanza, na que participaron o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, a alcaldesa de...

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...

O Xeoparque programa unha actividade que inclúe sendeirismo, visitas guiadas e degustacións gastronómicas

Este sábado 23 de novembro está programada a terceira actividade do 'Ciclo Outono Xeolóxico'...

Comezan as obras para rematar o paseo fluvial entre a Ponte Nova e a Gardaría Municipal de Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou este mércores un novo proxecto de...