HomeEn profundidadeSuso Montero: “Gardo todas as fotos que fago, terei uns 70.000 negativos”

Suso Montero: “Gardo todas as fotos que fago, terei uns 70.000 negativos”

Entrevistamos a este popular fotógrafo que comeza unhas charlas formativas sobre fotografía do 7 de outubro ao 20 de novembro na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte de Lemos.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Jesús Rodríguez Montero, ‘Suso Montero’ para os amigos, foi traballador de Renfe e Adif e lémbranos que a súa afección pola fotografía vén de moi atrás. Concretamente, dende os anos nos que comezou a empregar a cámara para facerlle fotos ás miniaturas dos soldados de chumbo que pintaba.

A partir dese momento, a cámara pasou xa a formar parte dos seus imprescindibles, meténdose de cheo no ‘mundiño’ da fotografía. Ante todo, considérase autodidacta e afirma ter lido máis de 100 libros e revistas sobre fotografía, preguntado a moita xente e realizado algún que outro cursiño na década dos anos 90. Como curiosidade, dinos Montero que incluso chegou a facer un programa sobre fotografía nunha televisión local de Monforte alá polos anos 1994-1995.

Ademais do anterior, e como non podía ser doutro xeito, para coñecer calquera oficio ou disciplina cómpre coller moita práctica, e diso Suso Montero vai ben servido… cóntanos que leva sempre a cámara con el e calcula ter gardados uns 70.000 negativos. “Teño todas as fotos que fago gardadas, dende cando se revelaban ata hoxe”, dinos.

Cóntanos que lle gusta inmortalizar de todo, aínda que polo que máis se lle coñece é por retratar natureza, paisaxes e actos sociais, sendo neste último punto un dos cronistas ‘non oficial’ máis importantes de Monforte que dispón dun fondo documental digno de ter nun museo. Tanto é así que, por exemplo, ten fotos de todos os actos sociais de Monforte dende os anos 89-90, entre os que están todas as inauguracións das feiras de mostras da Compañía. “O outro día atopei unha foto de cando se inaugurou o Gadis de Monforte”, comenta tamén como anécdota.

Conxunto de San Vicente coa Torre da Homenaxe como protagonista. Foto: Jesús R. Montero.

É un dos cronistas ‘non oficial’ máis importantes de Monforte e dispón dun fondo documental digno de ter nun museo

Preguntámoslle como valora a chegada da fotografía dixital e dinos que é unha marabilla. Considera que, dende o aforro de carrete, podendo sacar milleiros de fotos sen necesidade de ter que revelalas, ata a posibilidade de ir vendo como saen ao instante e poder repetilas se fixera falta é un adianto moi grande. “Antes había que esperar para ver como saían as fotos… sacábalas e non sabías como quedaran. Moitas perdíanse porque non saían ou tiñan defectos”, comenta Montero. E abonda nas bondades dos novos tempos para a fotografía, “o cambio da ISO foi tamén unha revolución, hoxe pódese cambiar con só apretar un botón…”.

Canon do Sil na zona de Doade. Foto: JR Montero.
A FOTOGRAFÍA COMO LEMBRANZA DO PASO DA VIDA

Que levará a moitos fotógrafos, como é o caso de Suso Montero, a que ano tras ano inmortalicen un mesmo evento, festa, persoas, paisaxes, etc?

El teno moi claro e descríbeo nunha frase “as fotografías son os recordos da vida”. “Cando ves, por exemplo, fotos de hai 20 anos ves unha evolución, aínda que a foto sexa a mesma, cambia a xente, a roupa que levan posta, etc”, engade o noso protagonista. Trátase, entendemos, dunha fascinación por dar conta do paso do tempo, por inmortalizar o proceso da vida e ver o paso do tempo nas cousas.

“as fotografías son os recordos da vida”

ANÉCDOTAS

A pouco que lle tiramos da lingua, Suso Montero cóntanos algunha anécdota. Debe ter un cento delas pero nesta ocasión imos dar conta só dalgunha e emprazarémonos para outra ocasión se quere contarnos máis. Coñecéndoo, sabemos que fai fotos de xeito altruísta pois teno por afección e non adoita presentarse a concursos. Aínda así, cóntanos que nalgunha ocasión lle teñen pedido dar clases para os fillos e xente que lle ten pedido prestada algunha das súas fotos para presentarse a concursos fotográficos.

Unha cousa que lle molesta, e non é para menos, é cando lle collen fotos del sen permiso e sen tampouco citalo a el como o autor. Nunha ocasión, explica, “unha persoa pediume unha foto sen dicirme para que a quería e despois vina ilustrando un artigo nunha revista”. E outra boa foi tamén cando atopou por casualidade unha foto dun lobo na que rezaba no texto do seu pé que era de Jesús Montero. Seica o que a publicou non sabía de quen era e puxo o seu nome sen preguntarlle nin nada…

CHARLAS FORMATIVAS

Suso Montero comeza este luns 7 de outubro, unhas charlas formativas na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte de Lemos. Concretamente na Sala 1 da UNED. Serán os luns e mércores ata o 20 de novembro e en horario de 19:30 a 21:00 h.

Coméntanos que aínda queda algunha praza e para inscribirse hai que contactar a través do número de teléfono ou whatsapp 638 71 25 84.

A formación está aberta a todo o mundo, con máis ou menos experiencia, estando enfocada como unha charla na que a xente pode ir preguntando sobre a marcha. Tamén haberá saídas prácticas por Monforte para completar os coñecementos adquiridos.

Como di Montero, “o importante é que aos que veñan lles guste a fotografía e teñan inquedanza”.

A Compañía vista por debaixo da Ponte Medieval de Monforte. Foto: J.R. Montero.

ÚLTIMAS

Case 1M€ para mellorar a eficiencia enérxética de nove concellos da provincia

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que acaba de resolverse unha nova...

Preséntase o proxecto definitivo da Piscina Municipal de Monforte

A renovación total da Piscina municipal conta cun investimento de 2.047.009,42 €, participado polo...

Concursos de outono na Escola Oficial de Idiomas de Monforte

A Escola Oficial de Idiomas vén de anunciar dúas interesantes actividades para dinamizar ao...

Este 22 de outubro Chantada recolle voces en lingua galega co Proxecto Nós

O Concello de Chantada colabora co Proxecto Nós, unha iniciativa que pretende que a...