HomeEn profundidadePiel Natura, o proxecto de dous emprendedores de Benidorm que medra en...

Piel Natura, o proxecto de dous emprendedores de Benidorm que medra en San Xoán de Río

Coñecemos a historia de Zaira e Juan Carlos, unha parella que cambiou Benidorm por San Xoán de Río no ano 2023 para vivir en harmonía coa natureza e impulsar o seu negocio de cosmética natural.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Juan Carlos é dietista e técnico en laboratorio con máis de 15 anos de experiencia formulando cosméticos naturais e traballando con plantas medicinais. A súa formación tamén inclúe análises clínicos e fitoterapia.

Zaira, pola súa parte, ten formación en imaxe corporativa e persoal, estética, e marketing. Os dous combinan as súas habilidades para crear produtos que sexan efectivos, saudables e sostibles, coidando tanto das persoas como do planeta.

A súa marca, Piel Natura, naceu en Benidorm no 2020 co propósito de crear produtos que coiden de nós e do planeta. Empezou sendo cosmética natural mediterránea pero pola cabeza destes dous valencianos presentouse tempo despois a idea de darlle unha volta para crear unha cosmética diferente, rural, termal e galega. Ese momento chegou en setembro do 2023 cando comezaron a súa aventura galaica que os trouxo finalmente ata San Xoán de Río, concello de Ourense.

Pero coñezamos máis polo miúdo a súa historia e o seu proxecto…

Dende cando vos dedicades ao mundo da cosmética natural? Como xurdiu o voso proxecto Piel Natura?

Aínda que a marca Piel Natura existe desde o 2020, levamos no mundo da cosmética natural 2 anos. Naceu da necesidade de arredarse dos químicos e dos produtos que danan tanto a nosa saúde como ao medio ambiente. Queríamos ofrecer unha alternativa real e saudable, e así comezou a nosa viaxe desde Benidorm, evolucionando ata o que hoxe somos aquí en Galicia.

Explicádenos ao detalle que ofrece Piel Natura e cal credes que é o seu valor diferencial?

Piel Natura ofrece cosmética sólida ecolóxica e aromaterapía que respecta a pel, a saúde e o planeta. O noso valor diferencial radica nun enfoque integral que combina o coñecemento profundo de plantas medicinais con ingredientes autóctonos de Galicia e un compromiso absoluto coa sostibilidade.

Non só nos dedicamos á creación de produtos efectivos e naturais; tamén realizamos formacións e talleres que lle permiten á nosa comunidade aprender máis sobre o uso de plantas medicinais, aceites esenciais e calquera elaboración cosmética desde unha perspectiva enfocada no benestar e o uso de activos procedentes de orixe vexetal.

“Non só nos dedicamos á creación de produtos efectivos e naturais; tamén realizamos formacións e talleres”

Cada fórmula que desenvolvemos está pensada para ofrecer unha experiencia completa: desde a nutrición da pel ata a conexión consciente co entorno, creando un impacto positivo tanto nas persoas como no planeta.

Lemos por aí que tamén tedes en mente ofrecer experiencias turísticas. Contádenos.

Este apartado está en desenvolvemento. A idea é crear algún centro de benestar e aloxamento coa intención de facer tratamentos de beleza e de saúde empregando para eles elementos que ofrece o entorno natural.

Cal é a materia prima coa que elaborades os cosméticos?

Na zona na que estamos, basicamente extracto de castiñeiro, flor de malva e sabugueiro. E despois empregamos outras plantas mediterráneas como o romeu, a menta, o xeranio, aceite de camelia, etc.

Como chegades a San Xoán de Río, casualidade ou causalidade?

Diríamos que foi máis causalidade que casualidade, aínda que cun toque máxico. Desde o principio tiñamos claro que queriamos trasladarnos a Galicia, buscando un entorno onde poder vivir en harmonía coa natureza e desenvolver o noso proxecto. Inicialmente, visitamos Allariz e pensamos que ese sería o lugar perfecto, pero algo cambiou o noso destino.

“tiñamos claro que queriamos trasladarnos a Galicia, buscando un entorno onde poder vivir en harmonía coa natureza e desenvolver o noso proxecto”

Todo comezou cando coñecemos a Juan Carlos, de Aldealista. Descubrímolo grazas a unha entrevista na que falaba do seu proxecto. Intrigados, decidimos poñernos en contacto con el, e a súa disposición para axudarnos foi incrible. Non só nos axudou a buscar unha vivenda de alugueiro en San Xoán de Río, se non que tamén nos convidou a participar nunha entrevista en televisión, onde puidemos coñecer de preto este concello.

A hospitalidade e o apoio de Juan Carlos e do propio alcalde, Xosé Miguel, foron determinantes. San Xoán de Río non só nos ofrecía a tranquilidade da contorna rural, se non tamén a conexión a internet que necesitabamos para que o noso proxecto funcionara. Así foi como decidimos apostar por este lugar. 

Chegada de Zaira e Juan Carlos a San Xoán de Río. Foto cedida por eles.

Acolléronvos ben tanto o concello como a veciñanza?

Si, desde o primeiro día. Tanto o concello como os veciños apoiáronnos e fixéronnos sentir parte do pobo.

Cumprido un ano, que balance facedes? O proxecto avanza e resulta viable no contexto rural no que estades? 

O balance deste ano está sendo positivo, pero non sen desafíos. Cando comezamos en San Xoán de Río sabiamos que non ía ser un camiño doado. Sen embargo, cada atranco converteuse nunha oportunidade para crecer y aprender, e iso é o que fai que esta viaxe sexa tan especial.

“O balance deste ano está sendo positivo, pero non sen desafíos”

Foi un ano cheo de retos: desde axustar a nosa loxística a un entorno rural ata adaptar as nosas accións formativas e atopar novas formas de conectar coa comunidade local. Pero tamén acadamos logros que nos enchen de orgullo. Ver como Piel Natura avanza e medra, incluso nun lugar remoto como este, foi a confirmación de que a nosa paixón e a nosa visión están no camiño correcto.

O apoio da comunidade foi tamén un pilar fundamental. Non é só un entorno natural, é a calidez das persoas que nos rodean, as novas colaboracións que establecemos, a enerxía que se sente ao traballar xuntos para construír algo tan valioso. As nosas formacións, que comezaron como un experimento, converxeron nun punto de encontro para compartir coñecemento e crear un impacto positivo, algo que nunca puidemos imaxinar cando empezamos.

A partir deste ano de experiencia no rural, que fortalezas e que debilidades estades atopando?

Se hai algo que podemos destacar como a nosa maior fortaleza, é a conexión profunda co entorno onde desenvolvemos o noso proxecto. Vivir e traballar nun lugar que reflicte os nosos valores permitiu manternos en coherencia e harmonía coa nosa misión. 

Pero, como en toda historia, tamén hai desafíos. A infraestrutura de transporte, cada tarefa parece requirir un pouco máis de esforzo e tempo polas distancias á cidade máis próxima.

Fostes finalistas da X edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra. Que tal a experiencia?

Quedar entre os dez primeiros de 85 proxectos presentados, para nós foi xa un triunfo. Valoramos positivamente a experiencia pois ademais do impacto mediático tamén aproveitamos para facer algúns contactos.

Piel Natura na final da X edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra. Foto: Semente R.S.
Foto dos finalistas na X edición do Concurso de Proxectos Empresariais Semente Ribeira Sacra. Foto: Semente R.S.

Que canles de comercialización empregades?

Utilizamos varias canles de venda, Instagram, youtube, tiktok e email marketing para conectar coa nosa comunidade. Vendemos a través da nosa páxina web, en eco-tendas, tendas gourmet, marketplace especializados e participamos en feiras de artesanía e mercados.

Ademais, as nosas actividades formativas presenciais tamén serven como un punto importante de venda directa.

Zaira e Juan Carlos no seu posto da Feira de Economís Sostible en San Xoán de Río (2024). Foto: XMF.

Nun mundo no que nos absorben as redes sociais, que importancia teñen para o voso negocio?

As redes sociais son esenciais para contar a nosa historia e para educar sobre cosmética ecolóxica. Permítennos chegar a persoas que valoran o natural e conectar cunha audiencia que comparte a nosa paixón por un estilo de vida sostible.

“As redes sociais son esenciais para contar a nosa historia e para educar sobre cosmética ecolóxica”

Para rematar, algunha anécdota digna de comentar que vos acontecera neste ano de vivencias en San Xoán de Río e Galicia?

Foi unha noite que nunca esqueceremos. A escuridade cubría o camiño mentres volviamos á casa na nosa furgoneta. O vehículo escorregou cara a un barranco e por sorte a vexetación impediu que caeramos por completo, deixando a furgoneta atrapada e nós ilesos.

Procesando o que acababa de pasar, chamamos aos nosos veciños e decontado viñeron socorrernos. Ese momento non só nos amosou o valor da resiliencia, se non que tamén nos fixo comprender, co corazón cheo de gratitude, o poder da comunidade que atopamos aquí en San Xoán de Río.

Sen a xenerosidade e o apoio dos nosos veciños, aquela noite podería ter rematado dunha maneira ben distinta… 

Xavón e candea de Piel Natura

ÚLTIMAS

O Xeoparque programa unha actividade que inclúe sendeirismo, visitas guiadas e degustacións gastronómicas

Este sábado 23 de novembro está programada a terceira actividade do 'Ciclo Outono Xeolóxico'...

Comezan as obras para rematar o paseo fluvial entre a Ponte Nova e a Gardaría Municipal de Monforte

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou este mércores un novo proxecto de...

Co remate do tramo Monforte-Ourense, Renfe recupera o Alvia Lugo-Madrid sen transbordos

Ata ese momento, a compañía prestou este servizo por estrada entre Ourense e Lugo...

Coordinación entre concellos para mellorar a recollida de residuos

Tras varias xornadas de traballo, nos diferentes concellos adoptaranse medidas conxuntas para dar resposta...