HomeEn profundidade'Os Irmandiños', un referente do Tiro con Arco na Ribeira Sacra

‘Os Irmandiños’, un referente do Tiro con Arco na Ribeira Sacra

Trátase dun club de recente creación que conta xa con 30 membros recorrentes. A maioría son da zona de Pantón pero tamén hai tiradores de Sober, Monforte, O Saviñao e ata de Quiroga. Ademais de galegos, destaca a presenza de xente doutras nacionalidades: ingleses, holandeses, polacos, australianos, arxentinos...

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

A Asociación Segredos de Pantón dá a coñecer, na colaboración con Xornal de Lemos deste mes, a existencia dun Club de Tiro con Arco na Ribeira Sacra: Os Irmandiños.

Entre as curiosidades deste club, salientar que conta coa presenza dun arqueiro que foi campión galego en varias ocasións e tamén Campión de España no ano 2022. Trátase de Lee Ramsdale, un inglés afincado en Eire, no Concello de Pantón.

Aínda que o nacemento deste club é recente, conta xa con 30 membros recorrentes de diferentes concellos da Ribeira Sacra e tamén de diferentes nacionalidades. Aquí a entrevista que lle fixeron a varios integrantes do club.

Para comezar, como xurdiu o club e quen tivo a idea? Hai tanta paixón por esta práctica en Pantón?

A iniciativa xurdiu dun grupo de xente con paixón polo tiro con arco e outro grupo con paixón por levar adiante ideas que aporten para mellorar a comunidade. Fai moito que Lee tiña na cabeza a creación dun club, pero a burocracia e a dificultade para levalo adiante era un obstáculo importante. Ó final xuntámonos 5 compañeiros, Lee, Jesús e Alberto, que son os grandes expertos en tiro con arco e por outra banda, Frank e Jaime que puxeron en marcha todo o tema burocrático e de xestión. En pouco tempo conseguimos poñelo en marcha cun éxito notable de participación. Temos que destacar que contar con todo un campión de España é todo un aliciente para que todo sexa máis atractivo e fácil.

Todos vimos en películas a Légolas ou a Robin Hood empregar o seu arco. Fálenos deste deporte. É asequible esta práctica deportiva?

Para iniciarse, o club dispón de todo tipo de material, polo que os tiradores só teñen que pagar a cota do club. Unha vez que se supera esa iniciación e que ese tirador está convencido de que o deporte lle gusta e quere seguir con esta práctica, pode empezar a comprar o seu propio material. Aquí depende de cada un, pero podemos encontrar arcos a partir de 70€ e material de protección a partir de 30€. Temos varios socios que xa adquiriron o seu propio material en compras de segunda man, etc. Como di Lee, se che acaba gustando nunca terás só un arco.

“podemos encontrar arcos a partir de 70€ e material de protección a partir de 30€.”

A día de hoxe tedes moitos membros na vosa entidade? De onde son?

A día de hoxe contamos cuns 30 membros recorrentes, todos eles son tanto da zona de Pantón, como Sober, Monforte, O Saviñao e ata de Quiroga. Temos que destacar unha gran afluencia de xente doutras nacionalidades: ingleses, holandeses, polacos, australianos, arxentinos, etc. Isto axuda en gran medida á súa integración na zona e dálles máis alicientes de participación e de actividades para o seu benestar.

O adestrador será Lee Ramsdale, non? Como son os vosos adestramentos?

Temos varios adestradores ou monitores, está Lee evidentemente, pero tamén Alberto, Jesús e Frank Ramsdale (o pai de Lee), todos eles exercen de monitores e ensinan a todos os socios a que a paixón polo tiro con arco creza con eles. Os adestramentos son por categorías, desde os que se inician na práctica e cos que os monitores pasan máis tempo para que corrixan a súa técnica, ata os que xa van mostrando un nivel e tiran xa en distancia de competición, ós que os monitores van corrixindo eses pequenos defectos ou problemas que lles ven, ademais de preparalos para futuros eventos deportivos. Neste punto queremos destacar que nos formamos en tiro intuitivo, con arcos tradicionais, tanto en pista, tiro a dianas como en 3D, tiro a obxectos nun circuíto natural, como pode ser un bosque. Temos clases todos os mércores de 18:30 a 21:00 h. e os domingos de 11:00 a 13:00 h.

Hai moitas competicións? E onde acostuman ser?

Tanto no ámbito galego como no nacional si existen unha gran cantidade de competicións, poderiamos dicir que a partir de outubro, temos unha cada fin de semana. Hai un par de semanas Lee foi campión nunha no País Vasco, levando xa o nome d´Os Irmandiños con el. Aquí en Galicia, temos varios clubs na Mariña e na costa de Pontevedra, pero case non existen clubs nas zonas de interior, polo que esperamos ser un referente deportivo na zona.

“Hai un par de semanas Lee foi campión nunha no País Vasco, levando xa o nome d´Os Irmandiños con el”

Cóntennos cal é o esquema dunha competición de tiro con arco? Como vai o sistema de puntuación?

Nunha competición de tiro con arco tradicional e intuitivo, os participantes disparan un número determinado de frechas a varias distancias establecidas. Os arqueiros adoitan dividirse en roldas e os obxectivos poden ser dianas estándar ou elementos 3D, dependendo do tipo de torneo.

Sistema de puntuación

Cada frecha recibe puntos segundo a súa proximidade ao centro do obxectivo. Nas dianas tradicionais, os puntos van dende o máximo no centro (10 ou 11 puntos) ata o mínimo nas zonas exteriores. Nos percorridos 3D, os puntos dependen da zona impactada na figura (por exemplo, 11, 10, 8 ou 5 puntos). O gañador é quen acumula máis puntos ao final de todas as roldas.

Como club de tiro con arco, tedes pensado facer algunha actividade para promocionar este deporte na comarca?

Rotundamente si, temos pensado facer distintos tipos de competición e ser un referente na comarca. De feito, posiblemente en próximas datas faremos o noso primeiro evento interno con competición de tiro. Irémosvos informando puntualmente de todas estas actividades.

Logo do club ‘Os Irmandiños’

Por último, se unha persoa quere introducirse nesta práctica deportiva, que pasos debe seguir para poder facelo co club Irmandiños?

Os pasos son moi sinxelos, poñerse en contacto con calquera de nós a través das redes ou do correo electrónico tiroconarcoirmandinos@gmail.com, ou chamando a calquera dos nosos teléfonos.

Para iniciarse nós poñemos todo o material de iniciación, como xa comentamos, e temos todos os mércores e domingos clases prácticas de tiro. Logo das primeiras clases, o usuario decide se lle gusta e se quere continuar co programa. Se esta é a súa finalidade, temos dúas cotas no club como socios, que poden ser: unha cota mensual de 15€ ou unha cota anual de 120€, ademais da ficha federativa que adoitan ser 25€/ano e permite o transporte do arco.

ÚLTIMAS

Detidos dous homes como supostos autores de ‘ciberestafas’ denunciadas en Lugo e Monforte

Segundo informaron fontes policiais, unha das estafas foi denunciada en Lugo, e a vítima...

O PP de Monforte considera que as cámaras instaladas na cidade son para impoñer multas, non para mellorar a seguridade

A voceira popular, Katy Varela, explica que se pide esta información dadas as reiteradas...

Este 18 de xaneiro preséntase o tomo IX de Alicerces

O acto de presentación terá lugar este sábado, 18 de xaneiro, no Auditorio Municipal...

Un vídeo divulgará a semente, sega, acarrexa, malla e ‘Festa dos Fachós’ de Castro Caldelas

A Festa dos Fachós de Castro Caldelas é unha das tradicións de culto ao...