HomeEn profundidadeJosé Tomé: "Eu quero recuperar para Monforte a autoestima de ser unha...

José Tomé: “Eu quero recuperar para Monforte a autoestima de ser unha cidade, o 2024 foi espectacular e aínda será mellor”

"Cando un pobo baixa durante anos como lle pasou a Monforte en poboación, económicamente, perdendo emprego,… tamén o orgullo de ser monfortinos/as vai baixando e eu quero recuperar iso. A autoestima, o crecer, ser unha cidade. Vai haber cousas que farán de Monforte unha cidade", asegura o alcalde de Monforte de Lemos.

Publicado o

POR
Ana Belén Fernández
- Advertisement -

O Concello de Monforte de Lemos despediu o ano co anuncio de grandes investimentos para Monforte como os 10 millóns de euros que aprobou o Consello de Ministros para substituír todas as tubaxes de fibrocemento ou os máis de 4 millóns en convenio coa CHMS para unha senda peonil que unirá cun percorrido de case 5 quilómetros o discorrer dos regatos da cidade. Entre outras cousas, cinco espazos do Concello recibían a “Q de calidade turística” e coñecíase que Monforte volverá ser final de La Vuelta neste 2025. Con todo, o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, insiste en que “o 2024 foi un ano espectacular e neste 2025 irase a mellor”.

Como foi para o Concello de Monforte o 2024? Que destacaría o alcalde?

Desde a humildade que teño como alcalde, o 2024 foi un ano espectacular en todos os eidos, económico, social, investimentos, desenvolvemento urbano….e os datos testemúñano. Non hai datos de crecemento económico como nos últimos tempos, de crecemento de poboación é o terceiro ano que conseguimos repuntar, esta vez con forza, no último ano foron máis de 300 persoas as que sumamos ao concello, o que non é un tema menor despois de moitos anos de baixada. Agora o que toca é tratar de manter este crecemento e iso só se mantén se hai actividade económica e emprego. E iso é o que debemos valorar máis.

Os logros na parte de convenios e de obras están aí. Agora mesmo están en marcha as obras de supresión de dous pasos a nivel. Primeira vez na historia que se suprimen pasos a nivel no casco urbano cun investimento de máis de 8 millóns de euros. Cambiará totalmente a imaxe na zona do Morín e da estación, coa construción de cinco rúas, un paso inferior e unha rotonda e unha ponte sobre o río Seco. Na zona da estación tamén estamos con melloras no saneamento porque tiñamos moitas filtracións de auga, invístense máis de 2 millóns de euros nun convenio coa Confederación, é tamén unha obra moi importante.

Kern Pharma visita / Concello de Monforte

Movémonos á outra punta, no Polígono Industrial do Reboredo séguese esperando a chegada de Kern Pharma

Co Polígono fíxose ese traballo de moitas reunións, de xestións, de viaxar moito con representantes empresariais para que o Polígono hoxe estea vendido e teñamos que estar ampliando entre o Concello e o Estado. Contamos con empresas de aquí e de fóra que se interesan por crecer aquí ou por instalarse, como é o caso Kern Pharma que será realidade pronto. Despois da pandemia pasaron un mal momento, encareceuse o proxecto que ía ser de 32 millóns de euros a fase inicial e agora pasa a 45, encarecen 13 millóns de euros, pero seguen para adiante.

Coas obras da depuradora investimos outros 5 millóns de euros que van cambiar as posibilidades de crecemento do Polígono para décadas. Estase metendo a tubaxe de desaugadoiro cara o Cabe, despois comezarase coa depuradora.

“Seremos unha cidade privilexiada por ter o serviZo da rede de distribución de auga potable sen fibrocemento”

Un 2024 onde servizos como abastecemento de auga e saneamento ocuparon titulares para ben e para mal

O paso do tempo xera problemas nas instalacións e hai que melloralas. Estamos para rematar a tubaxe xeral desde o Cornado ata San Vicente. Investimos cerca de dous millóns de euros e quedará para décadas ou séculos, é unha obra moi relevante, complementada agora co logro de que o Consello de Ministros acabe de aprobar 10 millóns de euros para renovar a totalidade das tubaxes de fibrocemento. Temos 77km de tubaxes na parte urbana e hai aínda 55km de fibrocemento, outras fóronse renovando, por exemplo, na zona do Hospital. Agora seremos dos primeiros concellos que teñan toda a cidade libre de fibrocemento, a UE deu de prazo ata o 2030 para cambiar iso. Seremos unha cidade privilexiada por ter o servizo da rede de distribución de auga potable sen fibrocemento.

Mellorará o saneamento tamén a senda peonil desde Correos seguindo polas Malloadas, baixando polo regato da Penela onde está a cerámica e rematar no Zapardiel, por detrás das monxas. Volvemos cambiar a fisionomía para ter un paseo de 5km na parte urbana. Que cidade ten un paseo así circundando o conxunto histórico?

Exterior piscina Monforte

Máis cousas do 2024?

En deportes fixemos unha reforma integral na Pinguela co novo Pavillón cun millón de euros ou a Piscina que agora está en obras con outros dous millóns de euros e vai quedar cunha envolvente igual que a do Pavillón. As melloras no campo de fútbol con iluminación e novos toldos, o arranxo das pistas de tenis que xa están rematadas. Toda a contorna das instalacións deportivas cun asfalto novo, sinalización nova, alumeado novo. Un antes e un despois como cos campos de fútbol de herba artificial, cambiamos os campos de fútbol 11 e fútbol 7 do Luis Bodegas dos Escolapios cunha axuda do Consello Superior de Deportes… Un ano espectacular, por iso digo que Monforte vai ben e vai ir mellor.

Non nos acordamos da Praia Fluvial, hai tantos anuncios e tan espectaculares que case que uns ensombrecen a outros?

Dicíallo un día aos medios, non sentides nin padecedes, unha obra de 300.000€ parece unha tontería porque estamos de millón en millón e parece que por debaixo do millón soa mal. Si, este é un expediente que está en marcha igual que o da Ponte do Malecón pero son proxectos con procedementos longos, que necesitan de moitos informes de organismos ademais do Concello, de Medio Ambiente, Patrimonio Cultural, CHMS,…

“Vai ser un antes e un despois para o ocio en Monforte”

A Praia vai ser espectacular cunha zona de baño cun azud desmontable que se colocaría no verán para que a xente se bañe e retiraríase no inverno para que non haxa problemas ante unha crecida. Pero as instalacións poderanse utilizar todo o ano, a zona de Praia con area, a zona verde con céspede, parque infantil, zona de hostalaría, estacionamento con máis de 300 prazas e vai ter paseos porque son 11 hectáreas e media de terreo cunha fachada de río de case 300 metros,… Cun investimento de 5 millóns de euros. Vai ser un antes e un despois para o ocio en Monforte.

Estamos preparando o documento de aprobación inicial despois de que Medio Ambiente da Xunta nos trasladara algunhas suxestións a engadir. Temos que recalificar os terreos, pasarán de rústicos a dotacionais. As obras en si poderían levar só un ano e os trámites están en marcha.

Vista ó río Cabe ó seu paso por Monforte dende a Ponte Vella / XdL

O mesmo pasa con Ponte do Malecón?

Eu teño a ilusión de poñer a Ponte Vella peonil, colocarlle a cada lado un par de pivotes de pedra cunha cadea que impida o paso a vehículos e tratala como o monumento que é para o goce das persoas e non dos coches,… e que a pasarela que agora é de madeira sexa tamén para vehículos e persoas unindo a zona do Hospital e do Ambulatorio. O impacto visual será case o mesmo que o actual pero a estrutura será un pouco máis ancha. Estamos cos trámites administrativos, non hai ningunha protección de casco histórico aí. Todo o demais está, xa firmaramos tamén a financiación en convenio coa Deputación para poder axudarlle ao Concello. A xente que me coñece sabe que se digo unha cousa, tardarase máis ou menos tempo, pero iso faise.

Coa nova ponte lembramos a historia de Monforte e o orgullo monfortino

Non se podería cortar o tráfico da Ponte Vella sen facer a Ponte do Malecón?

Deixariamos a ponte nova como única ponte no medio da cidade, a outra ponte é de circunvalación non de servizo interior. En París cada 30 metros hai unha ponte e non pasa nada ou en Ourense co Miño. Que pasa coas pontes?

A ponte vella ten moito tráfico particular e de distribución de mercadorías, creariamos un problema serio e habería que dar unha volta moi grande. Necesitamos esa ponte e o día que estea feita estou seguro de que á xente lle vai encantar. Unha ponte de ferro imitando á ponte histórica que caeu. Lembramos así a historia de Monforte e o orgullo monfortino. Cando un pobo baixa durante anos como lle pasou a Monforte en poboación, economicamente, perdendo emprego,… tamén o orgullo de ser monfortinos/as vai baixando e eu quero recuperar iso. A autoestima, o crecer, ser unha cidade. Vai haber cousas que farán de Monforte unha cidade.

Ademais de todos estes proxectos, hai cousas que deben ser espiñas para o alcalde como o Porto Seco ou o regadío.

O Porto Seco dáme auténtica pena, pero iso está clarísimo quen ten as responsabilidades. Iso fíxoo Xestur, organismo da Xunta de Galicia e agora quen ten sen facer os accesos é a Xunta. Pode culpar ao Estado de que lle pon condicións para acceder á 120, claro, como cando a Xunta non me deixou facer a tubaxe xeral polo Morín e tiven que ir polo Camiño da Agra. Que non poñan desculpas. Se hai que facer os accesos de determinada maneira a Xunta terá que adaptarse e facelos ela porque é unha obra que promove a Xunta, non o Estado. 

O regadío é unha pena porque depende de dúas administración e o concello non ten competencias aí. Por un lado a Xunta en canto á ordenación do terreo de cultivos e a Confederación, que pertence ao Estado, polo tema do mantemento das canles. Eu creo que o val ten un potencial enorme en canto a cultivos, se tiveramos concentración de terras e cun regadío moderno, mentres temos terreos que están abandonados e nos que algunha xente non quere facer nada e iso non pode ser.

As casas que caen no casco vello, o abandono de vivendas na zona da Estación,… outras espiñas?

Tan alarmante non se pode ser, hai 4 ou 5 edificios que si, entón dan ese aspecto, pero a inmensa maioría non. Eses 4 ou 5 na rúa do Comercio e entre Doutor Casares e o ambulatorio se agora se pon en marcha o plan Rexurbe que nos concedeu a Xunta, poderíanse solucionar. Feito iso no centro non estaría en risco de caer ningún edificio a día de hoxe. Se engadimos o antigo Hotel Victoria o máis urxente estaría feito. Temos un casco histórico moi bonito declarado en 1973 conxunto histórico artístico, que era como se denominaba antes a un BIC.

Rúa Cardenal, Monforte

A zona da Estación son barrios con construcións feitas rápido cando chegou o ferrocarril e faltaban vivendas, iso foise perdendo a medida que se perderon os postos de traballo. Agora comezan novas construcións no Morín e iso é porque hai actividade, se non iso non volvía. Pouco a pouco imos ir recuperando a actividade ferroviaria, haberá noticias positivas. Unha cousa importantísima de Renfe é o tema de ciberseguridade, agora mesmo creo que hai 25 persoas traballando. A medida que se vaian prestando servizos a empresas desde aquí, iranse incrementando postos de traballo. Estes detalles son os que fan que medre Monforte.

“Veremos obras con investimentos importantes que van a asegurar a actividade económica e postos de traballo durante anos”

Que traerá o 2025 para Monforte? Que se espera desde o Concello?

Haberá novos proxectos moi importantes que van ter financiación, en urbanismo, parques, saneamento, comunicacións viarias,… actuacións que permitirán que de xeito indirecto a cidade teña máis empaque de cidade. Veremos obras con investimentos importantes que van a asegurar a actividade económica e postos de traballo durante anos.

Como se fai? Que hai detrás de Tomé para querer converter Monforte nesa cidade da que está falando?

Primeiro moitísimo agarimo a Monforte, porque eu a Monforte débolle todo. Nacín e crecín en Guitiriz, viñen dar clases á escola de capacitación agraria, formei aquí a familia, así que deumo todo. E o que son hoxe politicamente tamén llo debo a Monforte. A min gústame a función pública e quero que o meu concello estea o mellor posible, por iso traballo as 24 horas do día, os 7 días da semana, se fai falta os 365 días do ano.

Duque de Alva visita Monforte / Concello de Monforte

O que desexo é que o Monforte que quero para meus fillos, que viven aquí os dous, os netos,… que Monforte sexa unha cidade importante que a saibamos vender desde o punto de vista turístico. Como capital da Ribeira Sacra somos cada vez máis coñecidos e hai que seguir con esta promoción da Feira Medieval que medrou exponencialmente e estamos á espera de que a Xunta nos conceda ser Festa de Interese Turístico. A proxección publicitaria que nos dá o Festival do Viño da Ribeira Sacra ou visitas como a que fixo o Duque de Alba aquí a Monforte. Dúas páxinas completas na revista Hola onde aparecen as altas esferas deste país, unha promoción moi importante, que como publicidade se tiveramos que pagala, custaría máis de 40.000€.

ÚLTIMAS

Gran comezo dos atletas da Gándara no galego de Cross

Iker Fernández Codesido logrou o 4 de xaneiro no circuito de O Aguillón de...

Eduardo Iglesias supera a segunda parte do formato 48h chrono no Dakar 2025

Aínda que a xornada do sábado presentou complicacións, o piloto galego logrou recuperarse e...

Cans do Castro, unha residencia canina e centro de cría no Concello de Pantón

Segredos de Pantón comparte en Xornal de Lemos a súa entrevista a ‘Cans do...

Os Reis Magos chegan en tren a Monforte e desfilan polas rúas de Chantada

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado por diversos membros do Equipo de...