HomeEn profundidadeConta atrás para a estrea oficial en plataformas de 'Alvorada', do músico...

Conta atrás para a estrea oficial en plataformas de ‘Alvorada’, do músico Peitoescuro

A data na que se ceibará o sinxelo e o video a través das redes sociais será este venres 24 de xaneiro. O produtor compostelán Iago Pico, produtor tamén de Tanxugueiras, comanda o son deste primeiro sinxelo do artista de Quiroga.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

O pasado 18 de xaneiro tivo lugar a pre-estrea do primeiro sinxelo e video ALVORADA do músico Rubén Gutiérrez, “Peitoescuro”. O escenario non podía ser máis enxebre, o Cinema Palleiriso da aldea de Garabelos, en Chantada; e o evento difícil de superar no emocional, pois estivo moi arroupado da que considera “a súa comunidade”.

Peitoescuro estivo acompañado de María Rojo á percusión, interpretando ambos un directo engaloiante como adianto dos lanzamentos que virán neste encetado 2025. En palabras do intérprete, trátase dun “proxecto que promete melodías contaxiosas cantadas por unha voz impresionante, con letras que se agarran ao peito, á vez que unha guitarra percutida e un djembé africano invitan a mover o corpo arredor do lume, lembrando que a música foi sempre un ritual de sanación.

Rubén engade tamén que “Alvorada é unha obra de orfebrería coas raíces espertas, feita nas ladeiras dos montes de Ǫuiroga, un canto ao inverno e ao lume que enche de enerxía a quen o escoita, levando a tradición ás profundidades máis tribais”.

Peitoescuro. Foto: Instagram.
PRODUCIÓN E DIRECCIÓN DE ‘ALVORADA’

O consolidado produtor compostelán, Iago Pico, produtor tamén de Tanxugueiras, comanda o son deste primeiro sinxelo, nunha aposta firme por este artista emerxente. E no que se refire ao vídeo, este foi dirixido por Alex Baena. Destaca no mesmo, segundo conta o protagonista, a calidade cinematográfica que ten, unha trama vibrante e unha música arroupada pola estética dos elementos naturais. “Unhas primeiras melodías que naceron podando viñas vellas na Ribeira Sacra do Sil nun mes de xaneiro, cun frío que xeaba as mans”, confesa Rubén Gutiérrez.

PEITOESCURO

‘Peitoescuro’ é o nome artístico de Rubén Gutiérrez, un rapaz que vive coa súa parella e fillos nunha aldea de Quiroga dende hai nove anos. Confesa que lle gusta cantar dende pequeno, que toca a guitarra dende os 18 anos e que sempre foi autodidacta; ademais, dinos tamén que o feito de tocar en jam sessions na Ribeira Sacra e para axudar a durmir os pequenos da casa contribuíron a consolidar a súa paixón pola composición e a interpretación.

“O feito de vivir tan cerca da terra labrada e o monte tróuxome as cancions á gorxa”

Rubén, cun pasado profesional sempre ligado á agricultura, deixou hai nove anos Fuenlabrada, en Madrid, para apostar por mergullarse de cheo na vida rural de aldea. E cousas do destino fixeron posible que chegara a unha aldea de Quiroga onde reside actualmente. Segue exercendo como enxeñeiro agrícola, afirma con orgullo que lle gusta “traballar sempre coas mans manchadas de terra” e que, a partir deste contacto con labregos e coa terra, empezou a desenvolver as melodías que dan lugar ás súas cancións. “O feito de vivir tan cerca da terra labrada e o monte tróuxome as cancions á gorxa”, confesa.

Sen ter familia nin relación con Galicia ata que chegou a Quiroga, hai nove anos, a súa aposta polo galego é clara. En palabras del, “se falo de cousas da natureza, imposible non empregar o galego. O 60% dos temas que compoño son nesa lingua”.

ESTREA DO VIDEOCLIP + SINXELO

A estrea oficial de ALVORADA en todas as plataformas será este venres 24 de xaneiro e, como ben di a súa letra, “non hai pedra máis dura ca auga correndo”. Este proxecto trae moita auga no rego para abrirse camiño no panorama musical. Sen présa, como as cousas que pagan a pena.

A obra forma parte dunha triloxía que se irá desvelando ao longo do 2025.

SINOPSE

Do máis profundo da serra baixan melodías de inverno, cantos para avivar o lume, espantando o frío e quentando o corpo nas mañás de xeada. Cantos que, ao camiñar, embravecen ríos e fan galoupar guitarras, espertando e atraendo ás deusas vellas; deusas que teñen algo que dicir aínda que as tentemos evitar con amuletos que cremos sagrados.

Alvorada conta a historia dun labrego solitario e a súa convivencia cos espiritos dun rural ferido que se cubre de hedras para atopar a semente do seu renacemento.

ÚLTIMAS

Preséntase a documentación definitiva da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

López Campos destacou que a Xunta cumpriu rigorosamente cos trámites e cos tempos esixidos,...

Por Chantada denuncia o abandono das estradas provinciais do municipio e pide coherencia a Tomé

Antom Fente lembra que recentemente o alcalde de Monforte e Presidente da Deputación, José...

Para cando furanchos en Pantón?

En novembro do 2023 o BNG de Pantón presentaba unha moción para posibilitar a...

A ‘Festa do Chourizo’ abrirá as Festas do San Vicente en Margaride

Esta fin de semana Margaride de Lor, no Concello de Quiroga, estará de festas...