HomeEn profundidade“O atentado contra as Torres Xemelgas prendeu o meu interese pola historia”,...

“O atentado contra as Torres Xemelgas prendeu o meu interese pola historia”, Sergio Martínez, guía turístico e historiador afeccionado

Coñecemos a súa investigación sobre o militar Cruz Puente Ordax, sabemos da afección que ten pola xenealoxía e adiantamos outros proxectos que ten en carteira.

Publicado o

POR
Segredos de Pantón
- Advertisement -

Sergio Martínez Cotos é un barcelonés licenciado en ciencias políticas que leva traballando como guía turístico dende hai dez anos. Con todo, confesa que as súas paixóns son a historia e a xenealoxía. Ten orixes familiares en Monforte e no Saviñao e realizado interesantes investigacións en concellos da contorna como é o caso de Pantón onde indagou sobre o militar Cruz Puente Ordax.

Entrevista que lle fixeron dende a entidade Segredos de Pantón.

Como e cando comezou a interesarse pola historia?

Cando era pequeno e me coidaba miña avoa sempre sentín fascinación polo meu avó, ao que non cheguei a coñecer. Ter a súa roupa, os seus papeis, as súas fotografías e non telo a el, fíxome facerme sempre mil preguntas. Aínda que iso é máis ben “pasado” que “historia”. Pola Historia comecei a interesarme con 8 anos de idade por mor da estrea da película “Titanic” en 1997, aínda que a mecha do meu interese prendeu definitivamente co atentado contra as Torres Xemelgas en 2001. A partir dese día fun consciente da seriedade dos acontecementos e xa non perdía nin un só telexornal nin pasaba un só día sen ler un xornal. Necesitaba entender o que ocorrera, as consecuencias que se aveciñaban e como chegaramos a aquilo.

“Pola Historia comecei a interesarme con 8 anos de idade por mor da estrea da película “Titanic” en 1997, aínda que a mecha do meu interese prendeu definitivamente co atentado contra as Torres Xemelgas en 2001”

Época histórica favorita?

Se tivese só unha, sería todo máis doado.

Cal é o seu libro favorito?

Sería imposible elixir un, pero o que máis impresión me causou nos últimos anos foi “The Fall of Heaven: The Pahlavis and the Final Days of Imperial Iran”, de Andrew Scott Cooper, unha extensa crónica sobre o derrube da monarquía do Xa de Irán e a revolución islámica de Jomeini en 1979.

Recentemente publicou unha investigación sobre o militar Cruz Puente Ordax. Que podería contarnos deste persoeiro que antes que ser o nome dunha rúa no Castro de Ferreira foi alcalde pantonés?

Ordax foi un home de orixes humildes, nacido nun diminuto pobo ao leste da cidade de León en 1855. Sobre a súa familia pouco dei podido pescudar, e descoñezo se tivo irmáns ou outros familiares cos que mantivese o contacto cando era adulto. A Terceira Guerra Carlista supuxo para el a oportunidade de saír da súa aldea en 1875. Debeu gustarlle o servizo no Exército ou ben non atopou outra alternativa de vida, polo que despois se ofreceu voluntario para loitar en Cuba, onde combateu nas tres guerras que se sucederon a finais do século XIX. Ao xubilarse, xa fora ascendido a Comandante de Infantería. Logo perdeu á súa esposa e coñeceu a dona Mercedes Somoza, natural da parroquia de San Romao de Moreda, e con ela decidiu trasladarse a Galicia e establecerse na Casa Grande de Goián, que estaba á venda.

Tumba completa co busto de Cruz Puente Ordax. Foto cedida por Sergio Mtnez.

Como foi que decidiu investigar sobre este antigo militar leonés?

Desde a primeira vez que visitei Pantón e vin o monumento funerario de Ordax, sempre quixen saber máis sobre el. Ao preguntar e non atopar respostas, nin atopar case información na hemeroteca (pois era leonés, estivo 25 anos en Cuba e só viviu en Galicia a última década da súa vida), decidín pedir o seu expediente militar ao Arquivo Militar de Segovia. Nel atopei unha enorme cantidade de datos e detalles moi minuciosos sobre a súa vida, e logo, a través doutras fontes, puiden completar aínda máis a súa biografía, a cal considerei digna de ser lembrada e merecedora de ser publicada.

“Desde a primeira vez que visitei Pantón e vin o monumento funerario de Ordax, sempre quixen saber máis sobre el”

Cal foi a importancia de Puente Ordax no seu tempo de Pantón?

Non son moi coñecedor da historia de Pantón, pero hai que ter en conta que Ordax estableceuse alí en 1920 ou pouco antes, e desde o primeiro momento consta como o maior contribuínte de urbana, polo que podemos interpretar que era o home máis rico do concello. Por esa razón, as novas autoridades do goberno de Primo de Rivera designárono alcalde de Pantón. Pode ser que Ordax aceptase de mala gana ou que aproveitase a ocasión para axudar aos pantoneses no que puidese, pois ao contrario do que pasou noutros concellos, el era o máis rico, pero empezando desde abaixo. Labrouse o seu propio futuro, era un home feito a si mesmo; mentres que outros alcaldes contemporáneos tiñan herdado a súa posición polas fortunas das súas familias e non polas súas profesións (aínda que as tivesen). Con todo, ao cabo dun ano Ordax abandonou a alcaldía, polo que o seu papel en Pantón foi máis destacado como empresario e como filántropo que como alcalde, pois tampouco foi nunca político. A el débese a construción da torre do reloxo do edificio do concello, pagada co seu propio diñeiro, e o establecemento da escola do lugar de Goián. O reloxo, o seu monumento funerario e a rúa co seu nome son testemuños da súa curta presenza en Pantón.

Busto de Cruz Puente Ordax. Foto: Sergio Mtnez.

Sabemos que vostede é xenealoxista. En que consiste este traballo?

O meu traballo como xenealoxista é en realidade unha afección e un pasatempo, pero sobre todo unha paixón. Tecnicamente, a xenealoxía trata de buscar as ligazóns familiares entre unhas persoas e outras, achar antepasados, descendentes, parentes colaterais, datas e lugares concretos de nacementos, bautismos, matrimonios e defuncións. No día a día, consiste en contactar con arquivos civís, militares e relixiosos, consultar as hemerotecas, visitar cemiterios para obter datos, facer entrevistas a persoas descoñecidas. Pero por enriba de todo é unha viaxe multidimensional na que viaxas cara adiante e cara atrás no tempo, emociónaste por traxedias pasadas, estreméceste ao entrar en vivendas abandonadas despois de estar habitadas durante séculos, ao dar os mesmos pasos e visitar os mesmos lugares que visitaron xentes que xa ninguén lembra, apaixónaste e sorpréndeste cando segues os pasos vitais dunha persoa ou unha liñaxe, e alédaste ao achegar luz sobre acontecementos que estiveron ocultos durante décadas ou mesmo séculos. Para min eses lazos de sangue que se estenden ao alto, ao longo e ao ancho como as raíces dunha árbore son sacros, como o son en certa maneira as propias árbores que pola súa gran antigüidade son respectadas e protexidas.

A xeneoloxía: “por enriba de todo é unha viaxe multidimensional na que viaxas cara adiante e cara atrás no tempo”

Ten entre mans algunha nova investigación pola nosa contorna?

Pantón está cheo de casas e liñaxes pendentes de investigar. Actualmente estou a escribir un libro sobre a liñaxe da Casa de Torno de Mourelos (O Saviñao), propiedade do avogado de Chantada, Luis Campo Fernández, liñaxe que emparentou coa Casa de Follés a principios do século XIX. Nel contarei a parte máis importante e quizais máis traumática da historia de Follés, detalles que só poden saberse coñecendo aos seus descendentes e interpretando decenas de escrituras e documentos. Da liñaxe desta casa descubrín, por certo, que descende por vía materna a actriz Fiorella Faltoyano, filla non recoñecida no seu momento do alcalde de Pantón don Ramón Pardo Arias (1909-1998). No futuro gustaríame investigar outras liñaxes, como a dos Valcarce do Pazo de Vilar, os Arias de Maside. Calquera casa ou liñaxe que dispoña de información accesible e que non fose debidamente estudada ata o de agora. De momento estou máis centrado nos concellos do Saviñao e Chantada.

Sergio Martínez na presentación da revista Alicerces en Chantada. Foto cedida.

Para concluír coa entrevista. Da nosa bisbarra destacaría algunha historia ou ben inmoble pouco coñecido ou xa esquecido por completo?

Destacaría unha anécdota que atopei investigando a historia da igrexa románica de San Xulián de Mourelos (O Saviñao), derrubada en 1925. Un dos seus párrocos, don Bernardo Díaz Pipín, párroco desde 1853, foi máis tarde destinado á parroquia de San Mamede de Mañente en 1860, en cuxa casa reitoral sufriu, a noite do 7 de novembro de 1861, un violento asalto por parte de tres criminais. Ían armados con dúas pistolas e unha carabina e roubáronlle a el e a súa irmá Isabel, á que ameazaron de morte a punta de pistola, diñeiro e obxectos por valor de 1.316 reais. Outra señora foi agredida, un home foi atado xunto a el, e un veciño que acudiu na súa axuda foi obrigado a axeonllarse tamén a punta de pistola e a rebentar un armario. Segundo a prensa da época, os tres ladróns serían condenados a 20 anos de cárcere cada un.

Por outra banda, a liñaxe do Pazo de Tor require dun libro ben escrito en base a unha investigación seria e concienzuda, pois del saíron personaxes moi notables. Tamén creo que merecen un bo estudo, por exemplo, don Jacobo Arias Villar (falecido en 1975), enxeñeiro de montes, secretario na redacción do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia e marqués de Casa Pardiñas desde 1937; e don Antonio Palacio Rivas (1880-1932), médico de Pantón moi querido na súa época e quen por subscrición popular tivo e ten unha rúa co seu nome e unha placa na súa memoria na fachada da casa onde morreu, con apenas 52 anos de idade.

Como inmoble esquecido por completo, destacaría a Casa de Mosteiro de San Miguel de Eiré, solar da liñaxe dos Losada Quiroga, que foi derrubada e os seus escudos parece ser que desapareceron. Atopábase xusto en fronte da famosa igrexa monacal de Eiré, cuxo desaparecido mosteiro tamén requiriría dunha importante investigación histórica, se é que non a hai xa. Non somos conscientes da gran historia que encerran os nosos concellos.

“Como inmoble esquecido por completo, destacaría a Casa de Mosteiro de San Miguel de Eiré, solar da liñaxe dos Losada Quiroga, que foi derrubada e os seus escudos parece ser que desapareceron”

ÚLTIMAS

Bendición das roscas e das cintas na celebración do San Blas

Seguindo a tradición, este 3 de febreiro pola mañá celebrouse a eucaristía do San...

A pintora, Maruja Mallo, dá nome á rúa do colexio de Sober

O Concello de Sober acordou no último pleno, a proposta da Alcaldía, dedicarlle a...

3º posto para o Quixós na Copa Ibérica de Slalom

A pasada fin de semana celebrouse en terras pontevedresas, concretamente en Mondariz Balneario, a...

O Páramo acolleu unha xornada de transformación e crecemento no rural galego

A finalidade do encontro era poñer en valor as posibilidades de emprender no rural...