HomeEn profundidadeFICA!: “Unha celebración da creatividade fóra das cidades”

FICA!: “Unha celebración da creatividade fóra das cidades”

Os días 16, 17 e 18 de maio terá lugar no Castro Art Village do Saviñao un innovador festival autoxestionado de cinema e arte que presenta un atractivo e amplo programa de actividades. O evento, entre outras cousas, serve tamén para reivindicar que o rural ten futuro.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

FICA!, Festival Independente de Cine e arte na Aldea, é un evento cultural multidisciplinar que nace en O Castro Art Village, no Concello do Saviñao, onde dous emprendedores están a recuperar unha aldea abandoada como parte dun proxecto de rexeración rural, sostible e ao servizo do benestar e a cultura.

Os promotores presentan este lugar como “espazo de experimentación rural, como centro creativo que fusiona as artes co pensamento crítico, o ioga, a natureza e a gastronomía sostible para cultivar unha vida en equilibrio co mundo interno e externo”.

O Castro Art Village. Foto: Web O Castro Art Village.

Respecto do FICA!, cunha programación na que haberá proxeccións cinematográficas, táboas redondas, música e performances, os organizadores din que non é un festival calquera. Para eles trátase “dunha celebración da creatividade fóra das cidades, unha aposta forte pola autoxestión, pola comunidade, pola beleza que medra fóra do escaparate”, e engaden “aquí non hai alfombra vermella, pero hai coxíns no chan e mantiñas compartidas. Non hai focos, pero hai lume que arde. Hai verdade”.

Entenden tamén que revitalizar o rural non é “levar cultura á aldea” senon recoñecer que a cultura xa está na aldea: nas festas, nos contos, nos silencios e nas loitas cotiás.

A partir destas premisas, presentan un atractivo e completo programa de actividades para esta fin de semana, días 16,17 e 18 de maio, que ademais contará coa presenza de Víctor Duplá como moderador, un actor e director cunha destacada traxectoria en cine, teatro e televisión.

 revitalizar o rural non é “levar cultura á aldea” senon recoñecer que a cultura xa está na aldea

O programa ao detalle está na súa páxina web e resulta importante saber que a entrada é unha achega voluntaria cun mínimo recomendado de 5 €, que haberá comida e bebida para mercar pero tamén se permitirá o acceso a quen leve a súa propia comida.

Haberá unha sala de proxeccións para ver as creacións audiovisuais mentres que as performances e actuación musicais serán no exterior sempre que o tempo o permita.

No que respecta á localización o festival desenvolverase no Castro Art Village, no lugar do Castro de Mourelos, 86 (Concello do Saviñao).

Google maps: https://maps.app.goo.gl/HnrMPSqG1DFyHTyVA

ACTUACIÓNS DE ‘TRANSEUNTES’ E ‘PEITOESCURO’

Entre outras actuacións, estarán presentes no FICA! o grupo ‘Transeuntes’ (Monforte) colectivo artístico que presenta ao público ‘Verbas ao sol’ o 17 de maio ás 18:30 h.

Trátase dunha proposta que se mergulla por completo na cultura galega, combinando poesía, música e teatro para honrar ás lavandeiras. A peza fala dun dos colectivos entre os que se compoñían cantigas populares no século pasado, orixe de cantareiras e pandereteiras, protagonistas do Día das Letras Galegas 2025.

Para esta actuación o grupo contará coa participación dos seguintes artistas: Carolina Margarita, J.J. Guille, Luis González , Maro Carretero, Patricia Fernández e Purificación Villar.

Tamén estará presente o intérprete quirogués Rubén Gutiérrez, “Peitoescuro”, que aproveita o convite do FICA! para facer a preestrea do seu segundo sinxelo acompañado de videoclip, traballo que leva por título “Metamorfose”. O anterior foi “Alvorada” e presentouse ao público o pasado 24 de xaneiro.

No programa do festival proxectaranse “Alvorada” e “Metamorfose” o domingo 18 de maio ás 18:15 h. e poderase gozar dun concerto do protagonista, ‘Peitoescuro’, ás 18:30 h.

Actuación de ‘Peitoescuro’ e María Rojo na pre-estrea. Foto cedida.

ÚLTIMAS

O PP de Monforte urxe a mellora inmediata da conexión da N-120 co Polígono do Reboredo

A voceira popular, Katy Varela, denuncia que o firme se atopa nun estado “totalmente...

CSIF esíxelle ao Concello de Taboada maior financiamento para o SAF

Este escrito enmárcase nunha iniciativa que o sindicato está a desenvolver en todos os...

Irmandamento entre a Feira do Viño de Amandi e a Festa da Filloa de Muimenta

O Concello de Sober aproveita a conta atrás da Feira do Viño de Amandi...

Os Bolechas ensinan sobre compostaxe doméstica na publicación “Os composteiros de Monforte”

“Os composteiros de Monforte” está protagonizado polos coñecidos Bolechas, encargados de ensinar á rapazada...