HomeEn profundidadeCoñece todos os detalles das Festas de San Xoán en Sarria

Coñece todos os detalles das Festas de San Xoán en Sarria

Do día 20 ao 24 de xuño o concello presenta un amplo programa festivo con grandes orquestras, música tradicional e popular, fogueira de San Xoán e espectáculo de lume cos ‘Dimonis de la Plana’, maxia, deporte e un Vibraxoán co grupo Sidonie como cabeza de cartel. Ademais, habilitarase un Punto Violeta e haberá todos os días 2 horas sen ruído na zona de atraccións.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Sarria comeza a conta atrás para darlle a benvida ao verán coas súas tradicionais Festas de San Xoán, celebración que comeza este venres día 20 de xuño ás 20:00 h. co pregón dende a Casa do Concello a cargo de Jesús Pato Mourelo, fundador de Galimplant (empresa referencia en Galicia na fabricación e venda de implantes dentais). Ademais, e por segundo ano consecutivo, a alocución será comunicada en paralelo a través da linguaxe de signos.

A continuación farase a tirada do ‘foguetón’, momento que sinala o inicio oficial das festas, e a seguir as actuacións da ‘Coral Polifónica do Concello de Sarria’, a ‘Banda de Música de Sarria’, ‘Os Clarisaxos’, a ‘Asociación Cultural Meigas e Trasgos’ e a ‘Asociación cultural Peleiriños’ na Praza da Constitución. Esta última entidade acompañará o desfile das ‘Pampónigas’.

Xa ás 22:00 h. festa e verbena coas orquestras ‘Miramar’ e ‘Panorama City’ no Campo de Rugby da Rúa Castelo.

FIN DE SEMANA

O sábado 21 será un día especialmente pensado para os máis cativos e para a mocidade pois terá lugar o Festival Infantil de San Xoán e o Vibraxoán.

O Festival Infantil de San Xoán comezará ás 18:00 h. na Praza da Vila coa intervención de ‘Trémola Teatro’. Este colectivo de animación ofrecerá aos presentes globoflexia, música, baile e obradoiros de tinta máxica e marcapáxinas.

A continuación, ás 19:30 h., será a hora máxica da man do mago local Roberto Lolo e haberá animación polas rúas cos ‘Gaiteiros de Goián’ e a charanga local ‘Louband’.

Nesta mesma xornada, e a partir das 21:00 h., terá lugar no Campo de Rugby de Sarria o Vibraxoán, unha noite de concertos que contará con dous grupos locais, ‘Louband’ e ‘Sound Sisters’ (21-23:30 h); a coñecida banda de música indie ‘Sidonie’ (23:30-01:00 h); e o peche musical a cargo da ‘Duendeneta Dj Set’ (1:00-3:00 h.).

Sound Sisters. Foto: Llum A. González.

O domingo 22 pola mañá está programada unha sesión vermú a cargo da Duendeneta, no cruce da Rúa da Liberdade con Xosé Sánchez Arias, e un pasarrúas de tarde coas Pampónigas coa Asociación Peleiriños e a Banda Comarcal.

Pola tarde, ás 20:00 h. haberá un Concurso de baile con música en directo da ‘Banda de Música de Sarria’ e ás 21:30 h. festa e verbena no Campo de Rugby coas orquestras ‘Los Players’ e ‘New York’.

LUNS 23

Esta xornada, e para celebrar a Noite de San Xoán, a festa comezará cun pasarrúas de tarde coa ‘Charanga Paradela’ e a ‘Asociación Cultural Meigas e Trasgos’.

Ás 21:00 h. música con ‘Dj da Casa’ e a continuación unha pancetada popular no Campo da Feira con chourizos e iscos. Despois, ás 23:00 h. música co grupo ‘Éoas’ e unha Queimada Popular.

Ás 00:00 h. e na mesma ubicación antedita, procederase ao acendido da Fogueira de San Xoán e ao desenvolvemento do espectáculo de lume a cargo dos Correfoc “Dimonis de la Plana”. Como remate, ás 00:30 h. verbena coa orquestra ‘Finisterrae’ no Campo de Rugby.

Festas San Xoán (arquivo). Foto: César No.
MARTES 24

Fin de festa e peche da programación con pasarrúas pola mañá a cargo da ‘Banda de Música de Sarria’, recepción de autoridades na Casa do Concello e repenique de campás na Igrexa de Santa Mariña con misa e procesión posterior. A misa será cantada pola ‘Coral Polifónica do Concello de Sarria’ e á saída da procesión actuará a ‘Banda Municipal de Sarria’ (13:30 h. Praza Juan Mª López).

Pola tarde as rúas de Sarria estarán animadas da man da charanga local ‘Louband’ e o colectivo ‘Batukda’.

E de cara á noite, ás 21:30 h. actuación da orquestra ‘Capitol’ previa aos fogos artificiais (00:00 h.) para despois dos mesmos rematar coa verbena final de festas dende as 00:15 h. coas orquestras ‘Capitol’ e ‘Olympus’. Todo o anterior no Campo de Rugby.

PUNTO VIOLETA E HORAS SEN RUÍDO

Dende a Concellería de Educación e Festexos explican que os días 21 e 23 de xuño haberá un Punto Violeta a disposición de calquera muller que necesite información, asesoramento ou calquera tipo de axuda.

Estará dende as 23:00 h. do día 21 de xuño ás 3:00 h. do día 22 a carón do Campo de Rugby xunto á pía climatizada. E das 23:55 h. do día 23 ás 4:00 h. do día 24 no Malecón a carón da cantina.

María Eugenia Valcárcel, concelleira de Educación e Festas, comenta tamén que “por terceiro ano consecutivo, todos os días haberá dúas horas sen ruído, de 18:30 a 20:30, na zona de atraccións para facilitar que os nenos, nenas e maiores con hipersensibilidade acústica poidan gozar das festas”.

María Eugenia Valcárcel López, concelleira de Festas no Concello de Sarria / XdL
ACTIVIDADE DEPORTIVA

O XXXV Torneo de Fútbol Sala San Xoán comezará o día 20 e alongarase ata o 22 de xuño, desenvolvéndose no pavillón José Mario González, na zona recreativo-deportiva do Chanto.

Así mesmo, o día 22 de xuño terá lugar un partido decisivo para a Sarriana. Xógase o ascenso á 2ª RFEF contra o C.A. Pulpileño de Almería. Na ida o resultado foi de empate sen goles co cal este domingo ambos equipos xóganse subir de categoría no campo da Ribela. En palabras de Geni Valcárcel, concelleira de Festexos de Sarria, “este ano o broche de ouro das Festas esperamos que llo poña a Sarriana co seu ascenso de categoría”.

ÚLTIMAS

En marcha o Ciclo de Concertos de grupos monfortinos

Este ciclo foi unha das principais novidades do Programa de Verán de 2022, e...

Outeiro, o Mazo e Soldón, en perigo, no lume descontrolado que ameaza o Courel

A Serra do Courel, unha das xoias ecolóxicas de Galicia, volve a estar en...

20.000 hectáreas levan ardidas co incendio que comezou en Larouco o día 13

Cos datos provisionais que ofrece este 19 de agosto a Consellería de Medio Rural,...