Conta atrás para unha nova edición do festival O Son Da Aldea, un evento que se celebrará o 28 de xuño na aldea de Toldaos, no Concello de Pantón.
Este ano alcanzan a súa cuarta edición cun cartel composto polos seguintes artistas e formacións: A Cadela Asasina, As Moiñas, o Mago Demi, Pappaquino, Maskarpone, DJ Xosé, Willow GHZ, Xmaseda e Monoulious Dop.
O festival, totalmente de balde, arrincará ás 17.00 horas e contará con exposicións, artesanía, cantina e este ano cun Punto de Lingua Vital Xa!.
Falamos con Javier Goyanes, presidente da entidade que fai posible que as aldeas do sur de Lugo se visibilicen e reivindiquen como “espazos activos e modernos“, pero tamén como “escaparates da nosa cultura e da recuperación dos valores comunitarios”.

Quen está detrás do festival O Son Da Aldea?
A Asociación Veciñal As Candelas de San Xoán de Toldaos. A persoa máis visible tal vez sexa eu, pero detrás hai un grupiño de xente moza moi traballadora que sen eles non sería posible facer O Son Da Aldea.
Como xurdiu a idea de organizalo e que reivindicades con el?
A idea do festival foi unha aposta persoal coa que tentamos revitalizar e visibilizar o estado de abandono do rural, non só das distintas administracións, se non tamén da propia xente que sufriu un desarraigo das súas raíces. O rural esmorece entre ruinas.
Queremos que O Son Da Aldea sexa un escaparate da nosa cultura e da recuperación dos valores comunitarios. Pero por riba de todo reivindicamos a descentralización dos actos culturais, reivindicamos a nosa lingua como símbolo de identidade.
“Queremos que O Son Da Aldea sexa un escaparate da nosa cultura e da recuperación dos valores comunitarios”
Non é doado hoxe atopar un festival no que o cento por cento dos participantes sexan galegos, verdade?
Non o podo dicir o cen por cen pero seguramente sexamos os únicos íntegramente en galego. Non quere dicir que todos sexan galegos, na edición anterior participou Peitoescuro que canta en galego pero é madrileño. Temos unha calidade extraordinaria de artistas en galego, novas xeracións que veñen pegando moi forte .
Que fai posible que dende unha aldea tan pequena se poida organizar un evento destas características?
A ilusión por ver un rural vivo e para vivir. A ilusión de que a xente moza aprecie ás súas raíces e vexa a aldea como un espazo activo e moderno.
Nesta cuarta edición que novidades presentades respecto das anteriores ?
A principal é unha zona de acampada de balde. No resto tentamos manter a mesma esencia. O SON DA ALDEA non é esa imaxe de festival musical que a todos se nos vén á cabeza ao escoitar a palabra festival. Gústame dicir que é unha festa de aldea como ás de antano, pero unha versión actualizada. Unha imaxe moderna coa que tentamos atraer a atención das novas xeracións.


“O SON DA ALDEA non é esa imaxe de festival musical que a todos se nos vén á cabeza ao escoitar a palabra festivaL”
Ides ter tamén un punto especialmente dedicado ao galego. Cóntanos.
Creo que todos nos decatamos da situación de emerxencia na que se atopa o galego e este ano teremos un punto de Lingua Vital Xa por iniciativa da plataforma Queremos Galego Lugo Sur.

Unhas derradeiras palabras para convidar á xente para achegarse a Toldaos.
Primeiro, agradecer as achegas económicas de veciños de todo o concello e patrocinadores como Vicepresidencia Deputacion de Lugo e Cociñas Dalama, pero tamén agradecer os nosos colaboradores; sen todo isto non sería posible facer algo así, modesto pero feito coas mans e o corazón.
Só dicir, ven vivilo que non cho conten!
