HomeEn profundidade“Dende o medo e o descoñecemento é complicado ir cara a inclusión...

“Dende o medo e o descoñecemento é complicado ir cara a inclusión social e a convivencia”, Paula Santos, educadora social

Coñecemos a esta profesional monfortina que no 2023 decidiu emprender creando un Gabinete Socioeducativo. Ofrece servizos de intervención socioeducativa para familias e sesións grupais a través de obradoiros de prevención, sensibilización ou intervención sobre temáticas como igualdade de xénero, educación emocional ou saúde mental.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Paula Santos é unha educadora social monfortina que foi engadindo ao seu currículo dende que rematou a carreira en Ourense diferentes estudos complementarios que, segundo ela, “enriquecen e especializan o meu papel como educadora”. Destes estudos salienta a formación que ten en Terapia Familiar Sistémica e a que realiza actualmente sobre Terapia Gestalt.

No ano 2023, despois dunha etapa de 2 anos traballando en Alicante, volveu a Monforte e foi nesta cidade na que apostou por crear un Gabinete Socioeducativo pola súa conta. “Sen esquecer as dificultades dos inicios, teño que ser honesta e dicir que o balance é moi positivo”, comenta Paula facendo balance de 2 anos como autónoma.

Falamos con ela máis polo miúdo.

Cando descubriches que che gustaba axudar aos demais e cando decidiches formarte como educadora social?

Non sei se era axudar ou máis ben ir de xusticeira. Dende pequena lembro que me gustaba defender ao débil, por así dicilo, e máis adiante, comigo funcionaron aqueles test que che pasaban dende o departamento de orientación. Polo resultado, a priori podía parecer que a miña inclinación era a Psicoloxía, pero o orientador faloume da carreira de Educación Social, empecei a indagar, e a partir dos 14 anos xa sabía que ese era o camiño.

Antes de emprender pola túa conta, onde traballaches?

Como moitas compañeiras e compañeiros fixen un pouco de todo. En resumo, traballei en sistema de protección e reforma de menores, no ámbito da discapacidade intelectual e como educadora familiar levando a cabo intervencións en centros educativos. Todo isto foi tanto no sector público coma no privado.

Como chegou ese momento de tirarte á piscina e apostar polo autoemprego creando un gabinete socioeducativo?

Xusto coincidiu no momento que retornei a Galicia sen traballo. Sentín que debía apostar por algo máis alá de traballar en centros de menores, algo que xa coñecía, e que basicamente é a opción maioritaria que atopas nesta comunidade. A maiores, eu viña de desenvolver un traballo que coordinaba servizos socias e centros educativos no Concello de Alicante, e pareceume interesante intentar levar a cabo algo similar na miña zona.

Que servizos ofreces?

Dentro do Gabinete socioeducativo, creado a finais do 2023, ofrezo o servizo de intervención socioeducativa. Este servizo consiste en sesións individuais destinadas a familias que se atopen nunha situación de dificultade, por exemplo, a convivencia na casa ou na crianza dos seus fillos ou fillas, polo que precisan orientación e apoio.

Por outro lado, tamén traballo con sesións grupais a través de obradoiros, sendo un servizo que habitualmente levo a cabo en centros educativos e na comunidade con poboación xeral, para traballar principalmente en prevención, sensibilización ou intervención sobre temáticas como igualdade de xénero, educación emocional ou saúde mental.

“tamén traballo con sesións grupais a través de obradoiros, sendo un servizo que habitualmente levo a cabo en centros educativos e na comunidade con poboación xeral”

Que balance fas destes anos e que tipo de intervencións son as máis demandadas?

Sen esquecer as dificultades dos inicios, teño que ser honesta e dicir que o balane é moi positivo. A acollida de moitos obradoiros foi moi boa e cada vez máis familias acoden ao gabinete, pero aínda queda camiño para, sobre todo, familiarizase co perfil de educadora social no ámbito privado. Ademais, creo que unha das razóns polas que costa dar o primeiro paso é que na maioría dos casos o que se traballa non é visible, de aí a dificultade e descoñecemento das intervencións.

Acerca do que máis me atopo nas intervencións individuais, o perfil están sendo familias moi preocupadas con fillos ou fillas en idade temperá, entre 6 e 9 anos, sendo sorprendente para min que se demande máis  traballar con poboación infantil que con adolescencia. E respecto aos obradoiros, dende os concellos, centros educativos ou entidades locais a demanda é principalmente para traballar grupalmente temas de xestión emocional, igualdade de xénero e o uso responsable de dispositivos electrónicos ou redes sociais en xeracións máis novas.

Paula Santos. Foto cedida.

Dis que che sorprende que non se demande o traballo con adolescentes. Refíreste ao teu caso concreto ou cres que é xeral?

Falo por min, polo meu caso concreto. Pensei que ía ter máis adolescentes mais non é así.

Falando das relacións familiares na actualidade. Cres que hai poucos espazos, pouca paciencia ou pouca predisposición para a comunicación efectiva e afectiva?

É posible que as familias se atopen nun momento onde a infancia non conta case con ningún espazo para nenos e nenas sen ser o parque. Agora, por exemplo, non se ocupan as rúas coma antes e as zonas peonís son escasas tamén. Que algunhas vilas aposten por zonas verdes ou peonís penso que é unha fórmula que pode beneficiar a toda a comunidade e non só as familias con cativos. Dalgunha maneira, se non hai espazo físico de encontro é máis difícil a predisposición a un achegamento, e polo tanto a unha comunicación. Eu son observadora e testemuño de que cando se ofrecen espazos comunitarios, estes favorecen unha comunicación fluída, sentindo que o individuo desexa que aconteza dito encontro.

“Que algunhas vilas aposten por zonas verdes ou peonís penso que é unha fórmula que pode beneficiar a toda a comunidade e non só as familias con cativos”

E nos fogares? Non temos tempo ou non o aproveitamos para falar e expresarnos?

Co ritmo de vida que levamos é complicado atopar o momento… pero hai que intentar atopalo. Segundo a dinámica familiar todos teñen que poñer da súa parte e buscar ese momento que máis se pode adaptar a cada un e poñelo como rutina para falar. Por exemplo no xantar ou na cea intentar falar en familia, contar as cousas que nos pasan, como nos foi o día, pero sen facer interrogatorios… que flúa a conversa.

As novas tecnoloxías, ou ben o abuso das mesmas, tampouco axudan, verdade?

Aquí temos un melón. O tema non é sinxelo porque estamos ante un feito que pon unha fenda moi grande entre xeracións e temos que ter claro que as TRIC (Tecnoloxías para a Relación, a Información e a Comunicación) xa non son tan novas e viñeron para quedar. Agora non só os novos se relacionan no mundo online, eu coñecín a algún pai que se enganchou aos vídeos de Instagram con case 60, e todos coñecemos a algunha avoa que ten Facebook, polo que non é xusto dirixir a mirada só a xuventude, aínda que eles naceran con este acceso precisan dun acompañamento neste plano tamén. Dalgunha maneira ás persoas adultas tócalles achegarse a esta realidade dixital sen prexuízos e con respecto cara a mocidade.

Charla de Paula Santos sobre ‘Adolescencia e contido online’ en Chantada. Foto: Concello de Chantada.

Respecto da igualdade, en que punto de concienciación e aplicación real da mesma cres que está actualmente a sociedade?

Son das que pensa que aínda queda camiño e tamén de que algo estase avanzando xa que o ruído demostra que se moveron cousas. Cando falo de ruído, refírome a mensaxes ou actitudes onde unha parte da sociedade rexeita o avance, iso é que algo está cambiando ou polo menos cuestionándose. É certo que nos avances moi significativos en ocasións existen situacións concretas que deslocen todo o camiño que se leva percorrido e escurecen os logros alcanzados. Roma non se construíu en dous días, e o resultado mereceu a pena. Confiemos en que imos na dirección correcta.

Que nos falta logo para avanzar máis rápido e rematar coa lacra da violencia machista?

Máis que rápido é ir con seguridade. Cando falaba de que os espazos comúns favorecen a comunicación é porque todo o que nace da comunidade xera un caldo de cultivo para que este movemento social non se quede só en accións illadas e sexa posible dar pasos máis firmes e contundentes.

Como profesional que traballas con persoas ou colectivos en risco de exclusión social, favorecendo o desenvolvemento, a autonomía e a integración dos mesmos; como estás vivindo as reaccións sociais tras o anuncio da creación dun centro de acollida de migrantes en Monforte?

Esta noticia estouna vivindo con preocupación. As reaccións sociais son dalgunha maneira paralelismos das reaccións políticas e neste caso aparecen dous compoñentes que van da man: o medo e o descoñecemento. Dende ese lugar é complicado ir cara a inclusión social e a convivencia. Estou a favor sempre dos dereitos humanos, e acoller a calquera persoa que pida asilo é un deles. Podo non estar de acordo con modelos de xestión que favorecen a exclusión ou o illamento social, pero para min é unha responsabilidade colectiva e un compromiso colectivo afrontar esta realidade dende o respecto e a tolerancia.

“Estou a favor sempre dos dereitos humanos, e acoller a calquera persoa que pida asilo é un deles”

Moito traballo e moitos proxectos por diante para rematar este 2025?

A verdade e que si, estou moi contenta e agradecida por todo o que está por vir, xa que ao traballo do día a día sumase Comunidade viva: redes de apoio, un novo proxecto social cheo de ilusión, ganas e compromiso no que se busca aportar e dinamizar o territorio con iniciativas para tódolos concellos que forman a Comarca Terra de Lemos. Para máis información podedes seguir a conta en instagram @comunidadeviva.ra onde publicaremos todo o que se irá facendo.

Gabinete Socioeducativo está na Rúa Manuel Hermida Balado, 6 Ent 1. de Monforte de Lemos.

ÚLTIMAS

O PP anuncia no Parlamento que a Xunta investirá 30M€ no Hospital de Monforte, mentres o BNG reclama solucións ás listas de espera

A iniciativa nacionalista demandaba garantir a cobertura completa de prazas nos servizos con maiores...

“Habilidades e competencias para o emprego”, do 15 ao 17 de outubro no Centro Cívico de Monforte

Enmarcada no programa ALICIA-Activando la Igualdad, a actividade lévase a cabo en colaboración coa...

47 empresas lucenses benefícianse do programa Emega que impulsa o emprego feminino

Os deputados populares salientaron en Paradela que un total de 47 empresas da provincia...

Chantada anima á veciñanza a colleitar microtopónimos para conservar a riqueza lingüística do municipio

Para dar a coñecer este programa onde a colaboración da xente é fundamental, o...