HomeEn profundidade'Día de Bruxas': unha emotiva e máxica xornada que homenaxeou á 'Meiga...

‘Día de Bruxas’: unha emotiva e máxica xornada que homenaxeou á ‘Meiga de Torbeo’

O evento cultural, organizado pola Asociación de Veciños e o Concello de Ribas de Sil, tivo lugar este pasado sábado 18 de outubro e contou coa asistencia dunhas 150 persoas. Arredor da mítica 'Meiga de Torbeo' deseñouse un programa de actividades moi variado e de gran calidade.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

A aldea de Torbeo foi, o pasado 18 de outubro, protagonista dunha xornada cultural moi completa presentada baixo o título de ‘Día de Bruxas’ e que xirou arredor da memoria de Filomena Arias Armesto, a mítica ‘Bruxa de Torbeo’.

O evento, que achegou ao lugar unhas 150 persoas de diferentes puntos de Galicia e comunidades autónomas veciñas, organizárono conxuntamente a Asociación de Veciños de Torbeo (AVETO) e o Concello de Ribas de Sil, contando tamén coa colaboración da Deputación de Lugo.

A primeira actividade do día, ás 10:00 h. da mañá, consistiu nun paseo desde a vella escola de Torbeo ata o miradoiro do meandro da Cubela, unha das paisaxes máis características da Ribeira Sacra e do Xeoparque Montañas do Courel, rematando a continuación no Centro de Interpretación do Río Sil en Torbeo. 

BENVIDA E MESA REDONDA

A apertura do acto correu a cargo de Mario Vidal, presidente de AVETO; Luis Fernández, concelleiro de Educación e Cultura; e Roberto Castro, alcalde de Ribas de Sil. Logo da inauguración, nunha carpa instalada a carón da igrexa, celebrouse unha interesante conversa de dúas horas, conversa que, en palabras do concelleiro Luis Fernández: “ás veces con puntos de vista que ían do racionalismo a posturas máis espirituais e místicas, pero que enriqueceron a aproximación feita a Filomena Arias, nomeada hai décadas como a “Sabia de Torbeo” por Antón Patiño”.

Os poñentes foron Carolina Martínez, veciña de Torbeo e herbeira continuadora de parte do coñecemento de Filomena, e Manuel Cao, mestre e escritor local. Entre ambos, e coa importante participación do público, fixeron un percorrido pola vida de Filomena, repasando distintas interpretacións dos fenómenos extraordinarios dos que se fala. A conclusión de todos foi que Filomena foi una muller boa, que pretendía axudar, moi coñecida no territorio, e ás veces inxustamente tratada polas autoridades civís e relixiosas, que pervive na memoria e que, indiscutiblemente, forma parte da cultura popular galega.   

Manuel Cao e Carolina Martínez. Foto: Concello de Ribas de Sil.
Público asistente á charla sobre a ‘Bruxa de Torbeo’. Foto: Concello de Ribas de Sil.

Despois da charla, e antes da comida popular na escola, realizouse un percorrido dunha hora desde a casa natal de Filomena ata a posible fonte onde se cre que bebía auga e recibía os espíritos, o fiadeiro, a consulta e o exterior da igrexa parroquial, onde lle foi practicado un exorcismo. As persoas presentes tiveron a oportunidade de ver a inscrición de bautismo de Filomena e unha anotación posterior doutro sacerdote que, en tinta azul, indica ao marxe: “Esta é a coñecida como bruxa de Torbeo, … posuía manifestacións diabólicas“. 

A conclusión de todos foi que Filomena foi una muller boa, que pretendía axudar, moi coñecida no territorio, e ás veces inxustamente tratada polas autoridades civís e relixiosas, que pervive na memoria e que, indiscutiblemente, forma parte da cultura popular galega

PRESENTACIÓN LITERARIA E ENTREGA DOS PREMIOS LITERARIOS

Pola tarde, a escritora Rosa Marina González-Quevedo, nacida en Matanzas (Cuba), trasladada despois a A Habana, posteriormente a Italia, e actualmente afincada en León, presentou o seu libro “Amanda”. A obra narra unha historia, que acontece en 1938, de lugares, mística e persoas, en escenarios como A Habana e tamén Torbeo, onde aparece Filomena. Presentada por Carolina Martínez, asinou todos os exemplares dispoñibles, que se esgotaron. Hai que destacar que a escritora non ten ninguna relación con Torbeo e que, unha viaxe a Galicia, xa hai anos, permitiulle coñecer un espazo para a súa obra e a figura de Filomena. Na ringleira de persoas para asinar o libro estiveron dúas mulleres, Mirian e Josefa, familiares da protagonista do día que asistiron emocionadas a todos os actos.

Presentación do libro ‘Amanda’. Foto: Concello de Ribas de Sil.

Posteriormente, o concelleiro de Cultura, Luis Fernández, deu lectura ao fallo do primeiro concurso literario “Filomena Arias”. Na categoría infantil recibiu certificado e lote de libros Valentina Aguado, de Quiroga, coa obra Claudia do río. Na categoría de adultos, con certificado e dotación económica, gañou o galardón Antonio Paz coa obra Máxica realidade.

Gañadores do Premio Literario a carón do Alcalde de Ribas de Sil. Foto: Concello de Ribas de Sil.
MAGOSTO, MÚSICA TRADICIONAL E CONCERTO DE ‘PEITOESCURO’

A xornada rematou, logo das nove da noite, cun magosto e queimada, “como non podía faltar nun Día de Bruxas”, comenta Luis Fernández, e coa música do grupo de gaitas Son do Pucheiro e o artista quirogués Peitoescuro. Estas actuacións estiveron financiadas pola Deputación de Lugo. 

Grupo Tradicional ‘O Son do Pucheiro’. Foto: Concello de Ribas de Sil.
Actuación de ‘Peitoescuro’. Foto: Concello de Ribas de Sil.
AGRADECEMENTOS

Dende o Concello de Ribas de Sil agradecen a implicación da Asociación de Veciños de Torbeo, “unha das asociacións máis comprometidas do municipio”, e poñen en valor a súa iniciativa e traballo realizado ao facerse cargo de toda a organización da comida e da instalación das carpas dos eventos. “Un traballo digno de destacar, no que unha comunidade de apenas 70 persoas organizou á perfección a recepción de 150 asistentes”, subliñan.

Finalmente, e froito da satisfacción xeral tras a xornada, dende o concello sinala que “o espírito que se viviu na festa fai pensar que este ‘Día de Bruxas’ será o primeiro de moitos…”.

ÚLTIMAS

Comeza unha nova tempada do Programa Integrado de Emprego de Chantada

O Programa Integrado de Emprego do Concello de Chantada (PIE) inicia a súa actividade...

A Pobra do Brollón celebra o Día da Biblioteca con actividades o 23 e 24 de outubro

Andrea Nunes Brións, nada en 1984 en Marín, é activista, escritora e profesora de...

“Perdida no labirinto” de Violeta Bernardo amplía o proxecto de Soterradas en Tor

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, acompañado da xerente da Rede Museística...

Quiroga celebra este 25 de outubro o QuiMedo con 8 casas do terror

A cita do terror pechou o prazo de inscricións unha vez se acadaron os 1.200...