Alberto Fidalgo cóntanos que dende pequeno sentiu atracción polos deportes de montaña e natureza, ou como lle di súa nai, “daqueles onde se poida perder a vida”. Co paso dos anos rematou a carreira de INEF e chegou á disciplina deportiva da Marcha Nórdica, incluída dentro da Federación Galega de Montañismo, e enganchouse a ela ata o punto de competir a nivel nacional e internacionalmente.
Aínda que naceu en Bilbao e vive en Oleiros, considérase Taboadés e visita o concello cada quince días. Confesa que “para moita xente son un veciño máis e agora son o da Marcha Nórdica, aparte de seguir sendo da Casa do Augardente”.
Orixinario de Taboada vila ou dalgunha parroquia?
Pois comezamos ben, con polémica (ri). Pero nada que na túa casa non sexa coñecido. Eu nacer nacín en Bilbao, pero como contra o amor non se pode loitar, a morriña pola Terra pronto fixo acto de presenza e dende moi cativo lembro ir ao cole coa carpeta decorada con bandeiras galegas, trisqueles e demais elementos da nosa cultura. Gústame evitar dicir que nacín en… prefiro dicir, son de Galicia, en concreto Taboada, lugar que sempre me fixo sentir feliz e onde atopo calma e batería para as miñas pilas. Coido que para moita xente son un veciño máis e agora son o da Marcha Nórdica aparte de seguir sendo “da Casa do Augardente”.
Dende cando vives na Coruña e como é agora a túa relación con Taboada?
Cheguei preto da Coruña no 2008, a Oleiros, a estudar a carreira de INEF e xa quedei aquí porque o traballo aquí me asentou. Taboada está moi presente en min, vou normalmente cada 15 días, ás veces máis seguido. Alá onde vou intento facela coñecida, levar por emblema as terras da Ribeira Sacra, os seus roteiros, a gastronomía… e como non, as súas xentes.
Apaixonado aos deportes dende pequeno? Cales practicabas?
Sempre fun deportista, como todos durante moitas épocas comecei polo futbito e logo fútbol, pero sempre me gustaron os deportes de montaña e natureza e como di miña nai, “aqueles onde se poida perder a vida”, escalada, barranquismo, alpinismo, etc.

Tanto che gustaba a actividade física que os teus estudios tiraron por aí. Cóntanos.
Si, agora co tempo miro cara atrás e non sei que foi o que concretamente me levou a estudar deportes porque sempre me gustaron outras cousas como os números, xa que dende moi pequecho axudáballe ao meu pai a pasar os IVES trimestrais, pero tamén o xornalismo me gustaba. O conto foi que me fun metendo no mundo de adestrador e logo dando algunha clase, o que me levou a facer o TAFAD e de aí pasei ao INEF.
Como chegas á ‘Marcha Nórdica’? En que consiste?
Caín moi de refilón, primeiro coñecín a disciplina grazas a Cecilia Carrara, quen sinto que trouxo a Marcha Nórdica a Galicia, por unha formación teórico practica que deu en Coruña, á cal fun por ver que era aquilo. E logo ás competicións empecei a ir grazas a unha compañeira de traballo que daba clases de Marcha Nórdica. Animoume a probar, engancheime, e ata hoxe.
É un deporte que basicamente consiste en camiñar axudado por un bastóns especiais cunha técnica concreta. Deste xeito aproveitas o impulso dos bastóns para sacar maior rendemento ao movemento, e se queres velocidade. As competicións consisten en ir rápido respectando a técnica que é avaliada por uns xuíces que incluso te poden descualificar. Non é doado.
“É un deporte que basicamente consiste en camiñar axudado por un bastóns especiais cunha técnica concreta”

Nese momento, pouca xente a practicaba, verdade? Avanzouse a día de hoxe para potenciala?
Tempada a tempada vese cada vez máis xente que a practica polas cidades e vilas… aínda estamos loitando contra a vergoña de que nos vexan camiñar con bastóns. Non sabes como de grande foi a miña sorpresa un día que saín a adestrar polas aldeas de Taboada e topei cun matrimonio facendo Marcha Nórdica. Parei falar con eles e contáronme que foron a un curso en Vigo e que agora a practicaban a diario. Aínda así, somos un deporte moi minoritario no que a competición se refire pero en lecer e saúde somos unha marea grande.
Hai federación propia desta disciplina deportiva? Canta xente pode haber en Galicia que a practique e compita?
A disciplina esta dentro da Federación Galega de Montañismo, e non sabería dicirche… pero a nivel Galicia, seguro que milleiros como practicantes, a nivel competitivo uns 200.
Para competir, que probas ou circuítos hai a nivel de Galicia e do estado?
Agora mesmo en Galicia temos a Copa e o Campionato Galego. A nivel Nacional esta a Copa que consta de 4 probas, logo o Campionato Individual Nacional, o Campionato de Clubs e o Campionato de Seleccións Autonómicas. Ademais hai varias probas de Ranking Nacional, e logo están tamén as probas internacionais de Campionato de Europa e do Mundo
Onde adestras e como preparas as probas?
As miñas bases de adestramento son en Coruña e en Taboada, aínda que se teño que preparar algunha proba en concreto, e para iso necesito ir a algún circuíto concreto que se asemelle ao da competición, pois móvome. Gústame moito marchar pola Muralla de Lugo, ou aproveitar as montañas do Caurel ou Ancares.
“As miñas bases de adestramento son en Coruña e en Taboada”
Aparte de marchar, tamén adestro con outros deportes de resistencia como correr, bicicleta e natación. Sempre acompañado por traballo de forza e adestramentos técnicos. E non esquecerse de coidar a nutrición e a psicoloxía para poder chegar ao máximo rendemento.
Que méritos deportivos atesouras na túa traxectoria a día de hoxe e que retos ou obxectivos tes por diante para o vindeiro 2026?
No 2024, tiven os mellores resultados sendo Campión de Europa e Subcampión do Mundo, tamén Subcampión de España.
No 2026 quero recuperar os ritmos marcados anteriormente e loitar por estar o máis alto posible no circuíto Nacional e Internacional. Pero xa hai tempo que sinto que o podium son só 10 segundos e que ser quen de sacar forzas para adestrar día tras día desfrutando de iso, á par de levar a miña vida laboral e familiar, xunto con poder competir o máximo o día da proba, son os meus verdadeiros triunfos, máis que as medallas. E ver a miña filla emocionarse coa loita do seu pai, non ten prezo.
“No 2026 quero recuperar os ritmos marcados anteriormente e loitar por estar o máis alto posible no circuíto Nacional e Internacional”
Que se precisa para practicar Marcha Nórdica?
É moi sinxelo, só se precisan uns bastóns específicos da disciplina que se diferencian dos tradicionais de sendeirismo por que levan unha dragonera que é como se fose un guante que fai que en todo momento a man estea unida ao bastón aínda que esta se abra. Roupa e calzado cómodo e acudir ao principio a unhas clases para aprender a técnica.
Que precisas ti para competir a ese nivel?
No meu caso emprego uns bastóns un pouco máis técnicos, sendo diferencia principal que os meus son de carbono e son fixos, non extensibles. Roupa cómoda e circuítos axeitados para adestrar dando o máximo.
Pero si que é certo que para poder acudir ás competicións necesito colaboracións e patrocinadores, polo que aproveito para dicir que se alguén quere colaborar no meu proxecto de competición e poder levar a Galicia de novo o máis alto posible que se poña en contacto comigo para ver como me pode axudar. Ás veces as axudas máis pequenas son as máis importantes, incluso só con seguirme no Instagram @afgalicianordica xa me están axudando.
“para poder acudir ás competicións necesito colaboracións e patrocinadores”
Este verán monitorizaches algunha actividade relacionada coa ‘Marcha Nórdica’ no Concello de Taboada. Cóntanos en que consistiu e como foi a experiencia.
Foron varias sesións gratuítas de achegamento da disciplina á xente de Taboada e arredor. Coñecemos a técnica específica do deporte, intentamos mediante exercicios integrala e logo rematamos con varios roteiros. Foi un éxito porque houbo xente que se enganchou e moitos a dia de hoxe xa van a practicar pola súa conta.
Ademais dos beneficios aeróbicos que pode aportar este deporte, que outros salientarías?
É un deporte moi completo, xa que activa o 90% da musculatura e, se sorrís, o 100%. Reduce o impacto sobre as articulacións, xera unha postura sa e reduce, pola rotación contra lateral de cintura escapular–cintura pélvica, as tensións das costas –moi recomendada para os que traballamos moitas horas sentados–. Tamén amplía a autonomía das persoas, aumenta o gasto calórico, ofrece unha mellora cardiovascular… E moitos outros beneficios comúns a todos os deportes, como son a sociabilidade, eliminación de estrés, e aumento da autoestima, por exemplo.


