Monforte empeza o ano 2026 con comedia e faino o día 2 de xaneiro da man do coñecido actor e humorista Pepo Suevos quen presenta o seu espectáculo “Á caída” na Casa da Cultura Lois Pereiro de Monforte ás 20:00 h.
Suevos é un veterano do humor galego que leva 25 anos facendo rir enriba de todo canto escenario se lle pon a tiro e que demostra cada día a súa actitude e aptitude para saír adiante ante calquera reto que se lle presente. Ademais de empezar a contar polos bares, no ano 2000 tamén comezaba a súa experiencia televisiva debutando na TV. Foi na exitosa serie “Mareas vivas” e dende ese momento non parou. Pepo explícanos que nestes 25 anos de traxectoria completou máis de 2000 actuacións en vivo, arriba de 25 películas (entre elas a afamada “As bestas”); unhas 35 series das que destacan “Terra de Miranda” en TVG, “Fariña”, “Clanes”, “Nos vemos en otra vida”… E recentemente “Animal” en Neflix. A maiores do dito tamén fai teatro, traballa como presentador, guionista…
No mundo da comedia Pepo Suevos autodefínese como “un todoterreo enérxico, provocador e fiel ó seu estilo de non deixar ó público indiferente”. E engade, “quen me ve en directo, repite. Quen non me ve, non sabe o que perde…”.

Que foi Pepo Suevos antes de aterrar no mundo da comedia e do audiovisual?
Foi unha estrela frustrada do baloncesto que mudou a estudante de Económicas e que empezou a traballar no 3º curso de porteiro de discoteca para non deixar de traballar máis.
Enriba do escenario, contando trapalladas como dis ti, considéraste máis monologuista ou máis contador?
Diría que contador, aínda que calquera que fale só, é monologuista. O que quero dicir é que meto chistes, vacilo á xente e reflexiono sobre certas cousas, pero no fondo sempre conto historias.
No día a día es tan ‘falaclaro’ e tan ‘refungón’ como semellas nos teus espectáculos?
Penso que si. Dicir as cousas con certo desenfado fai que sexan máis levadeiras para quen as oe. E en principio eu prefiro as cousas claras, así que intento ir de cara, pero polas boas, claro.
“Dicir as cousas con certo desenfado fai que sexan máis levadeiras para quen as oe”
Dis que superas as 2.000 actuacións. Telas contadas ou é un dato que queda ben no currículo? Lembra, e conta se queres, cal foi a mellor e cal a peor?
Empecei anotándoas nunha libreta, e cando a acabei, pasei de comprar outra. Levaba 1233, e iso foi no 2013, así que a pouco que seguira un ritmo similar, chego de sobras a 2000. Só no Ícaro, un pub de Vigo, xa paso de 100.
Mellores houbo moitas, son boas a maioría, e non teño ningunha lembranza en especial. As malas, normalmente, son nas verbenas ó aire libre, onde a xente está a bailar e beber e non atenden nin os da comisión. Pero eu sigo facendo.
Este ano quixeches celebrar os 25 anos na comedia co espectáculo “A xira do cuarto de século”. Como foi e que balance fas desta ocorrencia?
Pois ó final saíu bastante ben. Complicouse un pouco conseguir 25 locais diferentes nos que actuar, e tamén houbo problemas de datas polas actuacións que teño con La Oca Band e por algunhas rodaxes. Pero ó fin conseguíronse todas as actuacións. Unhas saíron mellor e outras peor, pero o balance foi marabilloso. Non perdemos cartos nin saúde, e o aniversario celebrouse ó grande.
Nesa traxectoria de 25 anos tamén sumas traballo no audiovisual. Que importancia ten ou lle dás dentro da túa carreira profesional?
Importancia capital. É certo que a base da miña carreira é o directo, pero o audiovisual por unha parte cubre a miña necesidade de facer personaxes, e por outra dá visibilidade para que a xente vaia ás actuación. E tampouco o pagan mal, así que é perfectamente compatible, e incluso diría que complementario.
“É certo que a base da miña carreira é o directo, pero o audiovisual por unha parte cubre a miña necesidade de facer personaxes, e por outra dá visibilidade para que a xente vaia ás actuación”
A túa aparición máis recente en televisión foi na serie ‘Animal’ con Luís Zahera, entre outros. Estarás na segunda tempada?
Pois non teño moita información a tal hora, pero esperemos que si. En principio xa está confirmada esa segunda temporada publicamente. Agora falta ver se necesitan ovellas, e coas ovellas eu vou á fin do mundo (ri).
Algún proxecto máis en axenda?
Para afirmalo de xeito categórico, pois non. Hai cousas no aire, pendentes de pechar, pero aínda son posibilidades, non proxectos firmes.
Intentaremos, coma sempre, facer moito monólogo (que por certo, este ano gustaríame actuar en empresas en horario laboral, por se algunha está interesada), e o que veña de audiovisual, guión ou teatro, que son as miñas outras variantes, pois benvido sexa.
Este venres vés a Monforte cun espectáculo de improvisación, recurso do que tiraches sempre nos teus monólogos. En que consiste a túa proposta, titulada como ‘Á caída’?
Si, sempre improvisei bastante, basicamente para pasalo ben eu e non adormecer en escena por dicir un texto de memoria.
E “À caída” vén sendo iso levado ó extremo: subir ó escenario coa mente en branco e a ver onde nos leva a comedia.

“Á CAÍDA”, O ESPECTÁCULO
Está en crise a comedia? Miña nai, esperemos que non! É moi necesaria para soportar o “mundo real”. E ademais son moitos os que viven por e para a risa. Pero si que é certo que hai unha certa tendencia nos últimos tempos a meterse con ela, a censurala, a criticala… Está, por exemplo, o famoso tema dos límites, aquel de “con que se pode facer humor e con que non”. Debates internacionais, hai con isto. Pero temos máis. Dun tempo para aquí escóitase moito a frase “todos fan máis ou menos o mesmo, falan do mesmo e usan os mesmos chistes”. Respectable opinión tamén. Ou aquilo de “iso faino calquera.
“Total, só hai que ter un texto simpático e aprendelo”. Moi ben. Outro estacazo para o oficio, pero igual de respectable. Agora ben, feita a lei, feita a trampa. Contra o veleno,o antídoto. Cando ti vas, eu veño de alí… Todo isto é o que pensa PEPO SUEVOS, e por iso decidiu sacar un novo espectáculo no que derruba estes tres piares da crítica desde o primeiro segundo. Un espectáculo totalmente improvisado, no que, xa que logo, non existe texto que aprender. Un espectáculo interactivo, no que a información que ofreza o público será a que irá compoñendo o contido, así que no caso de tocar temas escabrosos, o público será o culpable (ou cando menos, cómplice). E por suposto, se se tratan os temas “de sempre”, será o auditorio o que peque de pouco orixinal, e nunca o tipo do escenario, que ten que estar áxil e receptivo para que a pelota non caia ó chan.
A todo isto, ímoslle sumar que está de moda o da improvisación, con gran proliferación de compañías que fan teatro a partir de xogos con aportacións do público. Así que Pepo Suevos recolle todo isto e plantexa un show aberto, atrevido, arriscado e sobre todo, moi divertido, no que cada función será única, xa que todo o que aconteza durante o espectáculo, irá xurdindo “Á CAÍDA”. Váiano ver, non sexan tímidos.

