HomeEn profundidade“Eu sempre teño a porta aberta”, Javier Monterde, avogado na Pobra do...

“Eu sempre teño a porta aberta”, Javier Monterde, avogado na Pobra do Brollón

Coñecemos a historia de superación deste avogado catalán que, camiño dos 60 anos, decidiu montar un despacho xurídico por primeira vez na súa vida na Pobra do Brollón, terra da súa muller, e tras recuperarse dun agresivo linfoma. A decisión de cambiar Barcelona polo rural galego, en Pino, tomouna con 55 anos, e pouco antes da pandemia.

Publicado o

POR
XMF
- Advertisement -

Javier Monterde Piguillen naceu en Barcelona, no barrio da Sagrada Familia, e o seu nexo de unión con Galicia foi, confesa, “un amor que coñecín cando tiña uns 18 anos”. Grazas á que era a súa moza, Belén, coñeceu Pino, a súa aldea vacacional, na Pobra do Brollón. Encantoulle esta terra pensando daquela que sería un bo lugar para xubilarse e, sen imaxinar nin esperar nunca, que ese desexo se faría realidade antes de tempo.

Cóntanos que a súa vida laboral foi moi dilatada, traballando como autónomo e asalariado en diferentes oficios ata chegar á multinacional Carburos Metálicos, compañía que foi cambiando de nome en diferentes etapas –por mor de compras empresariais– e na que estivo uns 20 anos. O remate desta última etapa laboral chegou por mor dun despido incentivado del e da súa parella –que tamén traballaba na empresa–, feito que lles levou a decidir vir á Pobra do Brollón e refacer a súa vida aquí cunha calidade de vida mellor.

A toma da decisión foi no 2018, antes da pandemia. Javier tiña 55 anos e con vida laboral por diante.

UN PRIMEIRO PROXECTO NA POBRA DO BROLLÓN

A idea familiar chegados a Galicia foi iniciar un proxecto, e foi así como montaron unha residencia canina, Kükay Brollón no seu Concello da Pobra do Brollón. Pero non puido empezar de xeito normal con traballo efectivo coa súa filla porque tras unhas probas médicas atopáronlle un linfoma moi agresivo a Javier. “Non pintaba nada ben e tiven que deixar todo e facer un tratamento médico específico en Barcelona”, comenta.

A súa filla, Xenia, e a súa muller, Belén, quedaron na Pobra co negocio mentres Javier centrouse na curación da enfermidade en Barcelona, acompañado alí da súa filla maior, Laura, profesional da medicina.

Despois de loitar contra o linfoma duramente e ir pasando o peor do tratamento, chegaba a pandemia, momento no que Javier decidiu volver á Pobra para estar máis tranquilo, menos exposto e continuar o tratamento xa dende Monforte.

A súa filla, Xenia, e a súa muller, Belén, quedaron na Pobra co negocio mentres Javier centrouse na curación da enfermidade en Barcelona

RECUPERACIÓN E NOVA ETAPA NA POBRA DO BROLLÓN

A recuperación, sinala, “foi moi lenta, pero pouco a pouco fun tirando para adiante”. Nun primeiro momento tivo que recorrer ao subsidio para maiores de 52 anos pero despois, valorando que tiña o título de licenciado en dereito e un master en prevención de riscos laborais atreveuse, non sen dúbidas, a montar un despacho xurídico na Pobra do Brollón.

Javier Monterde no seu despacho xurídico. Foto: XMF

De onde lle viña a formación xurídica ao noso protagonista?

Estando en Barcelona, uns anos antes de rematar a súa etapa laboral na que traballou en Air Products –derivada da orixinaria Carburos Metálicos–, estando na división médica ofrecéronlle levar a responsabilidade do departamento de riscos laborais e tamén unha parte xurídica na que tiña de man un despacho externo de avogados de Madrid. E foi a raíz deste contacto, alá polo 2012, cando empezou a sentir curiosidade polo mundo xurídico e decidiu estudiar Dereito. Compaxinou os estudos de dereito na UOC (Universitat Oberta de Catalunya) co traballo e, en menos de sete anos, xa tiña o título de Graduado en Avogacía. Anos despois obtivo dous máster, un de prevención de riscos no 2018, e outro de avogacía no ano 2020.

Recoñece Javier que lle gustaba moito e que gozou con moitas materias da carreira. Foi unha etapa moi dura pero moi satisfactoria na que pasou noites en vela e moitas noites de hotel en viaxes de traballo estudando… “A experiencia cambioume a vida e fixo que madurara… madurou un tipo que non existía dentro de min, primeiro con esta experiencia e despois coa do cancro”, di.

Máster en Prevención de Riscos Laborais
Título de Graduado en Avogacía e Máster de Avogacía

Compaxinou os estudos de dereito na UOC (Universitat Oberta de Catalunya) co traballo e, en menos de sete anos, xa tiña o título

Un exercicio de supervivencia e de superación moi grande no que os esforzos non foron en balde pois tiveron recompensas, unha delas a satisfacción interna que confesa: “Daste conta desa satisfacción persoal cando pensas que os teus pais estarían moi orgullosos”.

No que respecta ás materias que máis lle gustaron na carreira, sabemos que foron civil, procesal e laboral, materias moi necesarias para o seu día a día actual e moi relacionadas coa súa etapa laboral en Barcelona na que empezou a tomar contacto co mundo do dereito.

DESPACHO XURÍDICO NA POBRA DO BROLLÓN

A inauguración do despacho, moi preto da Casa do Concello na Pobra do Brollón, foi no ano 2023, ano no que tivo todo en regra para poder empezar (homologación para exercer, alta colexio de avogados, etc).

Empezaba así a nova etapa do noso protagonista, unha etapa na que se estreaba como avogado en exercicio, co seu primeiro despacho profesional e, recoñece, “con medo e moitas dúbidas”. Falou con moita xente para tomar a decisión, algúns avogados, e houbo quen lle desaconsellou dar o paso pero el tirou para adiante demostrando ser un home de retos e con instinto de superación contrastado, “canto máis difícil máis me gusta”, di.

Ao principio pensou en abrir despacho en Monforte, mais desbotou esta opción porque hai xa moitos avogados e con moito percorrido e a el non se lle coñecía de nada. E foi así como reflexionou para rematar escollendo A Pobra do Brollón: “E que carteira pode haber na Pobra do Brollón? Herdanzas, terras, contratos, discapacidades, pensións… en cada familia galega hai problemas deste tipo e ademais se dou servizo a xente maior que non pode ir a Facenda, á Seguridade Social, ao Rexistro da Propiedade, ao Catastro…”.

houbo quen lle desaconsellou dar o paso pero el tirou para adiante demostrando ser un home de retos e con instinto de superación contrastado

Conta Javier Monterde que se considera “un avogado de pueblo”, denominación coa que o bautizou un día un amigo avogado ao dicirlle que era tal pois tiña que entender de todo, cousas moi variadas, e solucionar problemáticas moi diversas. “Eu sempre teño a porta aberta, e cando digo sempre é todo o ano, faga frío ou faga calor, e quero demostrar con iso que tamén está aberta para quen sexa”, sentencia o noso entrevistado para evidenciar que no seu despacho non hai nada escondido, que hai un tipo detrás dunha mesa que ten un coñecemento e que pode poñelo ao servizo desa persoa á que lle pode botar unha man.

Este 2026 será xa o seu cuarto ano de exercicio na Pobra do Brollón e pouco a pouco foille medrando o traballo grazas a ser recoñecido pola veciñanza como un veciño máis e non como alguén que viña unha vez ao ano, e grazas tamén ao gañarse a confianza deles con transparencia e honradez. “A min moveume sempre axudar aos demais, e que a xente confíe en min é crucial para iso”, di Monterde.

No seu día a día recoñece afrontarse a problemas clásicos do rural, sendo os temas que máis pasan polas súas mans os relacionados con herdanzas, catastro, dereito de familia, e todo tipo de negocios xurídicos… Hai temas que chegan a sede xudicial pero Javier considérase “conciliador e negociador”. “Sempre ofrezo a negociación. E as solucións extraxudiciais funciónanme ben cando a xente quere colaborar”, recoñece.

“A min moveume sempre axudar aos demais, e que a xente confíe en min é crucial para iso”

No que se refire a anécdotas ou casos curiosos que pasaron neste tempo polo seu despacho, Monterde di que ten moitos mais non son para desvelar. O que si quere comentar é algo que lle sorprende para mal, e cada día máis, “a capacidade do ser humano para facer cousas que non están ben”.

Javier Monterde traballando no despacho. Foto: XMF

O despacho de Javier Monterde está na Pobra do Brollón e o seu número de teléfono é 609 83 10 81

ÚLTIMAS

Unha consultora especializada redactará as bases para a renovación do contrato da auga en Monforte

A Xunta de Goberno Local de Monforte deu luz verde á contratación dos traballos...

“Stop agresións”, o 5 de febreiro ás 12:00 concentración do Hospital de Monforte

Segundo o sindicato, a Dirección do Hospital Comarcal de Monforte ten que tomar as...

Entrega de premios do certame de Poesía Infantil Nadal 2025 en Monforte

Este concurso, convocado pola Biblioteca Pública Municipal en colaboración coa Biblioteca Nodal de Lugo,...

A Rede Municipalista Solidaria reúnese na Pobra do Brollón

O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou esta semana na xuntanza da...