Este sábado deu comezo unha nova edición do ‘Estase Cocendo’, unha cita gastronómica-turística que se desenvolverá todas as fins de semana de marzo ata o día 22. Consolidada xa na Ribeira Sacra, está organizada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo (Apehl), e nela participan diferentes concellos do territorio; concretamente este ano estarán no programa Monforte, A Pobra do Brollón, Quiroga, Sober, Bóveda, Chantada, Ribas de Sil e O Saviñao
A presentación foi o venres 6 de marzo pola tarde e tivo como escenario o Centro do Viño da Ribeira Sacra. O acto encheu o salón de actos e reuniu, ademais do público asistente, autoridades locais da contorna, colaboradores do evento, representantes de distintos sectores e profesionais que loitaron contra os incendios do pasado verán. Este último colectivo é precisamente o homenaxeado na edición deste ano, motivo polo cal se fixo un recoñecemento público moi especial para transmitirlles o agradecemento polo seu esforzo, entrega e compromiso na dura loita do pasado verán contra os lumes.

O acto contou, como é costume xa, coa xornalista Manola Porto como presentadora e moderadora, mentres que Cheché Real, presidente da Asociación de Empresarios de Hostalaría e Turismo de Lugo (Apehl), foi quen presentou o programa de actividades así como as ofertas gastronómicas que se poden atopar nos establecementos de hostalería participantes. Na parte institucional estiveron presentes e interviron Paloma Vázquez, xefa da Área Provincial de Turismo da Xunta de Galicia en Lugo; e Gloria Prada, primeira tenente de alcalde do Concello de Monforte de Lemos. Como convidados/as, e formando parte do colectivo homenaxeado este ano, estiveron Manuel González Fernández, responsable do distrito forestal de Terra de Lemos; Javier Morillo Castro, xefe de cuadrilla da brigada helitransportada Marroxo; e Silvia Buján Moure, veciña de Budián que sufriu de forma directa o terrible incendio forestal de Pantón. Esta última, na súa intervención, agradeceu o traballo de todas e todos os que combateron os incendios mais tamén trasladou un claro reproche e crítica pola falta de medios e pola súa descoordinación; “non estiveron á altura, os veciños fixeron fronte ao lume cos seus propios medios e houbo xente que sufriu queimaduras”, dixo, e rematou o seu discurso cunha petición, “que non se repita o que vivimos e que aprendamos do que pasou”.


Rematando o acto, Cheché Real e Manola Porto fixeron mención de recoñecemento ao traballo de Beatriz Vila, responsable da Delegación Sur da Apehl, quen sempre está aí para darlle forma ao “Estase Cocendo” para que siga a medrar en planificación de actividades e en establecementos adheridos á oferta gastronómica.
E como broche final, o cantante ‘Isi Castañer’ interpretou un emocionante tema musical dedicado aos profesionais homenaxeados este ano, aos que trasladou coa mensaxe un agradecemento polo seu papel de ‘Heroes’.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES
Este sábado estase desenvovendo a primeira das actividades programadas, unha visita guiada por Monforte que rematará cunha degustación de viño da D.O. Ribeira Sacra.
E de cara á seguinte fin de semana, o 15 de marzo terá lugar unha ‘Quedada de Motos’. Nesta edición o concello que se visitará é o da Pobra do Brollón e a saída está programa para as 10:30 h. dende a Praza dos Escolapios. O roteiro contará cun guía e rematará coa degustación dun cocido no establecemento La Vieja Taberna ao prezo de 23 € por persoa. Para reservas, contactar nos teléfonos 982 412050 ou 648 978 964.
A derradeira actividade será ‘O Cocido das Meigas’. Trátase dunha proposta que se está a consolidar no programa de lecer de inverno na Ribeira Sacra na que a xente se caracteriza de meiga ou meigo e pasa unha xornada completa con diferentes actividades. A primeira delas é facer unha visita que remata cun xantar de grupo na Cafetería Cardenal –prezo 25€ por persoa–; obradoiros infantís de 12:00 a 13:00 h. en dous locais de lecer infantil de Monforte; reparto de fachos ás 19:30 h. nas ‘Casitas da Compañía’ para facer un desfile acompañados de batukada ás 20:30 h. anticipando o concurso de meigas. E como remate, o ‘V Aquelarre das Meigas e Festa da Noite Meiga’ con música en directo no espazo expositivo anexo á Praza de Abastos de Monforte. Para participar na visita e no xantar cómpre reservar no teléfono 982 41 050.
OFERTA GASTRONÓMICA
A xente participante poderá degustar menús de cocido en 63 establecementos hostaleiros das diferentes localidades da Ribeira Sacra devanditas, locais que poderá atopar no programa que comparte a Apehl na súa páxina web.
Do 7 ao 22 deste mes os locais adheridos ofrecerán racións de cocido, menús do día ou pratos do día nas fins de semana (neste caso por encargo). Tamén haberá prezos especiais en numerosos hoteis, pensións, casas de turismo rural, adegas e empresas turísticas.

