Raquel Aira leva 7 anos no IES Francisco Daviña Rey como docente, é profesora de lingua galega e directora dende hai 3 cursos. A partir do segundo ano formou xa parte do equipo directivo, na xefatura de estudos.
O primeiro que lle preguntamos é como lle cambiou a vida asumir a responsabilidade da dirección e dinos que moito. “Eu viña do IES Cosme López da Rúa, onde fun Vicedirectora un ano. Eu sabía o que se cocía… pero unha cousa é ser vicedirectora ou xefe de estudios como era aquí… pero non é o mesmo que a dirección, eu non era verdadeiramente consciente do que supoñía a dirección, parecíame máis doado do que é”, refire Raquel. Abondando no tema, explica tamén que “o docente ten moitísimo traballo, pero as persoas do equipo directivo ademais da docencia, temos a carga da dirección e a burocracia que hai que sobrelevar é grandísima. O peso da documentación, aparte da responsabilidade, das incidencias de mantemento, ter que tratar cos pais, cos alumnos, cos compañeiros… A min, quizais o que máis me está custando é a burocracia porque o trato directo lévoo moi ben, gústame moito ter proximidade coas familias e co alumnado. Procuro sempre, na medida do posible, recibilos, falar, intentar solucionar os problemas mediante o diálogo… teño moita paciencia e creo que teño moita empatía porque fun alumna, fun profesora, agora tócame ser directora, e son nai”.
Preguntámoslle tamén que nos diga que valores lle axudan no trato coas familias. Directamente contesta que, ademais da paciencia, a empatía para a continuación explicarnos como aplica esta capacidade:“A empatía, poñerte no lugar deles, é moi importante para solucionar conflitos. Os alumnos que van ben e as súas familias non dan problemas, pero os que non están tan ben si… o problema está no alumnado que está desmotivado, que é disruptivo, que está nunha situación social de precariedade. Nestes casos teste que poñer no seu lugar para poder entender porque se comportan así, porque os resultados son os que son por que ao mellor a familia vén aquí ás veces cunha idea equivocada. Tes que poñerte no seu lado, intentar facerlles ver que estás aquí para axudalos e non para poñerlles atrancos no camiño; evidentemente axudalos non significa consentirlles todo, eu quero que os nenos saian para adiante, que teñan unha situación familiar boa… Ás veces hai nenos que non a teñen, e nese caso hai que traballar coas familias. En ocasións, é moi duro, pero hai que apartar ao neno da súa familia e hai que facelo, pero sempre poñéndote na pel do pequeno e de que é o mellor para el”.
“Tes que poñerte no seu lado, intentar facerlles ver que estás aquí para axudalos e non para poñerlles atrancos no camiño”
O INDIVIDUALISMO DAS NOVAS XERACIÓNS
Seguindo coa nosa conversa, e buscando aqueles temas complicados de xestionar actualmente dentro da comunidade educativa, Aira refírese ao individualismo dos rapaces e das rapazas, unha actitude que cre vai en aumento.
Raquel comenta que “a relación dos nenos entre eles é complicada. Vexo que non son empáticos, hai moito egoísmo e só pensan neles. O feito de intentar relacionarse cos demais e intentar ver que lle pasa ao compañeiro ou o problema que poda ter non entra dentro das súas miras. Teñen un universo moi pechado arredor deles e non ven máis alá e iso é o que dá lugar aos conflitos que pode haber. Para min o máis difícil é facer que convivan pacificamente, e evitar que ás veces haxa insultos, burlas, desprezos… O individualismo vai a máis e hai pouca tolerancia á frustración, e en parte é normal. Antes os nenos convivían na rúa, saían a xogar, atopábanse con situacións que tiñan que solucionar… agora non, xogan dende as súas casas cos móbiles. Co cal non se lles dá ningunha situación na que ter que botar man de ningún mecanismo de conciliación. Non son quen de poñerse no lugar do outro”.
Entendendo que a falta de socialización fóra das casas e fóra das aulas non está axudando, ti, como nai e directora, como repartirías a responsabilidade? –preguntámoslle– “Isto empeza nas casas, as familias están moito tempo fóra da casa. Son os primeiros que teñen que espertar os valores, pero se o neno non pasa moito tempo cos pais como eles lle van transmitir eses valores. Pero non é culpa dos pais, se non do mundo no que vivimos. Cando lles escoito aos pais dos fillos dos meus amigos ‘iso xa o aprenderán na escola’ dígolles que deixar todo o peso á escola é imposible porque non damos”.
“teñen un universo moi pechado arredor deles e non ven máis alá e iso é o que dá lugar aos conflitos que pode haber”
RESOLUCIÓN DE CONFLITOS DENDE A DIRECCIÓN
“Teñan razón ou non, eu vou escoitalos”, di Raquel Aira en relación á súa predisposición a atender a todo o mundo para coñecer o conflito e intentar darlle solución. “Seilles dicir non e seilles dicir pode ser. Aos nenos trátoos como se fosen os meus fillos e creo que os nenos iso percíbeno. Non temos moita conflitividade no centro. Hai os pequenos roces diarios, uns anos máis e outros anos menos, e temos cada vez máis convivencia de culturas o que implica maior conflitividade… pero ímolo levando. Séntome con eles e cos seus pais e ao final sempre chegamos a un acordo, e intentamos solucionar”, explica a directora, engadindo tamén que “haberá pais aos que non lle gusten as decisións que tomo. Pero se as tomo é pensando nos seus fillos, e nos fillos dos demais… ademais, somos unha comunidade e temos que velar polo ben dos pequenos, dos profesores, dos docentes, dos non docentes e de calquera que entre pola porta”.
Tamén nos interesamos por saber como se leva dende o centro as faltas de respecto, actitudes reprobables que semella van a máis na sociedade actual. En palabras de Aira: “antes tíñamoslle moito medo aos profesores, pero non era respecto, era medo. E eu o que quero é que teñan respecto, non medo. As familias aceptan a túa autoridade, en xeral si, pero os nenos non tanto. Está algo en cuestionamento a autoridade dos pais, e esa autoridade paterna e materna non se pode saltar. E a responsabilidade non só é dos pais, é da sociedade mesma, pois os nenos ven que non hai respecto por ninguén. Nos programas de televisión que están de moda ven unha sociedade sen valores e estanos perdendo. Nós criámonos nun ambiente no que o respecto era fundamental, non se cuestionaba. E hoxe os nenos cuestionan a autoridade do profesorado e a autoridade materna e paterna. Nós antes, por moi cafres que foramos, o pai ou a nai mandábate poñer firme e poñíaste. Hoxe non buscas a confrontación con eles. É máis doado non buscar a confrontación porque para algunha familia supón un desgaste moi grande. Pero non hai que ceder, ou ceder o xusto, pero tampouco podes ter guerra todos os días, co cal hai que negociar pero respectando uns límites”.
“Nós antes, por moi cafres que foramos, o pai ou a nai mandábate poñer firme e poñíaste. Hoxe non buscas a confrontación con eles”

CARGA BUROCRÁTICA
Recuperamos o tema da carga burocrática que, segundo nos explicaba a nosa interlocutora, era o que peor levaba. Os avances tecnolóxicos terían que poñernos nun escenario no que os trámites administrativos se reduciran, ou cando menos, se simplificaran e resolveran con maior rapidez. Pois ben, non é todo tan idílico como puidera semellar, segundo explica Raquel, “dende a Administración din estar reducindo a carga burocrática pero o que están reducindo é o papel. Se a min me substitúen o papel por unha aplicación ao final tes que seguir facendo o mesmo. Simplificación si, grazas ás tecnoloxías rematas antes, pero o tempo que gañas por aí pérdelo porque se crean novas aplicacións para novas situacións. Para cada cousa hai unha aplicación nova e ao final son tantas aplicacións que cando tes que usalas non sabes como van. Eu teño chuletas. E hai algunhas que usas unha vez ao ano, que cando tes que usala xa non sabes como vai…”.
E non só iso, a carga administrativa tamén aumenta por outro motivo. A maior número de actividades e proxectos, máis papelame para a dirección. “Se ti queres darlle vida ao centro, cantas máis cousas solicitas maior carga burocrática tes. Canto máis pides, máis traballo tes. E estes últimos anos estamos pedindo moitas cousas, estamos moi activos. Neste tema, eu persoalmente estou contenta coa implicación do equipo directivo e co profesorado”, sinala Raquel Aira. Aproveita tamén a directora, chegados a este punto, para gabarse do equipo: “din que o Daviña é unha piña, e é verdade, ante todo somos unha gran familia”. Os compañeiros e as compañeiras son a xente coa que convivo máis da metade do día, como para levarse mal (ri)”. E remata “no Daviña vívese moi ben, e non porque non se traballe se non porque o ambiente é moi bo”.
“Simplificación si, grazas ás tecnoloxías rematas antes, pero o tempo que gañas por aí pérdelo porque se crean novas aplicacións para novas situacións”
IES DAVIÑA REY, UN CENTRO ESTIGMATIZADO E INFRAVALORADO?
Raquel lembra que o Daviña foi un referente de FP de toda a vida e lembra tamén que a idea que predominaba anos atrás era a de “o que vale, vale e o que non para o Daviña”. Está claro que aquela visión estase superando aínda que a directora percibe que queda algo de estigmatización, “aínda escoito comentarios de que para aquí veñen os cafres…”. Entre a visión negativa que había de antes e un pouco o que ten a xente agora pola FP Básica a nosa entrevistada segue crendo que “o Daviña está un pouco estigmatizado e infravalorado, pero eu estou intentando loitar contra esa visión”.
En contra desa percepción, Raquel Aira argumenta que “as familias aínda están con iso de que os seus fillos teñen que sacar BAC e ter carreiras. E iso que a FP é o futuro para miles e miles de rapaces. Hai moitos nenos e nenas aos que non lles gusta memorizar, aos que non lle gusta estudar. E unha FP é algo máis que estudar, ten a parte práctica que te pode enganchar. E hai moitos casos de rapaces que tiveron un fracaso absoluto na Secundaria, cos que se intentou todo, e viñeron facer unha FP Básica, saíron airosos dela e están facendo un Ciclo Medio e pensando en facer un Superior. E iso para min é un motivo de orgullo. A FP hoxe en día é unha saída case mellor que sacar unha carreira. Case todas as ramas teñen unha saída laboral inmediata porque faltan profesionais. Houbo un boom tan grande hai anos coas carreiras que os oficios foron quedando un pouco coxos, e a FP ten unha saída grandísima”.
“A FP hoxe en día é unha saída case mellor que sacar unha carreira”
O POSITIVO E O NEGATIVO DA IA
Para rematar, e como tema de moda que está hoxe en boca de todas e de todos, queremos coñecer a opinión da directora do IES Daviña Rey sobre a irrupción da IA e o seu uso na docencia. En palabras dela, “no negativo creo que estamos todos de acordo, que a IA non pode substituír o traballo persoal de cada un. E o alumnado esta utilizándoa para iso, vai polo camiño doado, canto menos faga mellor, que está máis feliz, e a IA permítello, é como un criado que che fai as cousas. É un caramelo perigoso, moi perigoso. Ti tes que ver a IA como unha ferramenta de traballo complementaria, non como substitutiva. Eu utilízoa. Os nosos nenos e nenas teñen que entender que a IA non pode substituír todo o traballo que ti tes que face porque entón chegará un momento no que non saibas facer absolutamente nada, e iso non é factible”.
Agora ben, Aira tamén defende que non podemos conseguir en dous días que os rapaces o entendan. Segundo ela, cómpre empezar a traballalo moito e dende a docencia facer pedagoxía para que eles mesmos vexan que aplicacións lle poden ser de utilidade e ata onde. Neste senso afirma que, “agora estamos centrados nas novas tecnoloxías e imos ter que centrarnos na IA e facer pedagoxía. Temos cursos de IA para a docencia e eu mesma teño pensado matricularme nalgún, vexo que necesito formación e tamén para despois poder formar aos meus alumnos. E coma min o mesmo para o resto dos profesores. Temos que ter formación sobre IA específica para docentes”.
“Ti tes que ver a IA como unha ferramenta de traballo complementaria, non como substitutiva”

