Víctor López Mouriño é natural de Lalín pero está afincado en Monforte desde hai bastantes anos. Cóntanos que hai 20 chegou ao Hospital Comarcal para facer unha substitución e foi quedando ata coller praza. É médico internista e impulsor do servizo HADO (Hospitalización a Domicilio) neste centro hospitalario.
Contactamos con el desde Xornal de Lemos porque coñecemos da súa boa sona como profesional e tamén pola popularidade que foi collendo o seu espazo radiofónico semanal “Señor Doctor” en Eco FM Ribeira Sacra de Sober.
Como xurdiu “Sr. Doctor” e canto tempo leva facendo este espazo radiofónico?
Coñecín a Pablo Bernedo, director da emisora, por un ingreso hospitalario dunha familiar e convidoume a cubrir o partido Lemos-Lalín. Gustoume o tema e a partir de aí foi cando me propuxo facer unha sección semanal de medicina na radio. Así empecei, e levamos xa dúas tempadas.
Unha sección con moito éxito…
A verdade é que os programas teñen moito seguimento, tanto as audiencias do directo como cando se colgan os podcast.
“A verdade é que os programas teñen moito seguimento”
Como escolledes os temas a tratar?
Escollémolos nós ou tamén os propios doentes. Adoitamos tratar temas de actualidade e temas que nos pide a propia audiencia. E tamén hai preguntas ao remate do programa.
E ata vos atrevedes con público. Cóntenos.
Unha vez ao ano facemos un programa en directo con público na sede da Fundación Abanca en Monforte. Ese ano por exemplo, o tema que escollemos foi o dos cribados médicos do cancro.
Véselle moi cómodo…
Si, estou moi cómodo. Ademais, abordo os temas dende un nivel moi coloquial e temas que domino…
Aínda que o pensemos, un médico non sabe de todo, verdade?
Cando hai algún tema que non controlo, investigo. Co hantavirus, por exemplo, tiven que revisalo e igual me pasa con outros moi específicos. Cando falei del enfoqueino explicando que é diferente ao Covid para non causar tanta preocupación na xente.

Colabora noutros medios como divulgador?
Teño escrito algúns artigos para revistas científicas. E noutros medios de comunicación téñenme entrevistado e tal, pero non colaboro noutros medios.
Nota que é máis popular pola sección?
Aquí en Monforte creo que a xente coñéceme máis polos 20 anos que levo traballando no pobo. En calquera caso, noto que a xente me escoita porque mo di e incluso comentan cousas como “o outro día que rollo” ou “o desta semana estivo moi ben”…
“Eu sempre digo, hai que tratar á xente como se fose o teu pai”
Explicar as cousas claras, nun rexistro non culto, cre que axuda a comunicar temas médicos e fai que cheguen mellor á xente?
Eu sempre fun de falar claro. Os médicos estamos nun nivel bo de conceptos teóricos e prácticos. Hai médicos que caen mal, e hainos que caen ben… Gañas aos doentes cando lles explicas as cousas dende a cercanía e con explicacións sinxelas. Eu sempre digo, hai que tratar á xente como se fose o teu pai.
Fálase pouco nas consultas?
Hai sobrecarga de traballo. Non dá nin tempo a preguntar. Mírase máis ao ordenador que ao paciente. Eu montei o HADO (Hospitalización a Domicilio) en Monforte e con este programa volvíase ao trato directo e próximo co paciente. Es xa máis amigo que médico, empatizas co doente, falas…
Hai que quitarlle ferro á medicina e non terlle tanto medo como pacientes?
A xente colle moito medo cando vai ao hospital. Por iso, creo que hai que tranquilizala. Ver a alguén que fala “de tú a tú” alivia, a xente vén a ti xa con outra predisposición, sen tensión e sen medo.
Hai que vir ao Hospital con naturalidade e facer medicina preventiva. Ver o feito de ir ao Hospital como sinónimo de que estás facendo un seguimento, como quen vai ao taller co coche.
“Ver a alguén que fala ‘de tú a tú’ alivia, a xente vén a ti xa con outra predisposición, sen tensión e sen medo”
Que importante tranquilizar…
Eu doulle tranquilidade aos meus pacientes. Doulle ata o teléfono da secretaria e dígolles que cando fagan algunha proba, se tardamos en contactar que chamen. Tranquilizar vale de moito e a incerteza é moi mala. Temos que conservar a parte humana en tempos de IA.

