HomeMedio ambiente e PatrimonioEcomuseo de Arxeriz, a experiencia comunitaria que protexe o patrimonio histórico ribeirá

Ecomuseo de Arxeriz, a experiencia comunitaria que protexe o patrimonio histórico ribeirá

Este proxecto nace no ano 2004 cunha vontade clara, a de rescatar, estudar e amparar a historia da zona para erixirse como un espazo de "defensa da cultura e da paisaxe".

Publicado o

- Advertisement -

No Cabo do Mundo, un dos lugares máis emblemáticos da Ribeira Sacra, nacía no 2004 un proxecto privado con vontade comunitaria que pretendía poñer en valor o patrimonio moble, artístico e etnográfico da cultura ribeirá da zona. Así pois, O Saviñao convertíase nun dos primeiros concellos galegos en acoller unha experiencia coma esta, que deu en chamarse ‘Ecomuseo de Arxeriz’.

O promotor do proxecto, José Antonio Quiroga, explicou este mércores no marco da xornada ‘O patrimonio moble, entre o privado e o comunitario’ no Consello da Cultura Galega de Compostela, que a idea comezou a agromar a través da asociación de veciños do lugar, dun xeito “voluntarista e amateur”. Aos poucos, un grupo de persoas foron acondicionando como salas de exposición os diferentes espazos do Pazo de Arxeriz. No exterior, a finca de 35 hectáreas, os xardíns, as hortas, e ata un castro e mais o Castelo de Doiras completan esta experiencia que revaloriza o lugar.

Se ben nun primeiro momento as persoas impulsoras andaban coa teima de crear un museo dedicado ao leite, finalmente decidiron tomar o camiño da etnografía. Quiroga relata que estaban motivados polo contexto rural no que se inserían. Sentían a necesidade, xa que logo, de rescatar, estudar e amparar a súa historia para erixirse como un espazo de “defensa da cultura e da paisaxe”.

HISTORIA DA RIBEIRA: O ANTES E O DESPOIS DOS ENCOROS

José Antonio Quiroga conta que o 2014 foi o ano do “gran salto cualitativo” do proxecto. Daquela abriron as portas a unha “sala da cultura fluvial” de 400 metros de superficie. Nela recóllese parte da historia fluvial do Miño medio, un lugar que, segundo explica o presidente do Ecomuseo, “sufriu a imposición dos encoros nos anos 50 e 60 que levaron por diante toda unha cultura ribeirá”.

Agora, Arxeriz reconstrúe a vida no río dende o medievo ata a construción deses encoros. Faino mediante documentación fotográfica, patrimonio moble sobre as diferentes tipoloxías de barcas fluviais e testemuñas de xente que viviu ao carón do río. “Hai moitísimo traballo por detrás que aínda está sen publicar, fáltannos medios”, recoñece Quiroga.

UN CASTRO AO CARÓN DO PAZO

Castro de Arxeriz / Ecomuseo de Arxeriz

O pazo non é o único que se pode visitar no Ecomuseo de Arxeriz. Ao seu carón érguese un castro no que comezaron a escavar no 2013. E aínda agora están detidos nos seus labores de recuperación, xa son quinte as estruturas que se atopan ao descuberto. Nelas poden observarse ata nove graneiros, cousa que parece indicarnos que “existía unha economía especializada no pan, en contra da idea de autosubsistencia establecida respecto dos castros”, relata Quiroga.

Á par, o proxecto ofrece unha sala dedicada ao mundo castrexo co gallo de que o visitante “entre na época e saque proveito á visita do xacemento arqueolóxico”. Máis alá desta exposición, a fundación que está detrás da iniciativa – Fundación Xosé Soto de Fión – ten en mente abrir un albergue ao carón do Camiño de Inverno, que segundo indica José Antonio Quiroga, comeza a consolidarse como guía cara a Compostela.

A NECESIDADE DO COMUNITARIO

O Ecomuseo xoga un papel importante como dinamizador da aldea comunitaria. Esta foi a intención dos seus promotores dende un primeiro momento. “Nós queremos implicarnos o máximo posible coa comunidade na que estamos insertos, mais acontece que é unha comunidade desestruturada, desarticulada, polo que non é nada fácil”. O declive demográfico que sofre o rural do país pasa factura tamén no impulso deste tipo de iniciativas.

Ademais, Quiroga recoñece o perigo de que estes proxectos estean ligados ao activismo cultural dunhas cantas persoas. Considera que, daquela, “se un para e é a locomotora, o proxecto vense abaixo”. Mais, por riba de todo, o presidente do Ecomuseo de Arxeriz dá azos a calquera iniciativa comunitaria que poña en valor a nosa historia: “na comunidade están os elementos consubstanciais da nosa cultura, e ademais, o patrimonio moble representa unha vida, cos seus modos de produción, os seus xeitos de socializar…”.

ÚLTIMAS

Interesante axenda cultural e de lecer en San Clodio

O Concello de Ribas de Sil aproveita os meses de verán para ofrecer diferentes...

Como afecta ao tráfico a Subida de Chantada?

A celebración da proba automobilística supón modificacións no tráfico. Na vila de Chantada o...

O BNG de Monforte alerta de verquidos e morte de peixes no Río Cabe

Este venres varias persoas puxéronse en contacto cos responsables do BNG de Monforte para...

O Concello de Monforte destina 8.000€ para axudas a asociacións monfortinas que promoven servizos sociais

O Equipo de Goberno aprobou, na Xunta de Goberno celebrada o pasado 15 de...