HomeMedio ambiente e PatrimonioSistemas de crenzas que dan seguridade ante as ameazas

Sistemas de crenzas que dan seguridade ante as ameazas

Corpo Santo: o antigo culto que non esmorece. "Quen o coñeceu hai cincuenta ou sesenta anos non pode deixar de emocionarse, de ter infinitas saudades ao constatar que “xa non hai aquelas casas cheas de xente nin aquel balbordo de romeiros chegados de Taboada, Antas, Camba, Carballedo...”.

Publicado o

POR
Xavier Viana
- Advertisement -

O “Corpo Santo” ten un arraigo tan fondo entre os veciños das parroquias chantadesas de Santa Cruz de Viana e Santa Uxía de Asma, que a súa veneración forma parte do ADN espiritual de cada un dos habitantes destes lugares. A súa capacidade milagreira para a curación emocional e física foi transmitida de xeración en xeración dende hai séculos, e sigue a mostrarse, na actualidade, de diferentes formas, tanto propias da relixión católica como alleas á ortodoxia desta.

Isto significa que aínda sobrevive un culto que mantén en harmonía, con suficiente claridade, ritos cristiáns e prácticas ligadas aos mitos da natureza, como a auga, a terra e as plantas.

Así, todos os anos polo domingo de Pascua, o “Santo” sae da súa capela (anexa á igrexa) en Santa Cruz, baixo o repenique das campás –tocadas durante moito tempo por Vicente (Cas Caxoana, Vilardamos, Santa Cruz)–, para percorrer en procesión alegre e festiva o camiño que a separa de Santa Uxía, que agarda nun arco feito con flores do tempo e outros vexetais como a “uz branca, mimosa, mirto, edras de carballos… e flores que a xente poida ter nas casas”, recollidos “no Monte da Felga e outros montes por riba de Santa Eugenia”. O arco floral, en realidade, é unha máis das múltiples aparencias que tivo –e aínda ten en menor medida– esta manifestación propia da eclosión primaveral por toda Europa (Maio, Maibaum, Maypole, Mindsommartang, Májka…), que se celebra nos meses de abril, maio ou xuño en numerosos lugares –aínda que moitas delas teñan significacións diferentes.

Neste caso, son os veciños de Santa Uxía, quen se encargan de facer o arco na Praza do Campo da Vila, compartindo as tarefas de recollida e preparación tanto adultos, homes e mulleres, como crianzas. Os costumes de ir “cortar paus de bido á devesa para facer a estrutura” e de que “os nenos ían recoller musgo para facer unha alfombra por onde pasaba o santiño” desapareceran, pero o aire de sacralidade continúa vivo.

A dicir verdade, existe unha mentalidade profundamente enraizada no territorio que se percibe nesta celebración cando se comunican os presentes cos ausentes por medio da tradición, cando se combina a festa relixiosa coa festa profana, cando se relaciona a experiencia sensible coa divinidade e, sobre todo, cando se transforma o natural en sobrenatural. Cuestións estas últimas moi recorrentes en todo tempo e lugar, como se pode ler por exemplo nunha estrofa das Cantigas de Santa María (Afonso X), escritas no século XIII:

Ben vennas, Maio con toda saude, / por que roguemos a de gran vertude / que a Déus rogue que nos sempr ́ ajude / contra o dém ́e dessí nos escude / Ben vennas, Maio.

auga e terra para as doenzas e incertezas da vida

Sen embargo, esta necesidade que teñen os veciños de Santa Cruz e Santa Uxía de expresar os seus sentimentos relixiosos tendo o Corpo Santo como alicerce esténdese mais alá da Pascua: a terra do seu sepulcro é levada polos fieis en pequenas doses, en calquera momento do ano, cando se enfrontan a doenzas ou calquera outra incerteza da vida; a auga que brota dunha lousa construída ex profeso, a escasos metros da capela, é a “Fonte do Santo”; e a súa figura está presente nos pensamentos cotiás de moitos deles. Neste sentido, Lorena (Casa do Rolle, O Castro, Santa Uxía) contribúe a entender esta relixiosidade cun pensamento que invita á reflexión: “é unha especie de devoción provocada pola tradición que che foron inculcando. Nunca me sinto soa, se teño que pensar nalgún santo penso no Corpo Santo ou na Nosa Señora do Faro… e eles me anclan á terra, aos meus ancestros, sabes a onde tes que volver”.

O segundo domingo de pascua o “Santo” regresa da súa estancia en Santa Uxía. Celébrase un xantar doméstico para conmemoralo, aínda que en tempos se festexaba cun folión de fogos e unha romaría. Quen a coñeceu hai cincuenta ou sesenta anos non pode deixar de emocionarse, de ter infinitas saudades ao constatar que “xa non hai aquelas casas cheas de xente nin aquel balbordo de romeiros chegados de Taboada, Antas, Camba, Carballedo…”.

Ademais, este ano, para maior pena, o Corpo Santo quedou na súa capela por primeira vez desde que existe memoria. Por iso, se consideramos a grande devoción que o seu culto ten nas dúas parroquias, preséntanse varios interrogantes: sonarían igualmente as campás da igrexa de Santa Cruz? sairá a procesión noutra data? terán o “Santo” e a “Santa” o seu encontro anual baixo o arco floral?

En definitiva, a vivencia da realidade, incluídas as ameazas, obríganos a dispoñer sistemas de crenzas e símbolos que nos dean seguridade, protección e esperanza. Rafa Lobelle, escritor de Vilameá (Santa Cruz de Viana), deixa unha descrición sublime nun fragmento do seu romance Evanxeos Apócrifos para que o poidamos comprender perfectamente: “Sempre me gustaron as anduriñas. Traen canda elas a primavera co seu voar ceibe e o seu canto rebuldeiro. Si, traen a primavera e as flores. Moitas flores. Logo deste inverno tan triste haberá moitas flores. Estará todo cheo de flores. Medrarán flores todo ao noso redor. Verán como si. Serán ben fermosas. As flores.”

galiciangarden.com

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...