HomeMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: San Salvador de Sárria

Cousas Xacobeas: San Salvador de Sárria

Nos 920 metros do Camiño de Santiago entre a casa do actual número 39 da Rúa Maior e a Ponte da Áspera concéntrase a meirande parte dos lugares de nacemento e vocación xacobea da que foi Vilanova ou Pobra de Sárria, nos nomeamentos de Sárria, San Salvador, Mosteiro, Fornos de Atrás e Veiga de Abaixo.

Publicado o

POR
Xaime F. López Arias
- Advertisement -

O Camiño histórico coincidía coas actuais Rúa Maior, Rúa da Mercé e Praza de San Roque e desde o Mosteiro da Madalena baixaba ata o segundo cubo da cerca da chousura pola Corga do Convento e xirando á  esquerda alcanzaba a Ponte da Áspera, no río Barbadelo (agora chamado Río Celeiro).

Á súa beira quedaban o Hospital Vello-Tulla dos Guitián, a Casa Grande dos Somoza, o Cárcere da xurisdición, a Igrexa e a Fonte de San Salvador, o Hospital de Santo Antón Abade, a Fortaleza de Sárria, o Mercado, a desaparecida capela de Santa María de Barbadelo, o Mosteiro da Madalena e o Hospital-Capela de San Roque ou Hospital da Madalena. Agora hai seis establecementos abertos para a  acollida dos modernos peregrinos.

Este trazado histórico, dende primeiros do século XX non pode ser seguido no seu treito descendente ata a Ponte da Áspera porque ao abriren as pedreiras da Costa da Áspera, con total pasividade das autoridades municipais, a estrada tradicional desapareceu.

Mosteiro Madalena / alberguescaminosantiago.com

Por esa razón o “camiño canónico actual”, dende o Mosteiro da Madalena-Cemiterio  levouse pola “Corga do Asno”  e o Camiño da Veiga de Abaixo (agora Rúa Santiago do Mercado),  de maneira que o recorrido  dende o comezo da parroquia ata a Ponte é de  950 metros. No treito descendente froito desa anovación non hai elementos salientables, a non ser que deixa a man dereita o Cemiterio Municipal, alzado en 1870, que se fixo no antigo Barredo do Pombal, propio que fora do mosteiro, e que foi obxecto de sucesivas ampliacións.

A Corga do Asno, con pequena variación, serviu de acceso á Ermida de Santiago do Mercado (propiedade dos Arcediagos de Sárria e  única referenza toponímica que queda da primitiva Vilanova de Sárria) e ao lugar da Veiga do Pozo ou de Arriba (por onde pasaba o “Camiño de Fora”). Vencellados a este vieiro aparecen a Fonte do Asno, hoxe atoada, e a Fonte de María García que estaba nos lamelos.

Outra opción do camiño xacobeo era a de baixar polo “Atallo da Costa da Áspera” que en liña recta, e en forte descenso, remata na boca da Ponte. Neste caso  o peregrino facía un total de 730 metros pola parroquia salvadoreña. Este carreiro foi aproveitado en 1918/1920 para a instalación da primeira traída de augas á vila de Sárria, e hoxe está impraticable  como consecuencia do forte rebaixo feito nos terreos de fronte á ponte. As previsións que para a súa recuperaciòn conteñen as vixentes NSP  hoxe por hoxe serían inviables, máis sustancialmente podería ser recuperada a súa función aproveitando terreos de propiedade municipal existentes na traseira do cemiterio e que na parte baixa dan á Rúa Santiago do Mercado.

Ponte da Áspera / editorialbuencamino.com

Aqueles peregrinos que optaban por non entraren na Vilanova-Pobra de Sárria, seguían o “Camiño de Fora”, cunha lonxitude de 430 metros. Entraban en San Salvador pasadas As Airas da Pedreira, e deixando á esquerda as casas dos Fornos de Atrás, onde por seguridade estaban arredados da vila os obradoiros dos panadeiross, alcanzaban o Marco dos Escairedos, no que confluían as estremas de San Salvador, Farbán e San Pedro de Maside. Este treito é o da actual Rúa dos Fornos de Atrás, con remate na Estrada do Mazadoiro a Lamarregueira. Na actualidade catro establecementos hostaleiros (tres en San Salvador e un en Farbán) manteñen a vocación xacobea dese trazado. Este “Camiño de Fora”, pola Veiga do Pozo e os Peares de San Miguel ou da Rañoá, acababa xuntándose coa ruta principal no nomeamento de San Miguel, baixo do Castro das Paredes.

A cada un dos fitos xacobeos dentro da parroquia de San Salvador de Sárria adicaremos atención especial.

ÚLTIMAS

O Programa de Teatro de Monforte ábrese este 30 de xaneiro

A programación iniciarase o xoves, 30 de xaneiro, coa obra As gardiás, espectáculo para...

Dous detidos en Chantada por agresión sexual a unha muller con discapacidade

Segundo trasladaron fontes próximas á investigación, os arrestos producíronse na xornada do luns no...

Exposición escolar de banda deseñada na Biblioteca do Saviñao

O obradoiro de Estefanía Padullés, Atrévete a facer o teu propio libro, do Programa...

As ‘Mariñeiras’ daranse a coñecer nunha das feiras de snacks máis importantes do mundo

A empresa chantadina Lugar Da Veiga S.L.L., coñecida en gran parte pola elaboración das...