InicioMedio ambiente e Patrimonio420.000 euros para a conservación do colexio dos Escolapios

420.000 euros para a conservación do colexio dos Escolapios

A Xunta de Galicia vén de licitar cun investimento próximo aos 420.000 euros as obras de conservación na igrexa, claustro e áreas de visita pública no Colexio do Cardeal para solucionar as afeccións que sufre o inmoble, entre elas solucionar as gretas provocadas na igrexa polo célebre terremoto de Lisboa de 1755.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

As actuacións estenderanse por un prazo máximo de seis meses e resolverán os principais problemas de conservación deste monumento que está en proceso de ser declarado ben de interese cultural.

Para poder desenvolver os traballos necesarios a Consellería de Cultura e Turismo e a fundación Colexio de Nosa Señora da Antiga asinaron o pasado mes de xuño un convenio para a posta a disposición da Administración autonómica deste espazo monumental. Esta actuación resolverá os principais problemas de seguridade de uso e funcionamento do edificio, acometendo obras de conservación que eviten un maior deterioro do ben.

Esta obra forma parte dunha liña de traballo da Xunta de Galicia con vistas a reforzar a Candidatura da Paisaxe cultural da Ribeira Sacra a Patrimonio Universal, a un ano vista da súa presentación, estudo e debate no seo da 45ª sesión do Comité do Patrimonio Mundial da UNESCO.

Traballos de restauración

Entre as actuacións previstas atópase o selado da greta do muro do presbiterio e a substitución da cuberta de tella da zona do presbiterio.  Ademais, corrixiranse as afeccións detectadas, acometendo a consolidación da bóveda do presbiterio, cunha actuación consistente na recolocación de varias doelas descolgadas próximas ao retablo maior, a reparación de gretas e a posta en carga da bóveda.

Igrexa Escolapios / CEDIDA POR TURISMO DE GALICIA

Finalmente, restaurarase e porase en valor o pasadizo existente tras o presbiterio cunha actuación específica en todos os seus elementos construtivos, apertura de ocos e execución dunha escaleira exterior de evacuación de incendios.

Singularidade da Nosa Señora da Antiga

A construción do Colexio da Nosa Señora da Antiga comezouse a finais do século XVI por iniciativa do cardeal don Rodrigo de Castro. O Colexio, tamén coñecido, entre outras denominacións, como Colexio do Cardeal ou Escolapios é un dos expoñentes máis significativos da arquitectura do clasicismo herreriano en Galicia.

Entre os espazos sobranceiros, ademais da excepcional fachada que preside o Campo da Compañía, debe citarse a igrexa e os seus retablos, así como a cúpula que cubre o cruceiro, a escaleira monumental e os seus claustros. Na mesma liña, cómpre destacar tamén a importancia e valor cultural do seu museo no que se poden atopar obras de artistas como El Greco, Andrea del Sarto ou Francisco Pacheco, ou documentos e patrimonio bibliográfico dos séculos XV e XVI relacionados cos mecenas do colexio, a Casa de Lemos e, posteriormente, a de Alba.   

As obras do colexio comezaron en 1593 co proxecto que redactaron Andrés Ruiz, un xesuíta da escola de Valladolid, e Vermondo Resta, o arquitecto do cardeal en Sevilla. O inmoble estivo ao longo da súa historia relacionado coa función educativa, se ben pasou por épocas de maior ou menor esplendor. Incluso por etapas de decadencia relacionadas cos danos consecuencia do terremoto de Lisboa (1755), coa expulsión dos Xesuítas (1767), os saqueos das tropas francesas (1809) ou un incendio en 1824.

Xa en mans dos pais Escolapios, que se fan cargo do colexio no ano 1873, o edificio puido rematarse no primeiro cuarto do século XX grazas ao recoñecemento do valor e posterior venta dun dos cadros que constitúen a senlleira colección pictórica e de obras de arte do Colexio. O cadro, obra do pintor flamenco Hugo van der Goes, vendeuse ao goberno alemán por unha importante suma económica que permitiu rematar as obras entre 1919 e 1930 co apoio e supervisión da Casa de Alba.

ÚLTIMAS

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...