Convértese así no primeiro concello da provincia de Lugo en impulsar este tipo de iniciativas para transformar residuos orgánicos e de xardinería en fertilizante.
Co lema “Menos residuos! Máis vida!” foi presentado aos veciños de Pobra do Brolllón o sistema de compostaxe comunitaria, proxecto que o equipo de goberno local puxo en marcha na capitalidade municipal.
Coa intención de reducir resíduos búscase converter os restos de comida e vexetais do núcleo urbano en fertilizante natural. Para compostar é preciso mesturar o lixo orgánico con restos de xardinería e a transformación faise nun composteiro sen necesidade de ningún mecanismo nin gastos de mantemento.
Para empezar esta iniciativa piloto, o concello instalou na localidade seis depósitos de lixo orgánico comunitarios seguindo o exemplo de concellos como Allariz e Pontevedra onde o sistema funciona satisfactoriamente.
Na presentación, os veciños recibiron un manual sobre compostaxe e os caldeiros para levar os residuos orgánicos que xeren aos depósitos correspondentes. Tamén viron in situ o funcionamento dun composteiro no que, despois de depositar o lixo orgánico, compre cubrir os desperdicios cun estruturante para evitar cheiros.
O goberno local da Pobra do Brollón aposta deste xeito polo respecto á natureza coa clara intención de reducir a materia orgánica que no ámbito urbano sempre resulta máis difícil de xestionar. Un beneficio medioambiental ao que se suma o económico pois entregando menos cantidade de resíduos a Sogama o importe da factura a pagar a esta empresa poderá minguar co considerable aforro para as arcas locais. Ao mesmo tempo os veciños poderán dispor de abono natural de balde cando o necesiten grazas a un sistema de almacenamento en sacos que facilitará a súa recollida aos interesados. Se a experiencia funciona non se desbota estender o proxecto ás parroquias.
Sendo unha iniciativa piloto espérase a participación activa de nenos e maiores para que a experiencia colectiva contribúa á sensibilización sobre o medio natural e repercuta no benestar de todos os veciños.