O templo, declarado Ben de Interese Cultural (BIC), constitúe un dos mosteiros máis relevantes da Ribeira Sacra na época medieval e está considerado como unha das xoias do románico en Galicia.
As actuacións impulsadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade permitirán reducir a presencia de humidades e a entrada de auga a través da cuberta, así como mellorar a carpintería das ventás, o estado das fachadas, a sancristía ou o acceso a través do adro. Así pois, entre os traballos que se levarán a cabo destaca a substitución da actual cuberta, a eliminación de humidades nas bases dos muros ou a execución de novas carpinterías nas fiestras que garantan a ventilación.
Do mesmo xeito, renovaranse os rexuntados das fachadas exteriores, reordenarase o espazo da sancristía substituíndo a porta de entrada e peche e renovarase a pavimentación do espazo do adro para facilitar o acceso. O prazo de execución dos traballos será de seis meses desde o inicio das actuacións.
Outras accións na Ribeira Sacra
A intervención neste inmoble forma parte do compromiso do Goberno galego coa paisaxe cultural da Ribeira Sacra, que encara a recta final para a súa posible declaración como Patrimonio Mundial pola Unesco. Neste sentido, desde o inicio da candidatura, no ano 2017, a Administración autonómica destinou 4,5 millóns de euros para poñer en valor preto dunha vintena de bens patrimoniais. En concreto, executáronse melloras en bens como a igrexa de Santo Estevo de Atán ou o Mosteiro de Santa María de Ferreira, ambos no concello de Pantón; e están en marcha actuacións inmobles como a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, o Mosteiro de Santa María de Xunqueira de Espadanedo ou a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Sil, entre outros.