HomeMedio ambiente e PatrimonioO estudo en Vilachá de Salvadur sitúa a orixe das terrazas da...

O estudo en Vilachá de Salvadur sitúa a orixe das terrazas da Ribeira Sacra no século X

A directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, Mª del Carmen Martínez Insua, e o director de Incipit-CSIC, Felipe Criado, presentan os resultados das primeiras datacións nas terrazas da Ribeira Sacra que sitúan a súa orixe no século X e permiten reforzar a súa orixe e evolución histórica como paisaxe vitivinícola.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

No acto de presentación na mediodía deste mércores, 31 de marzo, na Casa da Cultura da Pobra do Brollón tamén participaron o alcalde Xosé Lois Maceda; o presidente da A.VV. de Vilachá de Salvadur, José Castiñeira; a edafóloga Cruz Ferro (ICArEHB da Universidade de Algarve); e o arqueólogo Xurxo Ayán (Instituto de História Contemporânea da Universidade Nova de Lisboa).

Os traballos, encargados pola Goberno galego, foron realizados polo Instituto de Ciencias del Patrimonio del Consejo Superior de Investigaciones Científicas (Incipit-CSIC) na ribeira de Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón. Enmárcanse no proxecto Adegas da Memoria, promovido polo Concello da Pobra do Brollón e a Asociación de Veciños de Vilachá de Salvadur, coa participación do Incipit-CSIC e a Consellería de Cultura.

Segundo estas actuacións, as datacións máis antigas da mostraxe identificáronse no século X, en época altomedieval, o que constata que o proceso de construción de terrazas remóntase a épocas pre-Císter. Realizáronse un total de 110 mostras recollidas e repartidas en cinco sondaxes en cuxa distribución influíron criterios como que houbera catas preto e lonxe do río, distintos graos de pendente ou distancia do xacemento de Os Conventos. Tratábase de facer o mostrario o máis diverso posible para poder comprobar como foi crecendo en extensión a explotación agraria.

Escavación Os Coventos / Concello da Pobra do Brollón

Ademais das datacións, este proxecto levou a cabo dúas campañas de escavación no xacemento dos Conventos, un estudo etnográfico entre os veciños e o estudo da documentación medieval referente a esta parroquia ribeirá. Os dous achados máis reveladores desta escavación coinciden tamén no século X: un enterramento no que se localizaron restos humanos e unha lauda funeraria con inscrición. Ademais de coincidir no tempo coas datacións dos bancais, revelan un uso sacro dese espazo. 

Evolución histórica

Tal e como se pode concluír das datacións, da escavación dos Conventos e da documentación, este proceso de expansión continúa ao longo dos séculos. Analizando os datos das mostras, revélase tamén que no século XIII hai unha intensificación na construción de bancais para cultivo na ribeira de Vilachá. No século XVI, volve haber outro pico de intensidade na construción de socalcos, algo que demostran estes estudos, que permiten realizar unha evolución histórica destes elementos.

Na actualidade o lugar dos Conventos xunto ás adegas tradicionais de Vilachá configuran un recurso turístico no que se pode coñecer a historia e catar o viño deste territorio dun xeito respectuoso e harmónico. Dentro do proxecto de Adegas da Memoria tamén é posible visitar Vilachá de xeito virtual a través dunha webserie homónima. Acaba de ser estreada a terceira temporada que trata precisamente a investigación do Incipit-CSIC arredor das terrazas vitivinícolas.

ÚLTIMAS

Moito que ver e facer na ‘Primavera de Portas Abertas’ da Ruta do Viño da Ribeira Sacra

Como é habitual haberá Bus do Viño, con 4 saídas o sábado pola mañá desde a...

En maio comeza a renovación da N-540 entre Chantada e Lugo, segundo anunciou a subdelegada do Goberno

A obra abrangue a rehabilitación integral do firme entre os quilómetros 0,000 e 68,900...

Bóveda instala 54 trampas contra a vespa velutina

Neste mes de abril instaláronse 54 trampas ao longo de todo o municipio. Este...

Mesa redonda sobre biogás este 26 de abril en Currelos

A Asociación veciñal de Vilaesteba asegura que no Saviñao queren instalar unha central de...