InicioMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: A Madalena de Sarria, as igrexa e o hospital (III)

Cousas Xacobeas: A Madalena de Sarria, as igrexa e o hospital (III)

¿Cantas institucións de acollida de peregrinos poden amosar a atención e beneficios recibidos en catro bulas papais cara o seu xesto de exercicio da caridade?.

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

A terceira igrexa de Santa María Madalena de Sárria, do gótico tardío, e alzada ao mesmo tempo que a parte baixa do claustro, é obra de finais do século XV e primeiros anos do século XVI, xa que no 1511 estaba rematada a nova capela maior.

As obras supuxeron a desaparición da antiga capela de San Brais, un forte rebaixe do chan da segunda igrexa e as obras da capela da Vera Cruz e  nova capela maior. A obra desta terceira igrexa introduciu unha grande alteración na orientación da planta, xa que os dous primeiros templos  tiveron a cabeceira a leste e as súas entradas a oeste, mentres que a nova igrexa, que é a existente na actualidade, ten a cabeceira ao sur e o corpo principal vai cara o norte, ao tempo que un corpo lateral ocupa espazo que fora das dúas primeiras igrexas, e para nova entrada fixeron a porta principal dando ao poñente, á altura do que fora a capela de San Brais.

Proxecto de ampliación

O proxecto inicial de ampliación, polo que conxeturabamos anos atrás, e agora foi confirmado polo coñecemento de novos datos, ía ser maior do que agora vemos, xa que pretendían aumentar o templo ocupando terreos do curral ou lonxa do mosteiro, para o que habería que botar abaixo  a frenteira e o pórtico da segunda igrexa que se mantivo, e foi cegado ao quedar moito máis alto que a nova rasante. Esa obra nunca se fixo, e o resultado foi o dun templo con disposición atípica no que se observan, cunha simple ollada, defectos arquitectónicos e diferentes rasantes con relación a basamentos e alzado de arcos.

Para achegar recursos destinados a facer a nova igrexa, ademais das rendas  xa consolidadas, os “madalenos” admitiron o enterramento de membros de familias fidalgas da comarca, reservando foxas para deitar corpos dos peregrinos falecidos no hospital, e a capela maior foi destinada  para enterramento de frades. Aceptaron por outra parte doazóns e dotacións de familias poderosas para faceren nichos monumentais promovidos polos Ribadeneira, Armesto, os señores de Castelo dos Infantes e outros. 

Capela Maior / Foto Julio

A capela maior contou co patrocinio do mestrescola da Catedral de Ourense Alvaro Núñez de Guitián, o que supuxo a enemiga dos Ribadeneira que se sentiron inxustamente rexeitados, e nesa mesma capela deixou o promotor un nicho alto ao dispor dos Condes de Sárria-Condes de Lemos, cos que non se quixo indispoñer.

Bulas para o Mosteiro

Para a fábrica do mosteiro houbo unha nova proba de atención por parte do Bispo de Roma, ao conceder indulxencias a aquelas persoas  que desen esmolas ou doazóns para as obras da igrexa, da casa e do hospital. 

Por unha segunda bula papal, esta dada por Clemente VII o 1 de xaneiro de 1531, consta que os freires da Penitencia dos Benaventurados Mártires de Cristo (“Madalenos” de Sárria) tiñan por vocación a de daren hospitalidade para socorrer aos peregrinos que ían de romaría a Santiago e o mesmo facían naquel tempo nos conventos da Madalena de Arzúa e Ferreiros, sometidos estes dous ao priorado de Sárria,

Unicamente sometido á autoridade de Roma o convento sarriao foi distinguido por Clemente VII, concedendo a faculdade de absolveren os prioiros aos seus súbditos e aos peregrinos de todos os casos reservados, fora dos contidos na bula de Lausana.

E para maior remuneración espiritual a Súa Santidade “concedeu a todos os que alcancen o limiar do hospital e do dito convento, e a aqueles que desen esmola e visitasen a igrexa o gaño de todas as indulxencias de Roma”, e esta concesión amosa unha clara predileción cara esta institución relixiosa e unha distinción moi sinalada.

nicho dos Condes / Foto Julio

Para gañaren as indulxencias, como se as gañasen indo a Roma, a esmola e visita tiñan que ser polos días de Nadal, Asunción da Nosa Señora, Invención da Cruz, San Bartolomeu, San Vicenzo, San Sebastián, San Brais, Santa María Madalena, Santa Catarina e Santa Lucía visitando a igrexa  despois das vísperas ata a posta do sol, “estando confesados ou tomando propósito de se confesaren”. Estes sinalados días sumáronse aos  establecidos días de remisión e indulxencias contidos na bula do Papa Xoán XXII, douscentos nove anos atrás, concedida á Madalena de Sárria.

O Papa sinala  que o mosteiro sarriao “anda xunto con outro Mosteiro dito de Santa María Madalena de Arzúa (da dita Orde, na diócese de Compostela) de Sárria; un no lugar de Arzúa e o outro de Ferreiros de Arzúa chamado, distante dúas légoas, mais perto do dito lugar de Arzúa, en cuxos mosteiros e hospitais os pobres peregrinos que visitantes chegan ao limiar  de Santiago de Compostela alí son recebidos e con caridade tratados perpetuamente, cos débitos anexos e os froitos producidos e aumentados en  Sárria e nos mosteiros anexos anteditos, en grande cantidade. De xeito que poda ascender o a ese fin destinado a más de 100 ducados en cada un ano, segundo común estimación, sen que existan excedentes neses Mosteiros e Hospitais e de xeito que só é posible facer módicos investimentos nas estruturas e edificios e con faculdade para os prioiros de destinaren parte dos recursos á congrua sustentación dos coengos, que en número de vinte, existen e outras persoas máis moradoras nos dous mosteiros de Sárria e que para a sustentación dos ditos peregrinos que no tempo chegan aos ditos hospitáis. E á reparación de estruturas e edificios ateditos non adiquen menor  cantidade”. E engade  “concedemos particulares indulxenzas e remisións para os pecadores que polo celo dos fieies entreguen a alma dentro ou extramuros dos hospitais”.

Non hai dúbida ningunha das singulares atencións espirituais concedidas polo Papa Clemente VII, que ao mesmo tempo nesa bula establece o réxime de goberno do mosteiro e anexos, en todo suxeito ao Papado e aos seus Nuncios e Visitadores.

No ano 1534 o mesmo pontífice distingue ao mosteiro sarriao con dúas novas bulas relativas ao nomeamento de priorio perpetuo e a súa toma de posesión a favor de Álvaro Pérez de Sárria, que será o derradeiro prioiro dunha orde autóctona e dotada de independencia que en 1568 acabará desaparecendo ao tempo que frei Álvaro Pérez foi despoxado do seu cargo.

¿Cantas institucións de acollida de peregrinos poden amosar a atención e beneficios recibidos en catro bulas papais cara o seu xesto de exercicio da caridade?.

ÚLTIMAS

Sinistro de circulación en Chantada

Segundo informou o 112, o persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi...

A Deputación esixe á Xunta o remate urxente da estrada de Folgoso do Courel derrubada hai dous anos

A Deputación de Lugo esixe á Xunta de Galicia medidas urxentes para axilizar e...

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...