InicioMedio ambiente e PatrimonioMonforte celebraba a finais do XIX Folión de Carros

Monforte celebraba a finais do XIX Folión de Carros

Hai unha pregunta que me fixeron en varias ocasións, é esta: que antigüidade ten o Folión de Carros? É unha cuestión curiosa, mesmo atractiva para especular con ela, pero con resposta incerta. O que si sabemos con seguridade é que o Folión de Carros mais antigo do que agora mesmo temos documento escrito dispoñible tivo lugar en Monforte o 20 de agosto de 1859.

Publicado o

POR
Xavier Viana Álvarez
- Advertisement -

O texto está asinado por Eduardo Méndez Ibáñez e foi publicado en El Ateneo (ano I, núm.15, 3 de setembro de 1859, páx. 5): «[…] Con el objeto de obsequiar á dicha autoridad, y con el de celebrar la terminación de dicha carretera, de la cual tantas ventajas debe esperar Monforte, hubo música, vistosos fuegos artificiales, baile y otros varios festejos, que por ser tan comunes en semejantes casos, no es necesario mencionar; haciéndolo si de uno conocido en este pueblo con el nombre de Folión, y que seguramente desconocido para Vds., consiste en una comparsa de gremios, las que representando oficios y profesiones, recorren las calles en carros, guiándoles en su tránsito la luz que despiden grandes y numerosos hachones de paja […]».

Durante moitos anos lemos e ouvimos dicir de diferentes comentaristas que a festa era gremial e, por tanto, nunha relación nunca fundamentada, que os inicios se podían situar na idade media. Como se pronunciar “idade” e “media” aumentara o valor desta extraordinaria manifestación cultural. Malia todo este discurso costumbrista propio do século XIX, é posible
afirmar, sen titubeos, que a súa idade non é media, senón avanzada, madura. Os avós dos nosos avós, as avoas das nosas avoas, se viviran, lembrarían da infancia algún Folión con carros a desfilar polas rúas.

Para os amantes dos arquivos sinalar que o papel terma do que lle poñan. Que os textos non son fieis testemuños dunha realidade, nunca o foron. Como moito describen unha parte interesada dos feitos sociais. Pero, sobre todo, cómpre recoñecer que ninguén é capaz de escribir dando unha imaxe completa das súas propias expresións culturais: un veciño de
Chantada que escriba sobre Chantada pasa por alto cuestións moi relevantes, que son para el tan invisibles como o aire que respira. Igual que un de Monforte cando escribe de Monforte.

Folión de carros (arquivo) / Concello de Chantada

É preciso o contacto directo coas persoas que sustentan unha celebración para albiscar o seu significado. Conceder a fiabilidade da verdade a unha narración xornalística ou literaria doutra época, escrito por algún dos poucos homes que na altura sabían ler, que ademais percibían o mundo dun xeito ben diferente ao noso, pode ter o encanto da fábula pero é unha auténtica
torpeza.

Os rituais festivos e a vontade de manter o Folión de Carros

A historia das culturas, en palabras do perseguido filósofo, Walter Benjamin: «non é só unha historia dos triunfadores, os dominantes, os superviventes, é principalmente a historia do sufrimento do mundo». As persoas anónimas, privadas de nome na memoria colectiva, son as que realmente salvagardan a cultura. Os rituais festivos, que mitigan a dor humana, ocultando a infelicidade por unhas horas, transmítense entre xeracións por obra e gracia dos vínculos afectivos. O Folión de Carros é do pobo, e o pobo non busca explicacións no que fai, simplemente o fai. Por iso é absolutamente intranscendente cando comezou, en Chantada, en Monforte, en Santiago, en Vigo ou en calquera outro lugar no que se celebrou nalgún momento. O importante é canto representa na actualidade para quen o desfruta apaixonadamente como unha forma de espiritualidade que os une coa súa xente e coa memoria da terra que aman.

E no século XXI, en Galicia, esta reliquia só sobrevive en Chantada. Un non pode deixar de emocionarse cando ve a Manuel Vázquez Regal, Pica; José Manuel González Blanco, Carpi; Roberto Osorio Vázquez, Sementa; ou Laura Vázquez López, entre outras persoas da Asociación Amigos do Folión, traballando estas últimas semanas para «manter vivo o espíritu do Folión»… sen esperar nada a cambio. Unicamente teñen a ilusión de retomar o próximo ano, novamente, a festa dos carros. O compromiso da vila é tan
grande que hai pouco na Praza do Cantón houbo un concerto marabilloso de Suso Vaamonde coa Banda de Música, titulado “De tradición”, que dedicaron ao temporalmente desaparecido Folión de Carros.

En definitiva, todo isto ten mais de filosofía que de historia. Porque filosofar non é un asunto de xente que di cousas que ninguén comprende. Atopamos mais filosofía nun sorriso e nun abrazo o dia do Folión en Chantada que en todos os libros do mundo. Da mesma forma que probablemente tamén aconteceu aquel dia de 1859 na actual cidade de Monforte.

ÚLTIMAS

Fin de semana de foliada, festa e teatro na Pobra do Brollón

Aproveitando o patrón da parroquia, San Xurxo, a de Eixón será unha foliada con...

O IES A Pinguela celebra o 40 aniversario

Este venres 26 de abril o IES A Pinguela ten programada unha xornada na...

RaizameS, un ‘Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra’ en Taboada

RaizameS é un evento innovador e cun formato diferenciador en relación cos eventos do mundo do...

Asemblea xeral da Asociación de Municipios do Camiño de Inverno en Chantada

A Asociación de Municipios do Camiño de Inverno reuniuse este mércores pola mañá na...