A época do xacemento de Penas do Castelo é aínda incerta. O rango de datación vai dende a Idade do Ferro ata a alta Idade Media. Precisamente establecer unha datación do xacemento é un dos principais obxectivos da campaña arqueolóxica, mediante toma de mostras que serán analizadas coa técnica do Carbono 14.
Outro dos obxectivos é centrarse no estudo da muralla, que xa antes de escavar resultaba monumental e nun estado de conservación excepcional. A muralla está acompañada ademais dun sistema de foxos escavados na rocha de enorme tamaño e espectacularidade, reforzado este efecto pola situación acrobática do xacemento, pendurado sobre o río Lor.
Os arqueólogos querían dar coas dúas caras da muralla para poder ter unha sección da mesma e poder comprender o seu sistema construtivo, ademais de deixar un recurso moi visual para as visitas.
As estimacións dos técnicos eran duns tres metros de ancho de muralla cando planearon a sondaxe, mais ao pouco de comezar a escavar déronse conta que debían ampliar a sondaxe: a cara externa estaba moi clara mais a cara interna non aparecía. Tras a retirada do derrube, por fin deron coa cara interna resultando nunha muralla de seis metros de ancho.
![](https://xornaldelemos.gal/wp-content/uploads/2021/09/20210909XacementoPobraBrollon_1-768x1024.jpeg)
A cara externa xa foi escavada anteriormente, comprobando que a muralla asenta directamente sobre a pena, cunha altura de case catro metros de altura conservados, que serían máis no seu momento de uso. Ademais, conserva un zócalo na propia base para axudar a adaptarse á pena sobre a que asenta.
A muralla está construída en seco, sen ningún tipo de argamasa entre as pedras e cun sistema construtivo moi orixinal. No seu interior os expertos puideron ver como a muralla está construída en base a unha especie de módulos que reforzan a estrutura.
Os seus construtores foron dispoñendo, pois, unha serie de reforzos transversais no interior da propia muralla que axudan a resistir a enorme pendente sobre a que foi feita.
‘A muralla é realmente monumental,’ apunta Benito Vilas, membro de Árbore Arqueoloxía e director da intervención. ‘Ademais, o sistema construtivo neste terreo tan escarpado foi efectivo, para probalo non hai máis que ver o seu estado de conservación’.
Para Marisa Defente, da directiva da Asociación Veciñal e Comunidade de Montes, ‘este achado monumental é un atractivo para o monte de Salcedo, tanto para que a xente nos visite como para incidir na conciencia comunitaria da propia aldea. Reforza, ademais a nosa aposta polos usos recreativos e de esparexemento do monte’.
Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón, destaca que ‘con esta intervención, este xacemento estraño, do que aínda non coñecemos a época pero absolutamente monumental, é un recurso turístico interesantísimo para a rede de recursos arqueolóxicos do Concello’.
A directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, María del Carmen Martínez Insua, pola súa banda, salientou a importancia deste descubrimento para poder afondar no coñecemento do noso pasado e documentar as técnicas construtivas coas que se estaba a traballar.