Baixo o título “A construción da paisaxe galega entre a tardoantigüidade e a Idade Media: socalcos, campesiñado e cristinianismo”, preséntanse na Pobra do Brollón unhas interesantes xornadas que poñen en valor o discurso alternativo das comunidades rurais á hora de darlle personalidade a un territorio nun momento histórico concreto.
A intención destas xornadas é recoller os resultados de diferentes proxectos que se están desenvolvendo en Galicia arredor da construción da paisaxe galega nun período que foi clave durante a Alta Idade Media e do que, grazas a eles, estamos comezando a comprender na súa verdadeira dimensión. De feito, os resultados están mostrando un discurso alternativo ao hexemónico no que as comunidades rurais teñen moito que dicir.
A maior parte son proxectos construídos dende abaixo, participados pola sociedade e liderados por investigadoras e investigadores novos, cuxos obxectivos e desenvolvemento contrastan cos procesos que, dende arriba, teñen lugar en paisaxes como as da Ribeira Sacra. Non obstante, estes discursos tamén deberán integrarse porque forman parte da propia construción identitaria da actual Ribeira Sacra.
Centrada a premisa destas xornadas, a intención dos organizadores é artellar as xornadas en tres eixes temáticos: materialidades, paisaxes e pensamento.
Os coordinadores das mesmas son Rebeca Blanco-Rotea (Consello da Cultura Galega, USC) e Xurxo Ayán Vila (Universidade Nova de Lisboa), arqueólogo que desenvolve varios dos proxectos que se levan a cabo na Ribeira Sacra (Castro de San Lourenzo, Os Conventos, Adegas da Memoria).
As xornadas levaranse a cabo na Ribeira Sacra do bordo oriental, na Pobra do Brollón, contando co apoio do concello, da asociación de veciños de Cereixa María Castaña e dos proxectos locais, rompendo o eixe habitual nas actividades.
PONENTES E PROGRAMA
Nas xornadas participarán diferentes investigadores, moitas e moitos deles relacionados co mundo da arqueoloxía e a xeografía como: Iván Álvarez Merayo, Sonia García Rodríguez, Rebeca Blanco-Rotea, Francisco Alonso Toucido, Cruz Ferro, Vítor Rodríguez Muñiz ou o propio Xurxo Ayán; e tamén ponentes doutros eidos como a viticultura, Puri Díaz, ou o ensino, Olga Novo.
En xornada de mañá e tarde, o 24 de setembro haberá tres Mesas de exposición e debade, e o sábado tres visitas guiadas.
O programa completo con horarios está na web do Consello da Cultura Galega. No que respecta á inscrición pódese acceder dende aquí.