HomeMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: O camiño dos xacobitas en Santiago de Barbadelo-Vilei (II)

Cousas Xacobeas: O camiño dos xacobitas en Santiago de Barbadelo-Vilei (II)

Históricamente as casas deste núcleo formaron parte de lugares forais do dominio do Priorado e Tulla de Barbadelo (dependente de Samos) e algunha delas pertencía ao mosteiro da Madalena de Sárria.

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

Os 741 metros da ruta xacobea “canónica” entre As Paredes e Vilei, pasado o súpeto treito da Ribeira de Cervos, van por unha pequena chaira ata o Rego de Paredes, onde principia unha costiña que atravesando o lugar segue, na actualidade, por unha pista ata chegar ao lugar de Mosteiro. Estes espazos estiveron vencellados ao mosteiro de Samos, primeiro, e ao Concello de Samos despois, ata 1840, ano no que se integraron no concello de Sárria.

Pasados o río Celeiro e o Rego de Cervos, Vilei é o primeiro lugar poboado que se acha e está sinalado co marco do quilómetro 111. Está entre os castros de San Silvestre e das Paredes. O seu nome vén dun posuedor medieval , “Belenus”(Belei-Vilei).

Vilei

A aldea de Vilei, á que se chega tamén por vías asfaltadas con orixe perto do Romeo (Maside) e fronte da igrexa de Farbán, é na actualidade un punto ben dotado para a acollida de peregrinos, onde hai establecementos hostaleiros de moi boa calidade. Históricamente as casas deste núcleo  formaron parte de lugares forais do dominio do Priorado e Tulla de Barbadelo (dependente de Samos) e algunha delas pertencía ao mosteiro da Madalena de Sárria.

Pasa o camiño neste treito por terras que foron searas e namelas, sen arboredo, nas denominacións de Agro de Abaixo, Casarellas, Penelos, Agrelo, Lama Río, Penedo, Cortiña, A Raña, Pena da Vila e Pataral e no rebordondo da ribeira está documentada a existenza dunha medorra vencellada ao Castro das Paredes. O topónimo Casarellas remítenos a pobres edificacións séculos atrás alzadas na beira do camiño, e desaparecidas, que estaban non lonxe da Casa das Paredes.

Dentro da aldea hai unha fonte secularmente usada polos camiñantes e polos veciños para apagar sedes e para usos domiciliares. Anos atrás o rueiro foi obxecto de obras de acondicionamento e así, na actualidade, o conxunto presenta un aspecto xeral de boa conservación, eliminados que foron os espazos propicios para o bulleiro.

Hoxe forman parte deste núcleo as casas da Aira, Álvaro, Anuncia, Arxemil,  Baixo, Cerrrelleiro, Daniel, Penela, Portugués, Rivera, Vicente e Zoqueiro,  varias delas froito das partillas dos antigos forais dos Gudíns, Pena da Vila , da Madalena e Casar das Figueiras. Na chamada casa da Tenda, hoxe vaga, achamos unha referenza a unha actividade vencellada ao camiño. En 1981 o número de habitantes era de 53 e no 2013 baixou a 37, seguindo a tónica xeral do medio rural sarriao.

A Casa de Barbadelo, a Casa das Airas e un espazo de descanso están adicados á acollida de xacobitas, contan con bos servizos e ofrecen prestacións que van máis alá das ofrecidas por simples albergarías, por iso o lugar xoga un importante papel como remate de etapa ou para comezo da peregrinación.

A parroquia de Santiago de Barbadelo é, en superficie, a meirande do concello de Sárria e as súas orixes están vencelladas a institucións monásticas instaladas na Idade Media nos actuais lugares de O Mosteiro, San Martiño, Taíde e  Marzán, que acabaron caendo baixo a órbita do mosteiro de San Xulián de Samos e os moradores nela, primeiro como vasalos, e despois como foreiros fixeron posible, co pagamento das rendas,  o nacemento e esplendor dos mosteiros, igrexas e ermidas das que se garda memoria.

Se na Idade Media eses centros de vida monacal acolleron peregrinos, na actualidade son doce os establecementos que na parroquia de Barbadelo adican unha especial atención aos camiñantes que van cara Compostela.

ÚLTIMAS

“Abrazando o bo trato” no Pazo de Tor

Baixo o lema “Abrazando o bo trato” realizouse visita guiada polo museo reparando nas pezas...

O PP lucense esixe garantir a seguridade no tramo de vía Monforte-Ourense

Os deputados do PP lucense amosan "a súa preocupación ante os problemas detectados durante...

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...