Iniciosociedade“Había un sentido de comunidade moi grande entre estas mulleres e a...

“Había un sentido de comunidade moi grande entre estas mulleres e a xente do pobo”, asegura a creadora de “Elas”, Lily Baker

"Dalgunha forma é unha sorte pero hai algunas cousas que esperemos que poidan voltar porque había un sentido de comunidade moi grande entre estas mulleres e entre a xente do pobo, axudábanse moito máis e penso que iso é o que nos falta un pouco agora que vivimos nunha sociedade moi individualista."

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O 23 de setembro proxectábase na casa da culura de Pantón o documental “Elas”, historias de lembranza das nosas avoas. O traballo realizado por unha veciña de Pantón, Lily Baker Fohring, logo percorrería outros concellos como Chantada e A Pobra do Brollón. Durante media hora o traballo mergúllanos na vida das mulleres noutra época, falamos coa autora.

Por que decides facer “Elas”?

Despois da experiencia de voltar a casa despois de anos fora, levaba dous anos viaxando por Australia, Xapón… como bastante lonxe da casa e ao voltar foi como un reenamoramento con Galicia e coa cultura e coa lingua. Xurdiu como un interese en saber un pouco máis do que me rodeaba cando eu era nena. Nunha conversa cun amigo meu contoume a relación que ten coas súas veciñas, que axúdanlle a labrar o campo. El ven dos Países Baixos, non sabían como labrar a terra e elas ensináronlle moito. Falando desta relación falabamos de como todos estes saberes destas mulleres íanse perdendo, como á sabedoría ancestral xa non se lle fai tanto caso. A xente nova marchamos e quedaba esa sabedoría desatendida, as vellas formas de como facían as cousas. Xurdiu a idea de recuperar esas historias e coñecer esa sabedoría desas persoas dos pobos de Pantón.

Elas proxección

Con cantas veciñas falaches?

Falar falei con moitas. Comecei en Torre de Vilamirón e fun facendo cultura polas aldeas, igual falei con 15 mulleres, pero no documental aparecen 8.

Por que esas 8?

Eran as que querían participar. Cando a xente sabía o traballo que quería facer recibín unha morea de recomendacións, falar con esta muller de éxito, esta escritora de non sei cantos libros…. Aí non se entendera o meu propósito que era sacar á luz aquelas historias que non se escoitaron e esas historias hai que buscalas. Hai que meterse un pouco máis fondo. Por iso elas, tiñan unha historia que non fora escoitada.

Que contan esas historias?

Moitas cousiñas diferentes. Contestaban as miñas preguntas e as miñas preguntas eran moito sobre a situación da muller antigamente, de que traballaban, onde se reunían, como socializaban e que tipo de rol cumprían dentro da sociedade. Ese era o meu foco, pero despois hai moitas sorpresas, porque cada unha ten una historia super única. Por exemplo si que se toca moito a parte da emigración, falando do pasado é imposible non falar da emigración e como quedou Galicia baleira. Estas mulleres son supervivintes desa xeración na que marchaban todas e elas quedaron na terra.

Facendo o traballo ou ao rematalo que quedou para ti por riba de todo? A sorte de ser deste xeración e non ser daquela?

Dalgunha forma é unha sorte pero hai algunas cousas que esperemos que poidan voltar porque había un sentido de comunidade moi grande entre estas mulleres e entre a xente do pobo, axudábanse moito máis e penso que iso é o que nos falta un pouco agora que vivimos nunha sociedade moi individualista e agora tamén coa Covid estamos comenzando a entender que nos precisamos os uns aos outros. A miña esperanza é que xurda unha combinación dos saberes ancestrais e forma de comunidade de antes coas novas formas que temos de vivir.

Fas o traballo con xente de Pantón porque ti es de Pantón, pero podería ser extrapolable a calquera concello do interior de Galicia.

Si, de feito agora que estamos facendo o tour fomos á Pobra do Brollón, a Chantada e hai moita xente que si que se viu reflexada nestas historias.

Por que o vídeo?

Moi noviña comecei coa fotografía, captar beleza e capturar historia. Un pouco o que me levou aos documentais é que a través da cámara hai unha posibilidade de comprender as cousas dunha forma máis profunda. Cando comezas cun tema e fas documental acabas coñecendo moitísimo sobre este tema. É unha inquedanza de querer saber, de querer indagar nas historias, ademais de combinalo co amor polo cine que era algo que tivemos na familia desde novos.

Elas

Era o teu primeiro traballo en vídeo?

É o segundo proxecto audiovisual, pero é o primeiro que podo ensinar ao mundo. O primeiro tamén foi un proxecto lindo que foi o de final de carreira, tamén un proxecto documental de mini reportaxes de aspectos sociais que foran como unha alternativa ao sistema capitalista.

Para “Elas” contaches coa axuda do Pacto de Estado contra violencia de xénero, cunha beca que se repartía a través do Concello de Pantón. Algo en mente despois de “Elas”?

A axuda veu moi ben e a temática de “Elas” ía moi ben nese sentido, así que perfecto. “Elas” é media horiña de traballo con tres reportaxes de 8, 9 minutos cunha pequena intro. Despois de “Elas”, continualo, se fora posible. Elas é como una ventaniña á vida destas mulleres, se descubrín algo é que estas historias teñen moito valor e sería lindo poder continualo e facer unha especie de biblioteca de saberes ancestrais galegos.

O teu presente está aquí, ves o teu futuro aquí?

Para min é máis fácil ver un futuro en Galicia que en calquera outra parte, despois do que levo viaxado. Agora marcho a estudar documental creativo en Barcelona, non había posibilidade aquí. Pero dalgunha forma nótome moi conectada á terra aquí, e se levo voltando e índome todo o tempo é porque sempre me chama de novo. Podo imaxinar o futuro aquí e penso que cada vez máis xente nova pódeo facer.

Proxección Elas

ÚLTIMAS

O Club Quixós participa estes días na 2ª Copa de España de Eslálom Olímpico

O Club de Piragüismo Quixós, de Monforte, chegou con dez deportistas a terras catalás...

O IES Daviña Rey e o CEIP Plurilingüe Monte Baliño contarán con Clubs de Lectura nas Bibliotecas

Un total de 431 centros escolares, 53 deles de nova incorporación como serán o...

Axudas para a reestruturación e reconversión das viñas

No DOGA do 26 de marzo publicouse a Orde da Consellería do Medio Rural...

6 empresas locais constrúen novas naves no Polígono dos Acivros, en Chantada

O alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, vén de visitar o Polígono dos Acivros...