Diario de inspiración: …e as musas apareceron no Museo Pazo de Tor

A vida móvese e o Museo móvese con ela, adáptase a unha realidade máis complexa, mirando para a orixe cos ollos de agora. Nunha sociedade postpandemia, a raíz, esas formas de vida que se perden, esa sabedoría que mimaba ao territorio e á comunidade, antóxanse fundamentais para non perder o norte. Iso fixeron as artistas na súa residencia, mamar Tor para levar toda a filosofía que rodea ao museo pegada á pel.

Tor residencia artística Tamara Wassaf / Facebook Tamara Wassaf

A residencia artística que se desenvolveu no Pazo de Tor en agosto foi un milagre de creatividade e de humanidade.

Durante a primeira quincena de agosto 4 mulleres viviron o Museo e achegáronse á súa contorna, afondaron en anécdotas da súa historia e coñeceron a quen o habitou e a quen ten vínculos con el. Mergullaron as súas vidas no Pazo e o Museo Pazo de Tor devolveulles inspiracións nas artes que estas mulleres cultivan.

Encontro coas artistas da residencia

Pouco antes de rematar a residencia, as artistas mantiñan un encontro aberto ao público para explicar que estaban creando a raíz desta experiencia. Días despois inaugurábase o resultado nunha xornada “máxica” porque cando che ofrecen novas narrativas nacen moitas cousas novas.

O resultado desta residencia artísticas viste agora doutros matices o Museo Pazo de Tor e tamén San Paio de Narla

Encontro coas artistas da residencia

A fotógrafa arxentina Tamara Wassaf abre a viaxe no exterior do Museo Pazo de Tor cunhas imaxes cheas de forza, “Quería empaparme do lugar, da invisibilidade do servizo, como se estruturaban os espazos para que non fose visto, dos cheiros, da importancia das herbas documentadas en Tor, das solucións medicinais, da sabedoría local”, e agora Tamara reflexao nas súas fotografías e na narrativa expositiva que creou.

Tamara Wassaf, nova narrativa no Museo Pazo de Tor

Antes de entrar a Soterradas, Carla Andrade, cineasta e creadora audiovisual, presenta a súa proposta desde unha pantalla no chan. Na inauguración unha máquina de fume ambientaba o espazo e adquiría unha nova dimesión que se reflexa na creación videográfica, “Imos a unha realidade máis gaseosa e menos sólida. Interésame este espazo para afondar niso”, dicía Carla presentando o seu proxecto, “Interésame o papel da muller dentro do sistema, a procura da indentidade, a indeterminación”.

Carla Andrade, nova narrativa no Museo Pazo de Tor

Entramos en Soterradas, nese ambiente máis escuro polo que ten de ocultación do servizo e case por definición histórica, da muller, e agora súmanse luces, as que deixaron a actriz e performer, María Roja e a artista multidisciplinar, Eva Antelo. Esas novas narrativas que enriquecen o discurso e chaman a interpretar a historia doutros modos, lonxe dos esteretipos castradores que os poderes sempre queren instaurar para preservarse.

María Roja fíxose andoriña e voou máis aló do océano e trouxo sons da outra beira. A María, Tor fíxoa querer achegarse á aldea da súa nai en Becerreá, “Levei o bo rollo ó pobo investigando as historias de cada casa, facendo a historia da aldea coa memoria conxunta”, aseguraba. Esa enerxía que ela captou co proxecto materilizouna en Tor cuns paxariños en porcelana crúa, en alusión aos niños de andoriña que vira estando no Museo Pazo de Tor. Estes paxariños voaron a América ás casas dos descendentes dos veciños da aldea da nai de María en Becerreá, e con eles levaban os sons de aquí. Eses paxariños regresaron a Tor cos sons do outro lado do océano e agora ambientan as fotografías de María nun cuarto de Tor.

María Roja, nova narraitva no Museo Pazo de Tor

Eva Antelo debuxou noutra habitación interesándose por todo iso que demostra que un lugar está habitado, “Sendo da Costa da Morte estou acostumada á frase, aquí non hai nada e hai que marchar, e parece que cando buscas a vida fóra deixas de valorar o que tes ao lado. En Tor quería afondar niso, no que é importante e o importante para min é a xeografía falada.” E agora os trazos de Eva decoran Tor para seguir ampliando este proxecto, como farán cada unha das súas compañeiras.

Eva Antelo, nova narrativa no Museo Pazo de Tor

A residencia foi a experiencia, a exposición actual o primeiro resultado, pero os conceptos que quedan expostos en Tor están xestando algo maior nas artistas. Están creando un novo discurso que seguirá medrando e co que as persoas se poden enriquecer.

Narrativas mirando a realidade desde dentro, bruxas

Diría que por definición nos museos habitan as musas, inspiradoras das artes. Se xuntamos a catro artistas nunha residencia nun museo para obter novas perspectivas e novas formas de ver e entender o lugar, créanse novas narrativas. Ocorre algo máxico, ou de bruxería. Que soa mellor?… En todos os proxectos destas artistas hai algo de bruxería, por que? Porque ofrecen unha visión diferente moi apegada á terra e ao territorio desde o seu máis profundo ser, e iso eran as bruxas. Nun momento no que todo tiña que ser dunha única maneira, elas eran diferentes e non atendían aos prexuizos do establecido, bruxas. O aquelarre completarase antes de finais de ano coa escritora, Yolanda Castaño, noutra residencia artística… e que veña a Inquisición.

Que veña a acabar coas bruxas, coa histeria, cos remedios e coidados.

As palabras e os significados que lles damos, como e con que asociamos esas palabras?

Museoloxía social, iso fomenta a Rede Provincial

A realidade que nunca é única porque depende de quen a mire. Para entender unha realidade hai que estar dentro dela, hai que vivila, iso fixeron as artitas en Tor. Mirar unha realidade desde dentro creando novas narrativas a ter en conta. Desde fóra a visión dunha realidade non é tal porque hai mil matices que non se ven.

Eva Antelo, nova narrativa Museo Pazo de Tor

No Museo Pazo de Tor o cambio é constante, todo enriquécese cada día, recuperando un pasado agochado polo “discurso do poder”, interactuando coa contorna, incorporando novas achegas de arte contemporánea que entran en simbiose coa atmósfera… Unha atmósfera conciliadora de moitos micromundos. Onde a muller ocupa moito espazo, o que lle corresponde por dereito, pero que antes estaba oculto.

Esa muller apegada á terra que a entedía e a coidaba, esa muller vinculada á familia, á casa, á atención dos maiores e doentes por iso acadaba niveis superiores de entendemento e de sufrimento. Esa muller que escoita, que sabe, que ve, que cociña, que munxe, que lava, que tende, que suxeita, que lles dá aos animais, que consola, que chora, que axuda, que intenta, que aguanta, que seca, que encende, que enche, que sacha, que apaña, que cría, que recolle, que COIDA… Unha bruxa, bruxas todas.

Tamara Wassaf, nova narrativa no Museo Pazo de Tor

A vida móvese e o Museo móvese con ela, adáptase a unha realidade máis complexa, mirando para a orixe cos ollos de agora. Nunha sociedade postpandemia, a raíz, esas formas de vida que se perden, esa sabedoría que mimaba ao territorio e á comunidade, antóxanse fundamentais para non perder o norte. Iso fixeron as artistas na súa residencia, mamar Tor para levar toda a filosofía do museo pegada á pel. Se fas algo, falo para implicarte, se non por que o fas? E logo arde O Courel porque as persoas decidimos alonxarnos do rural e ser robots en sistema no canto de bruxas, aquelas que fluían cos ciclos naturais.

Carla Andrade, nova narrativa no Museo Pazo de Tor

Neste ano San Paio de Narla en Friol, Museo Pazo de Tor en Monforte de Lemos e o Museo do Mar en San Cibrao farán unha viaxe experiencial polo feminismo e a diferenza de xénero, que tamén terán as súas representacións artísticas en diferentes formatos. Como coa residencia de agosto as artistas regalarán a súa alma, o seu ser. Compartirán o que viven durante este encontro nestes espazos, convivindo co territorio, co patrimonio e coa comunidade. Museoloxía social, iso fomenta a Rede Provincial, ampliando os museos con narrativas actuais que nacen do contacto coas persoas e coa terra. A vida movéndose, participas?

María Roja, nova narrativa no Museo Pazo de Tor

DEIXAR UN COMENTARIO

Please enter your comment!
Please enter your name here