HomeMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: Da "Casa Barbatelli" ao priorado de Barbadelo (V)

Cousas Xacobeas: Da “Casa Barbatelli” ao priorado de Barbadelo (V)

Contan que no seu amplo patio se celebraban algunhas das romarías da parroquia, presididas dende o corredor polo párroco e cregos por el convidados, quen dende ali “velaban pola orde e os bos costumes dos fregueses”.

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

No ano 1078 o lugar de “Don Audilán”, doutro xeito coñecido como “Casa de Barbadelo”, baixo do sino de San Salvador (en Rosende) e San Xacobe, foi cedido por Mariña e Pedro Ovequiz ao abade, Cresconio de Barbadelo.

En 13 de novembro de 1166, enteiramente integrado xa o mosteiro de San Xacobe, os seus mosteiros anexos e outras Casas Maiores caeran xa na órbita de Samos e o abade Sancho fíxolle doazón do mosteiro barbadelense ao capelán Paio “para que o posúa e edifique en canto sexa posible e o mellore” impoñéndolle unha serie de obrigas e de xeito tal que canto medrase quedaría para Samos. O capelán tiña que lles ofrecer un bo xantar aos monxes de Samos polo día de San Fagundo e quedaba obrigado a facer viaxes, por mandado do abade de Samos, tanto á casa do Rei como se fose preciso tería que ir a Roma ou a outras partes.

Nese tempo a vida monacal con abade, monxes e monxas en “San Xacobe” (Loci Sancti Iacobi) xa rematara e dende entón Barbadelo e as parroquias anexas (Piñeira, Albán e parte de Maside, xunto con outros lugares illados) pasaron a formar un priorado gobernado por un prioiro que tiña na súa compaña algúns monxes auxiliares.

A Casa do Mosteiro, a carón da antiga igrexa mosteiral, acabou caendo en foros, nun periodo que descoñecemos e na percura dun relativo illamento  dos relixiosos foi alzada, no lugar de Sorriba, a “Casa do Priorado”, tamén coñecida como “Casa da Portaría”, ao sur da igrexa e comunicada co templo por unha corga en costa.

Nesa grande edificación había unha capela adicada a San Froilán, cuxa imaxe está agora nun arquiño lateral da igrexa de Santiago, e alí estaba tamén a “Tulla de Barbadelo”, na que se xuntaba toda o gran procedente dos foros do Couto e lugares anexos, que era administrada polo prioiro con rendemento de contas ó mosteiro samonense.

Partido de Barbadelo

O Partido de Barbadelo, un dos que formaba parte da organización territorial da Abadía de Samos, e sometido á súa xurisdición, estaba  formado polos lugares aforados seguintes: Abeledo, Arxemil, Arxevide,  Baxán, A Chafarica, A Ciguñeira, Os Coruxos, A Devesa, Loureiro, Marzán, Melle, O Mercado da Serra, Mialalma, Miralde, O Mosteiro, Padriñán, Pape, As Paredes, Peruscallo, O Pico, A Rañoiá, Rente, Sabenche, San Martiño, San Silvestre, A Serra, Sorriba, Taíde, Vilar, Vilei Zanfoga de Maside.

Os monxes levaban a administración relixiosa das parroquias, que non formaban parte de ninguha diócese, coa axuda dalgúns cregos “mercenarios”, e entre as súas obrigas estaba a de antenderen aos peregrinos e pasaxeiros pobres que ían ou viñan de Compostela, dándolles axudas na “Casa da Portaría” e atendéndoos nun hospitaliño instalado a carón da igrexa.

Na noite do 17 ao 18 de maio de 1754 fixo pousada na “Casa do Priorado” o padre, Martiño Sarmiento quen, procedente do Cebreiro e despois de pasada a Ponte de Sárria e o río Cigoñeira (río de Barbadelo) chegou á Casa bieita  onde ceou e fixo noite. Na mañá do día 18 saíu de Sorriba cara o Mercado da Serra, e polo Palacio (Feira de Paradela) en Vilamaior da Lobataira seguiu por Castro de Rei ata Riazón e A Lagoa, na Terra de Chantada.

No ano 1764 ocupaban a Casa da Portaría os monxes bieitos samonenses,  Antonio de Prada e Bernardo de Castro, que tiñan un criado ao seu servizo e gozaban de rendas, desmos e outros dereitos e na freguesía había catro cregos “mercenarios” (Pedro Rivera, Xosé Arias, Xosé Arias Losada e Gabriel Arias Losada).

Casa do Priorado corredor / José Mª Díaz Bernárdez

Ao se producir a Exclaustración no ano 1836, a Casa do Priorado acabou sendo a “Casa Rectoral” da parroquia, función na que estivo ata ben entrada a segunda metade do século XX.

Contan que no seu amplo patio se celebraban algunhas das romarías da parroquia, presididas dende o corredor polo párroco e cregos por el convidados, quen dende ali “velaban pola orde e os bos costumes dos  fregueses”.

Na actualidade este monumental edificio está sendo obxecto de obras de restauro promovidas polo seu dono, o avogado sarrriao, Xoán Díaz  Bernárdez,  que o rescatou antes de se converter nun irreparable pardiñeiro.

No lugar de Sorriba, na actualidade, mantén a tradición de acollida de peregrinos un albergue instalado na Cortiña do Pombal perto do antigo Mosteiro.

ÚLTIMAS

700.000€ para reforzar a calidade da subministración eléctrica na comarca de Sarria

Estas melloras beneficiarán aos veciños dos concellos do Incio, Láncara, Paradela, O Páramo, Sarria...

As obras na rúa Cardenal de Monforte e como afectan ao comercio

O Grupo Municipal do PP de Monforte asegura ante as obras na rúa Cardenal...

Polamiúda organiza este 22 de marzo en Chantada a palestra “Padroado de Protección á Muller. Control e represión institucional (1941-1985)”

O padroado de Protección á Muller foi una institución creada no franquismo e pechada...

Opinión: O perdón

Existe en toda alma unha sensación de chamada, un sentimento profundo de anhelo, que...