HomeMedio ambiente e PatrimonioAsentamento neolítico no Moncai, afondando no coñecemento dos primeiros poboadores da Terra...

Asentamento neolítico no Moncai, afondando no coñecemento dos primeiros poboadores da Terra de Lemos

A Serra do Moncai ou de Fornelas, situada entre os concellos de Monforte de Lemos e A Pobra do Brollón proporcionou unha nova sorpresa en forma de achado arqueolóxico.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

Hai unhas semanas era a escavación e datación do sitio da Muradella, un dos monumentos megalíticos máis singulares de Galicia, levantado entre o 2900 e o 2700 a.C., agora, a prospección magnética realizada na súa contorna lanzou uns resultados en grao sumo prometedores. Esta técnica xeofísica utiliza as diferenzas no magnetismo das estruturas soterradas para detectalas e plasmalas nun plano sen a necesidade de escavar. Así, os investigadores, grazas aos labores do técnico do INCIPIT (CSIC) Carlos Otero, puideron descubrir parte dunha estrutura semicircular situada a uns 20 metros ao sureste do impoñente monumento da Muradella. Este tipo de construcións adoitan estar vinculadas a lugares de asentamento do Neolítico final e Calcolítico, no III milenio a.C.

En concreto, este descubrimento podería tratarse de parte do foso perimetral do poboado, que faría ás veces de defensa e de limitador da contorna doméstica. Existen varios exemplos deste tipo de xacementos por toda a Península Ibérica e Europa que, ademais, na área galega adoitan estar vinculados a contornas megalíticas.

No caso de manter a súa tendencia circular, o foso alcanzaría os corenta metros de diámetro e estaría reforzado por un noiro coroado, hipoteticamente, por unha empalizada de troncos de madeira. Esta liña de estruturas serviría de separación física entre o interior do asentamento, onde se realizarían os labores domésticos, e o exterior do mesmo, onde se atoparía o mundo salvaxe, non controlado polos seus poboadores.

Moncai aérea

Doutra banda, o emprazamento do asentamento é interesante por dúas cuestións fundamentais. A primeira é a súa localización na zona sureste do cairn da Muradella, unha orientación cunha especial significación no megalitismo, particularmente no noroeste peninsular. E a segunda, é a súa proximidade a terras de labor con chans lixeiros que permitisen o cultivo cunha tecnoloxía aínda baseada na madeira e a pedra. A proba do potencial uso cerealístico da contorna é que foi usado para iso durante gran parte do século pasado, como pode verse nas fotos dos voos que os americanos realizaron nos anos 50. Con isto, o equipo dirixido polo arqueólogo da Universidade Complutense de Madrid, Rodrigo Paulos Bravo, podería abrir a porta á profundización do coñecemento dos poboadores do Neolítico final na Terra de Lemos. Esta labor contou co asesoramento e a axuda do descubridor do xacemento, o arqueólogo da Universidade Nova de Lisboa, Xurxo Ayán, e o apoio das asociacións de veciños “María Castaña” da parroquia de Cereixa e “Fonte da Freita” da parroquia de Fornelas.

ÚLTIMAS

Delia González, unha filla da emigración galega a Arxentina con raíces en Pantón

Encarnación verbalizaba as palabras mentres súa nora, Flora, escribíaas na mesma cociña, ao carón...

Convócase o Concurso de deseño de carteis das Festas Patronais de Monforte

O Concello de Monforte convoca o XX Concurso de deseño de carteis das Festas...

Excarcerado tras saírse da vía e caer por un terraplén en Sober

Tal como informa o 112 Galicia, os feitos ocorreron sobre as 23.00 horas no...

O PP pedirá no pleno un plan de mellora das zonas de ocio

A voceira popular, Katy Varela, explica que, pese a que son numerosas as zonas...