InicioMedio ambiente e PatrimonioDiario de inspiración: A cultura reponse ao frío no Museo Pazo de...

Diario de inspiración: A cultura reponse ao frío no Museo Pazo de Tor

“Eres o promedio das 5 persoas coas que pasas máis tempo, por iso estes encontros son un privilexio”, dicía Encarna Lago, a xerente da Rede Museística Provincial ao comezo de “Encontros no rural. Saberes Compartidos” que se celebrou no Museo Pazo de Tor. Unha vintena de persoas da cultura falaron da diferenza entre xestionar un proxecto e habitalo. E falaron das palabras, de como sustentabilidade foi roubada e corrompida, ou cultura ou éxito. Todo parece perder sentido, por iso hai que volver á raíz e non deixar que o sistema nos roube as palabras.

Publicado o

- Advertisement -

Os diarios de inspiración, resultado das experiencias cos Museos da Rede Provincial, que xestiona e habita, o Museo Pazo de Tor en Monforte, o Museo Fortaleza de San Paio de Narla en Friol, o Museo do Mar en San Cibrao e o Museo Provincial de Lugo; confirmáronme que temos que facernos responsables da nosa vida aquí, non son responsables os demais. As nosas vidas non poden ser someternos a un ditado e que nos fagan tontos no proceso. Todos temos capacidades e talentos que son útiles para nós e para os demais, iso fainos responsables dos nosos actos.

O Museo Pazo de Tor pechaba xaneiro cunha intensa actividade. Nunha tarde de martes celebrouse “Encontros no rural. Saberes Compartidos” e clausuráronse as residencias artísticas “DaDa” e “Escrita no remoto” coa poeta Yolanda Castaño. As persoas que se reuniron en Tor esa tarde estaban inmersas en querer chegar coa cultura ás persoas, por querer facerse escoitar, por querer facerlle entender á xente que teñen o poder, pero hai que asumilo.

Para seguir este relato hai que ter claro que a cultura o é todo e que a cultura sae do pobo, de cada un de nós, é imposible que sexamos alleos á cultura, e a cultura trae consigo palabras tan fermosas,… autencidade, xenerosidade, expresión, achegamento, entendemento, respecto, talento, cooperación, solidariedade, crecemento, amplitude, sustentabilidade, quédense con esta palabra porque será protagonista.

A cultura é aproximación, son diferenzas que se unen, por iso ao sector cultural debería de prestárselle moita máis atención da que se lle presta. Sempre foi máis fácil ter xente contenta con “servizos mínimos” que ensinarlles a pensar por si mesmos, a sentirse partícipes das cousas, a pensar que podemos formar parte do futuro co que facemos agora, que podemos facer que sexa mellor.

Ou nos movemos ou quedamos tesos

A persoas que se reuniron en Tor asumiron as súas responsabilidades a pesar do frío. E pensaba e penso, ou nos movemos ou quedamos tesos. Non se pode esperar que as cousas nos veñan dadas. E as/os artistas, o mundo cultural o que noutra época sería a farándula, ao final axudan a soster o equilibrio social e a saúde mental, logo veu o fútbol ou a Fórmula 1, cantidades inxentes de diñeiro para xente que corre detrás dun balón ou no coche, fixemos diso un espectáculo e xeran nos mercados o que cobran.

… Pero o outro día fun ver unha obra de teatro e asistín a algo incrible e nin Fernando Alonso nin Messi están preto diso, nin o elenco cobra o que eles.

“Encontros no rural. Saberes Compartidos”

Así de inxusto é o mundo da cultura, segue facendo frío na cultura e por riba o capitalimo e o marketing róubanlles o sentido das palabras, e outras palabras empresariais e económicas métense na cultura, creando un sentimento nas persoas de alonxamento da cultura, consumos culturais, industrias culturais, xestores culturais,…

A actividade promovida en Tor pola Rede Museística Provincial coa colaboración da Vicepresedencia da Deputación fixo de encontro dunha vintena de profesionais da cultura, profesionais de museos, promotores e divulgadores, a comunidade educativa, a artística e a comunidade local do territorio. Reuníronse para traballar co lema “Cara unha museoloxía 4D: social, ambiental, política e economicamente sostible”.

¿Como facer que os proxectos culturais que se fan para chegar ás persoas sexan sustentables?

“Hai que ter unha folla de ruta clara antes de desenvolver o proxecto, unha filosofía de fondo. Executar os proxectos co que temos aoredor, con provedores locais para reducir a pegada de carbono. Imos a traballar para unha comunidade, imos a producir con eles e escoitalos a ver como é mellor producir. Economía circular, que nada acabe no lixo, darlle unha segunda vida a todo.” Foron algunhas das claves que deixou sobre a mesa Blanca de la Torre, crítica e comisaria de exposicións, que apelaba tamén a traballar desde un discurso positivo, “O pesimismo é un luxo. Contabilizamos en cifras o falso éxito cando os proxectos sempre teñen que ver co emocional, coidados e afectos, e esquecémonos diso”.

Seguimos coa sutentabilidade e falando Blanca de la Torre “Non preguntarnos o que perdemos se non somos sustentables, senon o que gañamos se o somos. Hai que redefinir nos nosos proxectos a idea de progreso, da excelencia, da falsa grandeza das cousas grandes, redefinir as necesidades, reaprender e cambiar os valores: a competitividade pola cooperación, o individualismo pola comunidade e o lonxano polo local.”

O caso é que a cultura, iso que é de todos e que sae do pobo, corrompeuse, mercantilizouse pero para vender, non para que cobre quen a materializa. E artistas e promotores quedan supeditados a “un sistema que non funciona, con situacións frustrastes buscando unha excelencia que non existe. Achegarnos ao territorio dunha maneira empática está no discurso, pero non está no orzamento. Participación, colaborativo, horizontal, igualdade,…agora fanse palabras gastadísimas”, continuaba Blanca de la Torre.

“A xente non termina entendendo a cultura como un ben esencial, mentres temos poucas actividades e discursos baleiros. A cultura é o que diferenza un lugar dun país, se a xente se desvincula de calquera oferta cultural estase desvinculando do seu país”, así nun momento, explicábase a xestora cultural, Ruth Sousa.

A situación para a cultura sempre estivo costa arriba, en Galicia ocupa ao 3% da poboación e recibe o 0,08% do orzamanto. Sergio Lago que traballa na formación para axentes culturais insistía, “A cultura é un sector moi atomizado con moitas microempresas que debe buscar solucións concretas en conxunto. Ao referise ao tema fálase de ambigüedades, faltan solucións concretas.”

Hai que favorecer a participación social na cultura. Alberto García, técnico de cultura, lembraba a lacra que supón arrastrar que a “cultura tiña que levar traxe e corbata e xerar beneficios económicos.” Para tentar compensar ese desequilibrio aparecen os dereiros culturais, “Os dereitos culturais entenden a cultura desde outra perspectiva, é un dereito, para acceder e para facela. Ninguén se manifesta pola cultura porque non a entendemos como un dereito, faise pola sanidade. Para valorar máis a cultura ten que ser cousa de todos, non só da xente da cultura, fomos deixando que se sectorialice”.

E no mar revolto hai iniciativas que conseguen funcionar, desde a USC, Fátima Teixeiro, achegouse á participación social, sustentabilidade e inclusión con “Trazando Solidariedade”, proxecto expositivo entre a Rede Museística Provincial e a Rede Lucense de Voluntariado, “Una exposición viva onde as paredes empápanse da xente.”

E como esa é a filosofía da Rede Museística Provincial, todos no Museo Pazo de Tor pisamos a terra. Unha pausa no encontro e tempo para plantar un novo ciprés nos xardíns de Tor despois de que o ciprés de sempre secara, alí cada participante no encontro deixou unha pegada para homenaxear que “Capela, pombar e ciprés pazo é.”

Ciprés plantación “Encontros no rural. Saberes Compartidos” / ABF

Á volta da plantación do ciprés pechábanse as residencias artísticas con nomes como o escritor, Antón Lopo. Desde a Fundación Uxío Novoneyra, Uxío Novo, falaba de como enfoca o seu traballo, “O mundo desequilíbrase bastante cando a esfera da economía conquista todas as demais esferas,…xustiza, medio ambiente, cultura. Traballo sobre os valores que hai detrás da cultura, volvendo a antes de que a economía o invadira todo”.

E alí na Fundación Uxío Novoneyra, Yolanda Castaño, participou dunha residencia literaria en colaboración coa Rede Museística Provincial que tamén a levaría ao Museo Pazo de Tor, a vivir o pazo, a sentir o frío, “O frío que estades sentindo, ese frío serve para que saibades o que vivín eu durante estes días.”

“É triste e perverso porque perdemos todos”

E o frío mantense nunha realidade demoledora, “Interesa o libro non a literatura porque ao redor do libro hai unha serie de empresas. O sistema literario preséntase como cerceador dos talentos literarios, cunhas condicións de traballo que te inhiben da túa creatividade. É triste e perverso porque perdemos todos. Hai que falar ás claras da nosa problemática. As institucións totalmente de costas, a Universidade desconectada da cultura real e as facultades de filoloxía viven dos escritores mortos, desprezando aos escritores vivos.”

O frío é esa falta de apoio á creación real que se sente no corpo, pero sobre todo na alma. Para cubrir esas carencias, para arroupar, a lo menos á alma, existen figuras como as residencias artísticas, “Son un balón de osíxeno que durante semanas, días, te fornecen dun espazo, dun tempo e dunha condición para que se poida desenvolver a obra literaria. Desde o 17 de xaneiro sentínme escritora 24 horas ao día. O único campo abonado para a liberdade creativa é o tempo, un ben moi caro, aquí doáronolo, tempo, espazo e condición.”

“Quítanche o pracer de crear porque non eres capaz de alcanzar esa excelencia”

E Yolanda Castaño compartiu frío, entre outras, coas artistas María Roja e Eva Antelo, que coincidían en que dipor de tempo pagado nas residencias é un agasallo para poder crear e conectar co territorio e as persoas. E volvémonos a meter no frío, “A facultade non me preparou para nada, mentres te leva a aspirar que che recoñezan grandes éxitos. Reivindico o dereito á mediocridade, sempre se aspira a esa excelencia que non é sustentable e moitas veces non é alcanzable. Quítanche o pracer de crear porque non eres capaz de alcanzar esa excelencia, é un pao duro. O barniz da excelencia sepáranos”. Antelo, artista en repouso, segue revelándose, “Se eu tivera unha árbore no peito tería as raíces esfachadas nas tripas, pero as miñas pólas arrincaríanche as unllas.”

Yolanda Castaño no Museo Pazo de Tor

E todo foi arte, “un espazo de conversa e de encontro ao que todo o mundo ten acceso”, como diría a xestora cultural, Alexandra Rodríguez Rey. No recordo mil ideas soltas, a burocracia que obstaculiza; a cultura palabreira; relativizar, sentir e pensar; xardíns de ideas,…

A xerente da Rede Museística Provincial despedía así este Encontros no rural. Saberes Compartidos “Prímanse grandes proxectos e os pequenos quedan sen fondos, estamos indo a unha vida insostible. Renuncio a regalar palabras como sustentabilidade, custa traballar colectivamente por ela porque non nos ensinaron a facelo. Creo que temos que volver ás bases, á esencia, e ser radicais en traballar co produto e as persoas da zona.”

Neste 2023 o Museo Pazo de Tor, o Museo Fortaleza de San Paio de Narla, o Museo do Mar e o Museo Provincial, os catro Museos da Rede Museística Provincial, están repletos de propostas para compartir e expandir. Iniciativas desde os Museos que funcionan como sementes que logo enraizan e bifúrcanse en novos abrigos que non veñen mal en tempos de frío.

Estase a tempo de incribirse nas III Xornadas Pacegas no Museo Pazo de Tor, que se desenvolverán do 2 ao 4 de marzo. Mentres, entre outras citas, o Museo Fortaleza San Paio de Narla acollerá o 25 e 26 de febreiro “Aldearmos”, Encontro de Emprendemento e Xestión Cultural no Medio Rural e o 22 de febreiro no Museo Provincial de Lugo, Marica Campo, Luz Darriba, Helena Villar e Encarna Lago participarán en “Arredor de Rosalía de Castro”. Cousiñas para arrouparse do frío.

ÚLTIMAS

Fotografías gañadoras do Certame ‘Fotoxénica Mente VII’ da Asoc. Albores

Xa se coñecer os gañadores e a gañadora do Certame de Fotografía "Fotoxénica Mente"...

Estudantes de Monforte e Vigo álzanse con tres premios da competición educativa Young Business Talents

Dous equipos de alumnado do IES San Tomé de Freixeiro (Vigo) e un grupo...

Publícase a declación de utilidade pública e interese social dos polígonos agroforestais de San Xoán de Río e Carballedo

No que vai deste ano, son 7 os polígonos agroforestais aprobados en toda Galicia...

Festa da Xuventude en Chantada este 19 de abril desde as 19:00h

Desde as 19:00h. ás 23:00h. actuarán as charangas Mekanika Rolling Band (comeza na Avda....