HomeMedio ambiente e PatrimonioNas ribeiras do Lor na Pobra do Brollón cultivábanse vides no século...

Nas ribeiras do Lor na Pobra do Brollón cultivábanse vides no século VII

Presentadas as datacións de terrazas de cultivo de vide na parroquia de Salcedo, A Pobra do Brollón. As mostraxes foron tomadas no verán do ano pasado polo equipo da cooperativa Árbore Arqueoloxía e Xestión na ladeira do Río Lor na parroquia de Salcedo. Tras recibir os resultados das datacións na primavera do presente 2023, estes foron presentados no marco da ‘Semana Cultural’ de Salcedo a finais de agosto.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

As mostraxes para estas datacións foron extraídas de dúas das numerosas terrazas de cultivo existentes na ladeira do Lor, na que a veciñanza aínda recorda a existencia de viticultura ata hai uns corenta ou cincuenta anos. As mostras primeiro foron procesadas pola edafóloga Rebeca Tallón da USC. Tras datar as mostraxes por Carbono 14 no laboratorio en Miami Beta Analytic, os resultados dan época medieval, aínda que con moita diferenza entre ambas mostraxes, xa que unha adscríbese ao século VII e outra ao século XIII

As mostraxes están na mesma ladeira aínda que con bastante diferenza en altura, unha máis próxima ao río e outra máis cerca da bocarribeira. ‘Tamén as dúas terrazas amosaban diferenzas tipolóxicas, tendo a máis baixa un sistema construtivo peor conservado e a situada a máis altura, un aparello máis traballado,’ comenta Benito Vilas, arqueólogo director do proxecto Penas do Castelo. ‘Resultou que a máis antiga correspóndese coa máis baixa e máis moderna coa máis alta, o cal resulta coherente,’ engade.

Os traballos foron realizados no marco do Plan de Sostibilidade Turística en Ribeira Sacra, financiado polo Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, Secretaría de Estado de Turismo e Axencia Turismo de Galicia.

Relación das datacións co entorno, documentación e toponimia

A través do proxecto Penas do Castelo, revisouse documentación medieval na que aparece mencionado Salcedo e levouse a cabo un estudo toponímico da man dos veciños para localizar lugares mencionados na documentación. O documento máis antigo no que se menciona Salcedo, conservado no tombo de Celanova, é do ano 886 e mediante o cal cédense ao monarca tres vilas: Domiz, Salcedo e Vilachá. Un dos puntos de interese dese documento é que se mencionan as vilas ‘[…]con casas e viñas, pomares, terras cultivadas e incultas[…]’, o cal supón a confirmación documental da existencia de viñas en Salcedo no ano 886.

Dúas das tres vilas mencionadas no documento resultan facilmente identificables na actualidade: Salcedo e Domiz, aínda habitadas a día de hoxe. No traballo toponímico coa veciñanza, varios veciños sinalaron a existencia dun lugar chamado Vilachá na parroquia de Salcedo. ‘Semella coherente identificar ese Vilachá citado no documento con este Vilachá xunto o Lor conservado na toponimia. Unha vila que non chegou ata nós como si fixeron as de Salcedo e Domiz,’ comenta Xosé Gago, coordinador do proxecto Penas do Castelo.

Outro dos documentos revisados é un conservado no tombo de Montederramo do ano 1163, no cal o Papa cede ao mosteiro de Montederramo varias granxas, entre elas, unha granxa situada en Salcedo. Isto proba a existencia dunha granxa cisterciense en Salcedo no século XII.

Con todo, agora coñécese que existiu viticultura ata hai poucos anos na zona, e coas novas datacións, pódese afirmar que esa viticultura vén dende época medieval e vinculada seguramente a un dos grandes centros de poder do que hoxe chamamos Ribeira Sacra: o Mosteiro de Montederramo. Plantéxanse entón novas cuestións, “Quedaría por comprobar se un viño elaborado nestas terrazas pasaría os criterios actuais do Consello Regulador, que ten o límite na parroquia de Barxa de Lor, polo que está a menos dun quilómetro de distancia dos socalcos estudados. E o papel deste estudo e a parroquia de Salcedo na candidatura a Patrimonio da Humanidade. Pode a entrada de Salcedo incrementar o valor patrimonial da candidatura, acadando maior grao de protección para o seu patrimonio? Finalmente, habería que valorar se á veciñanza de Salcedo lle interesarían estes procesos, e ver como a administración desenvolve ferramentas para establecer diálogos.”

ÚLTIMAS

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...

A Vicepresidencia da Deputación ofrece 50.000€ anuais para o Matadoiro de Sarria

Na xuntanza, na que participaron o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, a alcaldesa de...

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...