HomeMedio ambiente e PatrimonioCousas Xacobeas: o Camiño en Barbadelo, San Martiño (XI)

Cousas Xacobeas: o Camiño en Barbadelo, San Martiño (XI)

Pasados o Campo e o Rego de Rente o Camiño de Santiago pasa fronte á aldea de San Martiño ao longo de  230 metros ata chegar ás fincas de Mercado da Serra, deixando ás beiras o Prado da Lama, Ribas, Pozo Barreiro, a Corga de Guimarás, A Cortiña, A Míllara e As Lagas. As casas de Rente quedan ao sur, a 235 metros da actual ruta xacobea.

Publicado o

POR
Xaime Félix López Arias
- Advertisement -

Este lugar, e o seu topónimo, lévannos ao Mosteiro medieval de San Martiño de Barbadelo, do que, inexplicablemente algúns autores publicaron que non se gardaban referenza toponímica nin memoria do mesmo. Esa afirmación cae polo seu propio peso, xa que o lugar de San Martiño aparece constantemente ben ubicado na documentación medieval samonense, nas documentacións de foros e nas denominacións San Martiño, Agra de San Martiño, Ermida de San Martiño e outras semellantes perto do camiño real de Lemos e do lugar de Melle.

O Mosteiro de San Martiño de Barbadelo, na Costa do Monte do Páramo, aparece  identificado en varios dos documentos escritos en latín dos que compoñen o Tombo de Samos:

  • (Ano 904) Doazón do abade Visclafredo das igrexas de San Martiño e San Salvador de Rosende que lle viñan dos abades “Natalis, Visclamondo e Tasmiri”, xunto con outros bens e enade os servos, netos de Teorenio e Agabia chamados Alexandria, Sanzia, Sisibertus, Eimerico, Ferrocinco e Vimara, e manda que os sacerdotes atendan abondosamente aos pobres, “peregrinos“ e a todos os indixentes que concorran aos mosteiros e casas maiores deles dependentes.
  • (Ano 976) Doazón de Sunilano ao seu fillo Vermudo, dándolle, entre outros bens, “San Martiño con todos os edificios e prestacións e todos os seus servos, para que os monxes vivan segundo a régoa santa con pés alegres para serviren á igrexa, coas súas mans as traballen e tamén os destros para faceren mercé aos pobres e “peregrinos”.
  • (Ano 985) Pleito do abade  Vermudo, do mosteiro de Santiago de Barbadelo con Palla Díaz por razón duns libertos, netos de Sisiberto e Nonoi,celebrado na vila real de Elarini (Larín), que rematou co recoñecemento de que eran propios do Mosteiro de San Martiño.
  • (Ano 1162) Poncio de Cabrera doa a Samos a metade da igrexa de San Martiño “que está no Couto de Barvadelo”.
  • (Ano 1195) Acordo do arcebispo de Braga, vencellando a Samos, “Sancti Iacobi de Barvadelo, Sancto Michaelis de Pinaria, Sancti Martini de Barvadelo e a igrexa de Marzán”.

A relación de abades citados no documento do ano 1094 leva á conclusión de que, cando menos, na primeira metade do século IX xa había vida relixiosa regrada no mosteiro barbadelense de San Martiño, e que a vida cenobítica debeu permanecer activa ata darredor das primeiras décadas do século XIII, antes de que os mosteiros do val do río Barbadelo  quedasen reducidos a priorado e granxas en todo suxeitos a San Xulián de Samos.

San Martiño Dumiense

O paso dos anos fixo desaparecer a igrexa mosteiral adicada ao San Martiño Dumiense, evanxelizador da Galicia sueva, e así moitos anos despois non hai máis memoria da institución monástica fora da ermida volta hoxe en pardiñeiro cuxa situación e estado son xeralmente descoñecidos para a veciñanza de Barbadelo e para os estudosos do Camiño de Santiago.

A atención aos pobres e aos peregrinos tivo así  destacada presenza  nun dos puntos máis sinalados da actual parroquia de Barbadelo.

ÚLTIMAS

A Garda Civil investiga a un gandeiro de Chantada por suposto delito de malos tratos animais

Segundo informaron fontes da Comandancia, nunha inspección realizada por axentes da Garda Civil e...

20 persoas rematan formación no Obradoiro de Emprego de Monforte que pronto comezará unha nova edición

Os participantes no obradoiro levaron a cabo a rehabilitación e restauración das naves da...

A Vicepresidencia da Deputación ofrece 50.000€ anuais para o Matadoiro de Sarria

Na xuntanza, na que participaron o alcalde de Sarria, Claudio Garrido, a alcaldesa de...

Soños da compañía Arte Feito, este 21 de outubro no Multiusos de Monforte

Ás 20:15h terá lugar a posta en escena da obra para adultos Soños, da...