HomeMedio ambiente e PatrimonioChantada implanta a recollida de materia orgánica coa campaña: "Recicla con cabeza,...

Chantada implanta a recollida de materia orgánica coa campaña: “Recicla con cabeza, faino de Corazón”

Nos contedores marróns depositaranse únicamente os restos de comida, cascas, ósos, espiñas ou sobras de marisco, ademais de restos de cafés e infusións, papel de cociña, tapóns de cortiza ou sobras de poda e xardinaría.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O Concello de Chantada implanta o servizo de recollida da materia orgánica para o que se suman aos contedores tradicionais (envases lixeiros, vidro, papel e cartón, aceites domésticos usados e contedor verde no que se depositan o resto de residuos), os contedores marróns.

Para o funcionamento deste novo servizo entregarase material específico a cada veciño que o solicite ademáis de ser necesario abrir o contedor cunha chave. Para informar e fomentar o uso deste novo contedor e poder contribuír a seguir mellorando a separación de residuos e a sustentabilidade do municipio, o Concello de Chantada pon en marcha a campaña: “Recicla con cabeza, faino de Corazón”.

A cada veciño/a, previa solicitude, faráselle entrega dunha chave para poder abrir o colector marrón, que atopará situado xunto aos demais colectores. Entregaráselle tamén un tríptico informativo xunto cun cubo doméstico de 10 litros e un pack de bolsas de compostaxe para os primeiros usos.

Polo momento xa se dispón de 20 colectores marróns instalados na vía pública, o resto irase ampliando ás distintas zonas segundo as solicitudes que haxa. Para poder usalos é necesario cubrir a solicitude xa que estes contedores estan pechados e só poderá depositar residuos orgánicos a xente que solicite a chave, evitando que se introduzan outros residuos.

As persoas interesadas en sumarse a esta iniciativa deben cubrir a solicitude na web a través do seguinte enlace: https://testwp.concellodechantada.org/servizos/medio-ambiente/sumate-ao-contedor-marron/

Campaña “Recicla con cabeza, faino de Corazón” / Concello de Chantada

Posteriormente desde o Concello chamarase ás persoas interesadas para entregarlles o material: cubo doméstico, bolsas compostaxe, folleto informativo e chave para abrir o contedor da rúa, ”A chave do colector marrón de rúa é o agradecemento dos que traballamos para facer un concello máis sostible e para reverter o cambio climático”, destácase na web municipal.

A restaurantes, cafetarías e florarías, o Concello entrégalles o seu kit especial para grandes xeradores (con cubos de máis capacidade, segundo o volume que produzan) xunto coa chave para facer uso do contedor. O alcalde, Manuel Lorenzo Varela, anuncia que “Con estes sectores xa se mantiveron encontros para explicarlles o funcionamento do servizo e cada establecemento xa trasladou as súas necesidades a este respecto. A estes establecementos entregaráselles o seu material na vindeira semana”.

“O Concello vai adquirir un camión específico para a recollida deste material orgánico. Esta adquisición sairá a licitación a comezos de febreiro e contará cunha subvención da Xunta. Destinaremos 100.000€ para renovar así a frota para a recollida de residuos. Estes residuos levaranse provisionalmente a San Cibrao das Viñas, mentres desde o equipo de goberno facemos as xestións para que a Xunta adapte a planta de Chantada a este tipo de residuos e poder así abaratar custes”, conclúe o rexedor local.

ÚLTIMAS

Preséntase o proxecto para a urbanización da Zona D

O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada,...

O humorista Alberte Montes presenta “Patrón” este 27 de decembro na Casa da Cultura de Monforte

Patrón é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura...

O pleno do CRDO quere reducir rendementos en viña e limitar novas plantacións

O pleno decidiu por unha banda solicitar unha modificación de prego de condicións en...

Xa se poden pedir permisos de queimas dende o móbil

Os usuarios e usuarias da aplicación móbil XuntaEu que seleccionen o botón “Contacta coa...