Este lugar, da parroquia de Barbadelo, está na divisoria das bacías do río Celeiro (o medieval río Barbadelo) e do río Loio, formando parte do históricamente coñecido como territorio do Páramo perto do Monte de Lamalonga, que os camiñantes atravesaban para se dirixiren ao Sisto ou a Domiz e ao longo de 1.570 metros a vía xacobea remata o seu paso pola parroquia de Barbadelo.
Vai o vieiro entre pasteiros e carballeiras deixando á beira terras que responden aos nomes de Leiro do Vello, Chousa do Vello, Devesa, Lamalonga, Chousa, Real, Aldea, Escairo, Chousa de Marzán, Prado do Muiño, Muiño de Marzán, Gorgosa e Prado do Real. O topónimo “Real” responde ao regueiro con orixe nas lamas entre A Serra e O Monte e non ten nada que ver co camiño e a súa calificación.
Banzado do muíño
Na actualidade o “camiño canónico”, establecido por Valiña Sampedro, deixando á dereita Lamalonga e á esquerda, a certa distancia, os lugares do Monte e Marzán, chega ao Muíño de Marzán á altura da Pena do Real, facendo alí estrema coas freguesías de San Xulián de Meixente e de Santa María de Belante. Esta Pena do Real debeu ser de dimensións notables e desapareceu para sacar a pedra destinada ás paredes que delimitan o camiño e para as edificacións da contorna. Hoxe marca a súa antiga situación un amplo resío, diante da finca do muiño, onde o camiño xira cara o regueiro.
A carreira vai en boa parte entre carballeiras e no seu primeiro treito, a man dereita, hai un grande e profundo pión no que se ve a figura metálica do “Pelengrín”, e ali fan advertenza da perigosidade de se mergullaren nas augas tapizadas de verdes oucas, augas que están destinadas a atallar posibles incendios. Ese espazo fai de aira de descanso e suxire a necesidade de que a ruta xacobea de tanto en tanto fose dotada de espazos semellantes.
Pión do pelegrín
O vieiro neste treito é de boa larganza porque dende 1915 serviu para chegar ao Muiño de Marzán, onde se acabou instalando un motor movido con gas pobre para a produción da electricidade introducida nese ano na vila de Sárria. Esta mellora foi introducida por Xosé Antonio Gayoso, industrial oriundo de Marzán, quen correu coa mellora e mantemento do camiño en beneficio da industria alí establecida.
Na actualidade a instalación eléctrica e o muíño anexo deixaron de estar activos e no lugar hai un establecemento hostaleiro privado, adicado á atención de peregrinos, que ocupa un espazo no que conflúen o regueiro que baixa dende o Monte do Páramo, por Meixente, e outro de menor importancia que recolle as augas vertentes procedentes da Serra, O Monte e Marzán. Reunidas as augas destes dous regueiros, o cauce maior recibe o nome de Rego de Marzán, que acaba rendendo as súas augas ao río Loio, no lugar do Neo (A Pinza), non sen antes ser aproveitada a súa forza en muiños relos hoxe a pardiñeiro.
Albergue
Para mover o muiño hidráulico as augas procedentes deses regueiros eran encoradas nun grande e meritorio banzado, lastrado con laxes de cantaría, e porque o caudal minguaba a maior parte do ano estableceuse un muiño movido por electricidade facilitada pola empresa familiar Eléctrica Sarriana e as súas sucesoras. Esta actividade cesou cando os campesiños deixaron de botar centeo e trigo e nas casas rurais houbo a posibilidade de ter pequenos muíños eléctricos individuais para a elaboración de pensos.
Antes de entrar na parroquia de Santa María de Belante, tirando cara o Chao de Domiz, a vella corga francesa comparte espazo co regueiro e para salvalo hai un longo pasadoiro de pedra máis alto co camiño que, con dous amplos angüeiros, salva a irregular corrente, enteiramente minguada en tempo de verán, constituíndo un espazo que por ser moi pintoresco e obxecto de numerosas fotografías.
Pasal do Regueiro
Este treito hoxe “canónico“, non é o único que pasa pola parroquia barbadelense e ás diferentes variantes históricas faremos alusión máis adiante.
Deixando atrás o Muiño de Marzán a vía xacobea atravesa hoxe a estrada de Portomarín, no Sistelo, e pola Penela alcanza o Chao de Domiz, onde conflúe o camiño que dende a Ponte da Áspera, pasando por Santa Marta e Barreiros, foi vía destacada para acoller o paso de peregrinos.