C@urel Vivo lamenta que cando solicitaron en pleno pedirlle á Xunta un museo arqueoloxico para o concello, no que albergar as pezas que saíron del, a alcaldesa se negase asegurando que era un proxecto moi ambicioso. C@urel Vivo amosa a súa preocupación polo anuncio de que Quiroga está ampliando o museo de Xeoloxía para albergar unha réplica de Elba, atopada entre Courel e Pedrafita, cando consideran que debería estar no Courel.
A alcaldesa de Folgoso do Courel, Dolores Castro, pola súa banda, asegura que a intención do equipo de goberno é poder contar con museos tematizados en diferentes aldeas do municipio. Lembra que antes non había ningún museo e agora si, “pero o que non temos é capacidade para facer un macromuseo”, comenta Dolores Castro.
Con respecto á réplica de Elba, lembra a alcaldesa, que a presentación da peza fíxose na Estación Científica e “nese momento propúxose deixala aí, o que nos parece ben. Firmárase un convenio a tres partes entre as dúas universidades e o concello. Estamos á espera de que nos digan que é o que se necesita para ter aquí a réplica”.
Convencidos de que os ceos do Courel poden ser considerados dos mellores de España para ver as estrelas, C@urel Vivo solicitou en pleno desenvolver os trámites para ser un destino Starlight. Segundo a formación política: “Tampouco viron convinte solicitalo. Agora, concellos como a Veiga xa é destino starlight e Muras pelexa para conseguilo. So hai no mundo 13 sitios recoñecidos e o Courel tiña grandes posibilidades. Non intentan conseguir cousas produtivas, só invisten o diñeiro “ó tuntún” en monolitos, parques que nos custan o 10% do presuposto do anual do concello, etc. Xa non falemos do que NON fixeron para preservar e impulsar o sector primario… Primeiro hai que crer nisto e traballar por esta terra, e cremos que non cren nisto”.
Dolores Castro asegura que o primeiro paso no proceso do Starlight é conseguir a certificación e para isto son necesarios 12.000 euros. “Pero estámolo mirando, non está descartado”.
Outra petición que ten feito C@urel Vivo é que a comarca de Quiroga, que aglutina os concellos de Quiroga, Folgoso e Ribas de Sil, se denominase comarca do Courel. Acusan aos 3 alcaldes de falta de amplitude de miras, cando é evidente, dín, que a comarca sería máis coñecida co cambio de nome e aseguran que seguirán adiante e o levarán a pleno.
Neste tema a alcaldesa de Folgoso sinala “Aquí non presentaron nada, pola nosa parte non habería problema. Pero as comarcas aquí non supoñen nada xuridicamente ou administrativamente, só teñen o nome. Non sei se merece a pena entrar nestes temas. De momento temos o nome de Xeoparque Montañas do Courel.”