HomeMedio ambiente e PatrimonioVisita guiada para coñecer o acondicionamento dun acceso ao túnel romano de...

Visita guiada para coñecer o acondicionamento dun acceso ao túnel romano de Montefurado

A visita, guiada polo arqueólogo Luís López, formaba parte dun acordo entre o Concello de Quiroga e Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, incluíndose no programa de actividades de outono do Xeoparque Montañas do Courel.

Publicado o

POR
Redacción
- Advertisement -

O sábado 14 de decembro tivo lugar na parroquia de Montefurado, en Quiroga, unha visita para dar a coñecer as obras impulsadas polo Concello de Quiroga coa achega de 17.000 euros da Xunta de Galicia. Os traballos serviron para mellorar o acondicionamento de acceso á boca de entrada do túnel romano de Montefurado.

O arqueólogo Luís Francisco López foi quen dirixiu estas actuacións efectuadas recentemente na contorna deste xacemento, un dos máis importantes relacionados coa minaría aurífera romana no ámbito do noroeste ibérico, e nesta xornada foi o encargado de enriquecer a visita coas súas explicacións técnicas.

Grupo de xente que participou na visita guiada. Foto: RTMQ.

No que se refire aos traballos do camiño de acceso incluíuse a limpeza e roza do sendeiro, colocáronse pezas de madeira para suxeitar os recheos e regular a superficie do chan, reparouse a varanda de madeira e colocáronse dous carteis indicativos para sinalar o acceso ao túnel. Na zona do miradoiro da boca de entrada tamén se limpou a zona, repúxose a varanda que faltaba e asegurouse a existente e acondicionouse a mesa interpretativa e actualizouse o panel informativo. Todos estes traballos baixo a supervisión do arqueólogo, contaron tamén co control arqueolóxico dos técnicos de patrimonio da Xunta de Galicia.

O TÚNEL ROMANO DE MONTEFURADO OU ‘BOCA DO MONTE’

Trátase dunha galería artificial que foi realizada na época romana no marco dunha gran explotación mineira aurífera. Perforouse o macizo rochoso para desviar o caudal do río Sil por este túnel co obxectivo de desecar o meandro natural e aproveitar os depósitos auríferos asociados ao mesmo.

No momento da súa construción estímase que a lonxitude orixinal debía chegar aproximadamente aos 120 metros e a anchura aos 20 metros, aínda que na actualidade só se conservan uns 52 metros de lonxitude debido a varios derrubamentos que se produciron ao longo do tempo, un dos máis importantes documentado na década dos anos 30 do século XX.

Entrada ao Túnel de Montefurado. Foto: RTMQ.

ÚLTIMAS

Unha consultora especializada redactará as bases para a renovación do contrato da auga en Monforte

A Xunta de Goberno Local de Monforte deu luz verde á contratación dos traballos...

“Stop agresións”, o 5 de febreiro ás 12:00 concentración do Hospital de Monforte

Segundo o sindicato, a Dirección do Hospital Comarcal de Monforte ten que tomar as...

Entrega de premios do certame de Poesía Infantil Nadal 2025 en Monforte

Este concurso, convocado pola Biblioteca Pública Municipal en colaboración coa Biblioteca Nodal de Lugo,...

A Rede Municipalista Solidaria reúnese na Pobra do Brollón

O Deputado de Recursos Sostibles, Francisco Cajoto Caserío, participou esta semana na xuntanza da...