No século XVI foi cabeza de xurisdición, señoreada polos Riba de Neira, que alí tiveron mordomos e xuices por eles nomeados, posuíndo os casares da Vilerma, Nespereira (Rosende de Ortoá), O Currial, Santo Estevo de Requeixo, A Veiga de Riba ou do Pozo, Veiga da Áspera, Celeiro, Treilán Vilariño, Casal de Zanfoga, Lousadela e otros casares en Terra de Froián e Vilapedre.
En 1475 varias testemuñas declaran que o lugar de San Marta era da Encomenda de Portomarín que “nunca viran serventía de guerra nin a chamo a Sárria, nin do meiriño que alí houbese, agás que ían a chamo de Ruy Gonçalez de Ribadeneyra” . Declarou Gómez Ares, fillo de Ruy Blanco de Sárria, que traía o lugar pola Encomenda de Portomarín, “e antes moraran alí Pero López de Santa Marta e Fernán Rodríguez de Saavedra. Que estaba por xuíz e meiriño dos coutos de Peruscallo, Meixente, Domiz e O Couso. Tamén declararon que con Ruy González vivían dous homes: un escudeiro e un mercader.
Da pertenza ao lugar aos Riba de Neira dá fe abondosa documentación, e do seu patrocinio a prol do Mosteiro de Santa María Madalena e da súa Capela de San Lourenzo, queda a lembranza do desaparecido enterramento da familia da Capela Maior e na non hai moito tempo descoberto sartego, no que apareceron pinturas do Descendemento da Cruz e dos catro evanxelistas, situado entre a Capela do Cristo e a actual porta da sancristía conventual e baixo da roseta, sen que se poida precisar a cal dos membros desa esclarecida familia corresponde o enterramento.
O lugar de Santa Marta, por mor do vencemento e anovación de foros, foi pasando por diversas mans, e finalmente o dominio señorial foise escluindo restando tan só os vincallos derivados do pagamento de rendas, por foros e suforos, referidos máis ben a “costume inmemorial” que á fixación concreta dos bens riba dos que recaían.
O 18 de xuño de 1727, un dos posuidores do lugar, Antonio López de Barxa, confesa estar na obriga de pagarlle aos curas de San Salvador de Sárria a renda de 6 fanegas de centeo en cada un ano.
No Camiño de Sárria a Portomarín, o lugar de Santa Marta era o segundo poboado de paso, no que só as referenzas toponímicas de “Capela”, “Campo” ou “Leiro do Hospital” gardaban memoria do desaparecido hospital para acollida de peregrinos que alí houbera. Era neste treito o camiño unha “corga fonda“ que seguía cara Barreiros, e no que sempre foropn poucas as casas abertas. Concretamente no ano 1857 eran tres as casas do lugar
Como Camiño de Sárria a Portomarín foi moi transitado este tranco, e así, no mapa de Domingo Fontán, vése que dende a Ponte da Áspera a carreira ía pola costa de Penagache cara Zanfoga, e despois de atravesar o Rego de Cervos seguía en dirección ás parroquias de Meixente e Belante.

En anos posteriores ao 1850 estableceuse no lugar unha taberna, na Outra Casa, orientada á atención de quen pasaban polo camiño, e que desapareceu cando se abríu unha moderna estrada dotada de mellores condicións, quedando así arredado o lugar que perdeu a súa condición de “vía única”.
Foi así como a apertura desa estrada con orixe no Barrio da Duquesa de Sárria, nada con vocación de chegar a San Pedro de Portomarín, deixou na década do 1870 á súa man esquerda a aldea de Santa Marta, seguindo un novo trazado por Matafillas, pola man dereita do río Vao e pasando por diante do casal de Río de Ortoá ata se incorporar ao vello camiño das peregrinacións, unha vez pasado o lugar o Pico (Barbadelo) antes de entrar en Barreiros.
O novo camiño atravesa as paraxes de Sortes de Río, O Pozo, O Preguntoiro, Penelas, As Travesas, Matafillas, Agra de Legas, Leira da Cruz e O Pico; e dende a súa apertura foi obxecto de dous acheamentos, o último deles feito pola Xunta de Galicia coa intención de que “a estrada paralela ao Camiño de Santiago” permitise o tránsito cómodo de autos e autobuses que se dirixan a Santiago. O proxecto leva décadas inacabado porque non se abriu novo treito entre As Vendas de Narón e Palas de Rei.
Na man esquerda da estrada, agora denominada de Pedrafita do Cebreiro a Vendas de Narón, LU-633, estivo aberta entre 1949 e 1971 a Escola de Barreiros, promovida por Antonio Fernández (da familia de Antón de Marcos), institución innovadora e comprometida co desenvolvemento do mundo rural e da cultura galega, da que foron responsables os Mestres Avelino Pousa Antelo e Valentín Arias López. A Casa-Escola foi proxectada polo arquitecto, Manuel Gómez Román.
Ao treito xacobeo que por Santa Marta pasaba e ao novo trazado da estrada, mentres non houbo comunicación direita por estrada entre Sárria e Portomarín, facíalle alternativa o camiño que dende O Currial e Rosende seguía ata As Nogueiras, e dende alí ía cara o Chao de Domiz. Este camiño foi seguido, a pé, na súa nenez e primeira mocidade, polo ilustre historiador, Eduardo Lence Santar e Guitián, para as visitas familiares á casa petrucial de Portomarín.
Poucos anos atrás foi recuperado, dentro da traza actualmente posible, o Camiño Francés entre a Ponte da Áspera e O Chao de Domiz, e o “Camiño en Santa Marta ao Pico“, que fora acondicionado por decisión dos veciños, recuperou a calificación histórica xacobea, e agora é seguido por peregrinos que deixan a senda “canónica“ á altura do camiño de ferro, sen seguiren pola Ribeira de Cervos cara o antigo Mosteiro de Barbadelo. Coñecida esta carreira como “Variante Norte“, os fitos sinálanlle na súa orixe unha distancia de 111 quilómetros ata a Cidade do Apóstolo.