Esta asociación sempre viu con receo o paso da A-76 a escasos metros do túnel romano e dende hai anos amosou o seu rexeitamento presentando alegacións ao trazado e realizando diversas accións de protesta simbólicas e comunicados de prensa. O único que se conseguiu con todo isto foi un leve alonxamento do trazado respecto ao túnel e aproximar o trazado máis cara o lugar dos Anguieiros, aldea onde se localiza a Asociación Boca do Monte.
Os seus socios/as entenden que Montefurado é a porta de entrada polo leste da Ribeira Sacra e se esta aspira a converterse en Patrimonio da Humanidade tamén debería terse en conta este lugar con igual interese e preocupación que outros lugares.
Nun comunicado de prensa realizado en setembro de 2017, de importante repercusión en prensa, esta entidade alertaba da ameaza que supón para o túnel romano o trazado da A-76 e posicionábase a favor da opción de levar a autovía dende Ponterrada ata A Rúa e dende alí enlazar cara a Gudiña ata chegar á A-52 (autovía das Rías Baixas). Esta opción, que preservaría o túnel de Montefurado, foi no seu día defendida por partidos como Ciudadanos e entidades como a Federación Leonesa de Empresarios pois consideraban, entre outros motivos, que era boa idea conectar Bierzo e Valdeorras coa estación do AVE na Gudiña e con Oporto (Portugal).
Aproveitando a actualidade destas semanas, o socio da Asociación Boca do Monte, José Luis Gutiérrez -enxeñeiro e profesor- fixo chegar a Xornal de Lemos a súa reflexión persoal sobre este tema.
España é o terceiro país con máis quilómetros de autovías e autoestradas, só por detrás de China e Estados Unidos, e por diante, por exemplo, de Alemaña ou Francia. A países como Italia ou Canadá case os triplicamos. Con todo, parece que non nos loce máis o pelo por iso. Construír tantos AVE, aeroportos e autoestradas non significa necesariamente calidade de vida. Aí temos, como mostra, a Noruega, que con só 600 quilómetros de autoestradas é o país con maior calidade de vida segundo a ONU, cun PIB per cápita de 67.100 euros, mentres que o de España, con case 15.000 quilómetros máis de autoestradas, é de 25.100 euros (2017). Esta semana estase falando moito de que a A-76 finalice en Monforte, e desde alí que se constrúa unha variante ata Chantada, onde se enlazaría coa futura A-56 entre Lugo e Ourense. Desta forma, evitaríase a “desfeita” que semellante obra causaría na Ribeira Sacra, concretamente nos Peares. Moitos xa puxeron o berro no ceo, entre eles os alcaldes de Sober e Pantón. A polémica está servida… Unha polémica que se encarniza cada vez máis polos importantísimos e capitais dez minutos de máis que levaría chegar desde Monforte a Ourense.
En setembro de 2017, desde a Asociación Boca do Monte xa propuxeramos que a A-76 non se realizase na súa totalidade, co obxectivo de salvagardar para as futuras xeracións a Ribeira Sacra e a súa porta de entrada, Montefurado. A proposta, defendida entón por partidos como Ciudadanos ou pola Federación Leonesa de Empresarios (por razóns distintas ás nosas), era que a A-76 se desviase na Rúa cara á Gudiña, e alí enlazase coa A-52 (autovía das Rías Baixas cara a Ourense e norte de Portugal) e coa futura estación do AVE. A nosa proposta, ademais, seguía defendendo que Monforte quedase conectada con Ourense a través de Chantada, evitando así o absurdo de dúas autovías discorrendo en paralelo cara a Ourense durante decenas de quilómetros (a A-76 e a A-56), con núcleos poboacionais atrapados para sempre entre ambas infraestruturas.
Nun artigo recente que publiquei en Bierzo Diario, tentaba debullar e analizar que unha autoestrada non sempre é a solución para a decadencia que sofre un lugar, e queixábame amargamente dos “novos” políticos, como os de Podemos, que ao principio se opoñían freneticamente á A-76, logo estaban a favor, logo en contra, logo a medias, e logo nin se sabe facendo cábalas difíciles de crer cos posibles votos e tentando conseguir a imposible cuadratura do círculo. Poñía como exemplo diversos casos dabondo coñecidos. En primeiro lugar, Benavente, que malia ser o lugar onde converxen A-6, A-66, A-52 e a futura A-65, leva seis anos consecutivos perdendo poboación, sen poder impedir un declive que parece inevitable. Tamén falaba de Mieres, tan contentos que estaban cando a A-66 (dirección Oviedo) e a AS-1 (dirección Xixón) pasáronlles polo medio da poboación (e isto é algo literal, xa que a xente tende a roupa sobre a propia autovía), que en 1996 contaba con case 52.000 habitantes e que en 2017 roldaba os 38.000, a unha perda de case mil habitantes ao ano. Quen vai querer vivir alí tendo a Oviedo a quince minutos? Ou quen vai querer vivir en Monforte se Ourense queda a menos de vinte minutos? Aquí deixo unhas preguntas para a reflexión…
Traballei en Toro (Zamora) durante dous anos, e alí puiden comprobar que a xente prefería ir vivir a Zamora (a 15 minutos), Valladolid (a 25 minutos) ou Salamanca (a 45 minutos) no canto de quedar alí. Xa poden vir todas as adegas do mundo, que a localidade segue perdendo poboación ano a ano, ata situarse xa por baixo dos dez mil habitantes. Unha vez máis, como co AVE, compróbase que, en caso de favorecer a alguén, as autoestradas unicamente favorecen aos polos. Acabarei o artigo cuns datos obxectivos extraídos de varios informes e que calquera pode consultar en calquera Demarcación de Estradas do Estado: “A A-76 entre Ponferrada e Ourense afectará a 37 zonas protexidas ou de especial interese; 12 corredores biolóxicos e zonas de especial valor de paso e de asentamento de especies animais; 13 redes hidrográficas; 4 puntos de interese xeolóxico; 56 especies de flora, algunhas de alto valor ambiental e mesmo un endemismo rexional incluído na Lista Vermella da Flora Vascular Española con categoría de vulnerable; 132 especies de fauna, moitas delas vulnerables ou de interese especial e mesmo algunha en perigo de extinción; e 132 elementos patrimoniais.” O progreso é hoxe (o que por tal entendemos) un mantra, un mantra irracional e acéfalo, porque ben pensado é máis ben unha regresión. Non por repetir unha e outra vez que as autoestradas son boas, moi boas, iso vaise a converter nunha verdade irrefutable.
Quizais deberiamos pensar un pouco máis en defender o noso privilexiado territorio, evitando a destrución do patrimonio natural e cultural; non cortar en anacos e desestruturar o medio rural con túneles e viadutos, que igualmente estarían limitados a 80 ou 100 km/ h; escoitar as advertencias da UE de que para desdobrar unha estrada fai falta unha media diaria de 10.000-15.000 vehículos, cando na N-120, no tramo con maior densidade, apenas se superan os 5.000; o gasto inasumible que podería dedicarse a outros proxectos (inicialmente, case dous mil millóns de euros, que seguramente serán máis); non favorecer a corrupción e a especulación que este tipo de obras comportan nun país como o noso (e quizais aquí esteamos a dar coa clave ao tocar un aspecto sensible); e, finalmente, non desaproveitar a oportunidade de obter un Patrimonio da Humanidade no interior de Galicia, que isto si pode ser o que nos salve no futuro.