O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de anunciar un novo proxecto para a cidade de Monforte, que consistirá na mellora integral do Parque da Compañía cun custe estimado de 272.042,95 euros ive engadido para unha superficie de actuación de 10.025 m².
A contratación farase por concurso aberto, e unha vez adxudicado á empresa que gañe o concurso, o prazo de execución estimado para a realización das obras definidas neste proxecto é de aproximadamente 2 meses dende a sinatura da acta de replanteo, salvo que por circunstancias meteorolóxicas haxa que suspender os prazos.
Esta actuación vén a completar as melloras que nos últimos anos levou a cabo o Executivo de José Tomé nesta zona tan importante da cidade como é a Compañía. Neste senso, o Alcalde indicou que “con esta actuación, seguimos a completar as accións de mellora que dende o Concello levamos a cabo na zona da Compañía, e que significaron a consecución dun novo Parque Infantil (177.000€), a construción dunha pista de Skate (77.000€), a mellora da Pista Polideportiva da Compañía (48.000€) e a mellora da fonte cibernética da praza da Compañía (62.000€), polo que o investimento total, incluído a nova actuación presentada hoxe, que destinamos nos últimos para mellorar a que é unha das zonas de esparcemento e lecer máis utilizadas da cidade, alcanza os 636.000 euros”.
Procederase á substitución do firme do percorrido peonil e do carril bici, que bordea a zona oeste do parque, aumentándoo, á vez, ata unha anchura de 2 metros en todo o seu percorrido. Substituirase o firme actual de pavimento granular por outro de formigón
fratasado de 20 cm., máis acorde cun percorrido deste tipo e que é menos perigoso para caídas dos ciclistas e máis cómodo para o tráfico peonil.
Nas zonas verdes, procederase á substitución dos arbustos existentes, incluso dalgunhas árbores de pequeno porte, que dificultan o seu mantemento e conservación en condicións adecuadas de limpeza, que na actualidade semellan mais a un matorral, por unhas zonas de céspede con instalación de rego automático fáciles de manter e conservar en condicións axeitadas. Nestas zonas achegarase terra vexetal para alcanzar unha cota e darlle unhas caídas adecuadas que faciliten o seu mantemento posterior.
Tamén se eliminarán os bordos nos cambios de pavimento, así como nos bordos das zonas verdes, que poden producir caídas e inconvenientes para os peóns.
Na zona central actual, onde existen árbores e mobiliario urbano, que na actualidade está nunha cota baixa, procederase ao seu recheo con jabre extendido e compactado. Para levar a cabo estas actuacións, procederase ó levantado e recolocación do mobiliario urbano existente, así como os aparatos biosaudables, de ximnasia, así como bancos e mesas de pedra. Tamén se levantará, adaptará e recolocará a barandilla sur.
Crearanse novos paseos peonís pavimentados con formigón fratasado, coa colocación de novo mobiliario urbano: bancos de fundición, papeleiras de aceiro e fontes con grifos pulsadores e reixas sumideiro. Así mesmo, procederase á mellora da iluminación da zona, que na actualidade non está iluminada, con varias zonas claramente infrailuminadas, para o que, colocaranse novas farolas similares ás existentes na actualidade, con luminarias LED. Procederase ao pintado de marcas viarias, continuas e discontinuas, reflexiva de 12 cm., e de símbolos no percorrido peonil e no carril bici.
Prazos e criterios de valoración
As empresas interesadas poden presentar as súas ata o 5 de maio de ás 14:00 h. As mesas de contratación terán lugar os dias 7 de maio (sobres 1 e 2) e o 14 de maio (sobre da oferta económica). Os criterios de valoración das ofertas serán:
Memoria técnica: 40%.
Prezo: 50%.
Ampliación do prazo de garantía: 10%.