O Mosteiro de San Salvador de Rosende, tamén nomeado como Mosteiro de San Salvador de Nespereira, estivo emprazado no lugar de Rosende, da parroquia de Santa María de Ortoá, no espazo xeográfico coñecido como “Costa do Páramo”, na aba sur do Monte do Páramo.
Foi unha das Casas Maiores suxeitas aos mosteiros de San Martiño e San Xacobe de Barbadelo, xunto cun bon número de institucións cenobíticas establecidas nas bacías do río Barbadelo ( hoxe Celeiro ) e Loio, que todas acabaron caendo baixo do dominio do Mosteiro de San Xulián de Samos.
O lugar de Rosende, moi perto da Vilerma, da parroquia de San Pedro de Maside, está baixo do Preguntoiro e do Castro de Rosende, que foi arrasado décadas atrás e perdeu todos os seus vestixios. Está atravesada a aldea polo camiño que polo lugar da Nogueira segue a Meixente, e constituiu unha das alternativas de enlace nos vellos camiños de Sárria a Portomarín.
Referenciado nalgún documento medieval como situado entre “Barbadelo e Páramo”, e fiando o dato só no feito de estar baixo da advocación de San Salvador, algúns autores sinalaron, con evidente erro, a súa ubicación en San Salvador de Vileiríz.
É unha escritura de 24 de maio do ano 904, na que o abade Visclafredo fai doazón a San Martiño de Barbadelo “da vila que chaman Rosende, no territorio entre O Páramo e Barbadelo, que a concedo igoalmente para a vosa igrexa e para a sustentación dos relixiosos neste lugar residentes e para axuda dos pobres e tamén dos fieis concorrentes a este lugar, e toda a familia da igrexa que foi de todos os pais e avós meus e dos primeiros abades nosos don Natal, abade, don Visclamondo, abade, don Tasmiro e outros varios que no pauto anterior están testados, para parte da nosa igrexa”, o que nos leva a considerar que habendo, cando menos, uns cinco abades anteriores, cando menos, na metade do século IX xa había vida monástica en Rosende de Ortoá, facendo os monxes alí establecidos acollida de pobres, pasaxeiros e peregrinos.
Enadiu Visclafredo á doazón os lugares de Rosende e Reboredo, a vila de Maniulfo e outras en Belante, Biville, Barán e outras partes, o que confirma a súa situación na banda sur da montaña do Páramo.
O abade Vermudo no seu testamento de 21 de xaneiro de 1009 déixalle á súa sobriña Xiloira e ao Mosteiro de Samos unha ampla relación de bens, entre eles a igrexa de San Salvador de Rosende, o que ven a confirmar a situación e a identificación da ubicación deste mosteiro que fixemos hai xa anos.
Houbo nesta parroquia outro mosteiro, citado no Tombo de Samos, do que agora, por vez primeira, se publica a identificación e situación do mesmo nalgún dos lugares da marxe esquerda do Río Vao (agora Rego de Cervos) na parroquia de Ortoá.
O 30 de outubro de 967 o presbítero Sisnando fixo doazón da vila de Ortoá ao mosteiro de anta María e Santa Comba “de quen a basílica sita está no Val de Barbadelo, na Costa doMonte do Páramo “.

Mosteiros de Ortoá
Ofreceu nesa ocasión bens “á vosa igrexa e sacrosanto altar, para que sexa para alimento e vestido dos monxes servidores nesa vosa igrexa, e ademáis para luminarias dos vosos altares e esmolas dos pobres, as casas que eu edifiquei alí, co lagar, cubetos, cubas, tallos, leitos, cadeiras, mesas e todos os utensilios, e engadiu, “a metade da herdade que eu teño dos meus pais e avós, tanto o de herdanza como o de gaño e permuta, coas pumaregas, todas as árbores, terras traballadas e bravas, prados e pasteiros, a montes e a fontes, con entradas e saídas, agás as casas que eu edifiquei no quinteiro do meu pai, onde, por outra parte os meus pais habitaron, cos seus horteiros e aira “.
Tamén fixo doazón dun sino de metal, do libro gótico, manual, canónico novo e psalterio perfeto. E ademais os libros que figuraban no testamento de San Miguel de Piñeira: antifonal, os da oración, canónico, manual e da orde, “xunto coa porción dos seus servos , todo para a parte da igrexa“, mandando que “os administren con tolerancia para os sacerdotes, os pobres e os peregrinos, e despois do meu pasamento sexan testados para a parte da vosa igrexa, e para os que nese lugar perseveren en santa vida; de xeito que os teñan e posúan todos e en ningún outro nin o máis mínimo quebranten, nin por rexia potestade. E non os poñan baixo conde, pontífice ou abade, nin outra ningunha persoa, agás nas miñas misas e votos por man de aqueles que aquí nos votos santos perseveren”.
Estes dous mosteiros acabaron desaparecendo e pasaron ao dominio do Mosteiro de Samos, descoñecéndose cando foron abandonados.
A súa situación á beira dos antigos camiños que do val de Sárria conducían a Portomarín e da máis consagrada das vías que dende a cidade lucense ían ao Val de Lemos, facilitou a acollida de peregrinos, non só por razón do cumprimento dos votos monásticos, senón tamén pola solemne imposición desa obriga feita por aqueles que doaron bens para o sostemento desas comunidades de monxes.
Estas dúas institucións monásticas, San Salvador de Rosende e Santa María e Santa Comba de Ortoá, amosan como once e doce séculos atrás, en Santa María de Ortoá, a obra de misericordia de “Dar pousada ao peregrino” tiña enteiro cumprimento. Do mesmo xeito e o mesmo espíritu que se facía nos máis de corenta mosteiros e mosteirolos da comarca sarriá .

Rosende / Alba López